O príncipe Harry de Inglaterra e a súa muller, Meghan Markle, tamén coñecidos como os duques de Sussex, revolucionaron na última semana a actualidade británica anunciando a súa intención de desvincularse das súas obrigas como representantes de alto rango da familia real para vivir unha vida máis independente, a medio camiño entre o Reino Unido e Canadá.
O último precedente dun membro da Coroa que renuncia voluntariamente ao seu rol oficial remóntase a 1936, cando Eduardo VIII renunciou ao trono
A noticia abriu unha crise no seo da Coroa, que a Raíña tratou de resolver anunciando que acepta un período de transición para a parella mentres non se decide en que vai consistir a futura relación entre Harry, Megan e o resto da casa real. O escándalo, que leva ocupando as portadas dos xornais do país desde hai unha semana, foi bautizado como Megxit, en alusión a Meghan Markle.
O último precedente dun membro da Coroa que renuncia voluntariamente ao seu rol oficial remóntase a 1936, cando Eduardo VIII renunciou ao trono para casar cunha muller divorciada de nacionalidade estadounidense.
Polémica polo novo horario da conexión de Vueling entre A Coruña e Londres
Na segunda parte do programa trataremos un tema que afecta moito máis ao común dos mortais: os cambios na conexión de Vueling entre Londres e A Coruña. A partir de abril os voos serán de mañá, e non de tarde-noite como até agora, o que ten xerado unha onda de protesta nas redes entre a comunidade emigrada.
Álvaro Fernández, portavoz da plataforma 'Alvedro vuela más alto', especializada en información sobre o aeroporto coruñés, asegura que o cambio é "imposible" que se reverta a estas alturas pero ve viable que Vueling estableza un voo de tarde os venres e domingos entre A Coruña e o aeroporto de Gatwick, no sur de Londres, co que se podería mellorar a oferta de voos para a comunidade galega.