Endesa-Enel: Exportando represión e pobreza no Quimbo

As obras da central hidroeléctrica Dominio Público Praza Pública

O 14 de febreiro de 2011, Emgesa (filial de ENDESA, participada á súa vez pola italiana ENEL) iniciou a construción da central hidroelétrica do Quimbo, no departamento de Huila, Colombia. Este proxecto, que supón un investimento de máis de 700 millóns de dólares, engadirá 400MW á xeración eléctrica colombiana, cubrindo, xunto co encoro de Betánia (tamén de ENDESA), o 8% da demanda nacional.

A central, cunha vida útil de 50 anos, asolagará 9.000 hectáreas de terreo e xerará importantes impactos ambientais e sociais para a rexión

Por parte do Goberno colombiano e da empresa afirmouse que a finalidade do novo encoro é garantir a soberanía enerxética do país, pero ó mesmo tempo o Ministro de Comercio tamén afirmou que a enerxía xerada polo Quimbo podería ser destinada á exportación.
 
A central, cunha vida útil de 50 anos, asolagará 9.000 hectáreas de terreo e xerará importantes impactos ambientais e sociais para a rexión. Os municipios máis afectados son Gigante e El Agrado, xa que case a metade da área destes municipios quedará somerxida, así como algunhas comunidades como a Escalereta, formada por unhas 500 persoas que levan 35 anos sementando a terra de forma cooperativa. En total, a Asociación de Afectados polo Quimbo (ASOQUIMBO) contabilizou que 1.466 persoas serán desprazadas polo encoro sen que se garanta o mantemento da súa situación socioeconómica.
 

Inundación de 9.000 hectáreas

Toda a rexión se está a ver afectada xa na súa actividade produtiva, baseada na pesca e no agro. O encoro acabará por inundar 2.000 hectáreas de cultivos, coa conseguinte afectación da produción e comercialización agropecuaria que se estima nun valor de 1,25 millóns de euros. Por outra banda, a inundación da zona deixará fóra de servizo as pontes das estradas principais e incomunicará territorios entre si.

Ao grave impacto económico, social e cultural súmaselle o impacto ambiental 

Ó grave impacto económico, social e cultural súmaselle o impacto ambiental, como o é a inundación de 8.550 hectáreas da Reserva Forestal Protexida da Amazonía e a afectación da biodiversidade, así como a contaminación das augas por químicos e sedimentos. Por outra banda, segundo diferentes estudos científicos, as centrais hidroeléctricas producen emisións de gases de efecto invernadoiro, sobre todo no caso dos encoros construídos nos trópicos, xa que este fenómeno aumenta coas altas temperaturas. Por iso, a Comisión Mundial para Encoros considera que os únicos proxectos que se poden considerar “limpos” son os que teñen unha capacidade inferior ós 10MW, 40 veces menor á proxectada para o Quimbo.
 
Como consecuencia de todo isto, Asoquimbo considera que está a comezarse a producir unha crise humanitaria no departamento de Huila e piden a suspensión das obras e a nulidade da licenza ambiental outorgada polo Ministerio de Medio Ambiente, ata que non se faga unha Audiencia Pública Ambiental e os estudos de viabilidade do encoro.

Días despois da resistencia civil ó proxecto, o 14 de febreiro, o Goberno enviou á zona ó Exército e ós antidisturbios para desaloxar o cento de persoas que se atopaban á beira do río Magdalena

A falta de resposta do Goberno levou ós afectados á acción, e o pasado mes de xaneiro un numeroso grupo de persoas trataron de impedir que a multinacional española ENDESA desviara o río Magdalena. Días despois da resistencia civil ó proxecto, o 14 de febreiro, o Goberno enviou á zona ó Exército e ós antidisturbios para desaloxar o cento de persoas que se atopaban á beira do río Magdalena. Na defensa do río varios activistas resultaron feridos graves. Ademais, as forzas de seguridade prohibiron o acceso á zona ós observadores internacionais e xornalistas, e as poucas imaxes que transcenderon, a través dun vídeo realizado por Bladimir Sánchez, custáronlle ameazas de morte. Tralos feitos, os afectados volveron a acampar, pero finalmente o 3 de marzo fíxose efectivo o desvío do río Magdalena.

© Endesa
Imaxe dunha das protestas cidadás Dominio Público Praza Pública

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.