Enrique Santiago: "Sectores da oligarquía colombiana convencéronse de que a paz é conveniente por unha consideración económica"

Enrique Santiago, nun momento da entrevista © EU

Enrique Santiago asesorou durante os últimos anos as FARC no proceso de paz que puxo fin a medio século de conflito armado, no que morreron máis 200.000 persoas. Unhas negociacións complexas que o pasado mes de outubro atoparon un obstáculo máis, coa vitoria do non no plebiscito convocados polo Goberno de Juan Manuel Santos. Rapidamente renegociouse un novo acordo, xa aceptado polas distintas partes, aprobado por todas as institucións colombianas e que xa comezou a aplicarse. Un proceso de paz sen volta atrás que muda completamente a face dun país marcado pola violencia.

O avogado de IU ofreceu este xoves unha charla na Coruña (“Colombia: Paz con Xustiza Social”, organizada por Esquerda Unida), na que acompañado por Christian Camargo (responsable da Xuventude Comunista Colombiana) e a deputada Eva Solla, debullou o proceso que deu lugar ao acordo. Falamos con el.

Como se está a reconfigurar o proceso, trala vitoria do non no plebiscito de outubro?

Tralo plebiscito do 2 de outubro comezou un proceso de renegociación, nunha situación de impasse político motivado por un fracaso político do Goberno colombiano; o plebiscito non era un acordo da mesa de conversas, foi unha decisión unilateral do Goberno. As FARC sinalaron que, en calquera caso, non se podía ignorar esa realidade, e que o resultado amosaba que era necesario incrementar o apoio social e político ao acordo, polo que se renegociaron algúns aspectos, aspectos que non eran transcendentais. Os moitos voceiros que xurdiron do bloque do non presentaron tres bloques de propostas. Hai que dicir con respecto a isto que tralo plebiscito, o bloque do non non tiña unha táboa reivindicatica, nin sequera eles sabían o que propoñían.

"Tralo plebiscito, o bloque do non non tiña unha táboa reivindicatica, nin sequera eles sabían o que propoñían"

O primeiro bloque de propostas eran obviedades: na campaña manexáronse demagoxicamente determinados conceptos, cousas absurdas como que se ía impoñer un réxime castro-chavista en Colombia, que se ían impoñer comportamentos homosexuais á poboación a consecuencia da suposta ideoloxía de xénero ou que se ía abolir a propiedade privada. O segundo bloque aludía a certas imprecisións no texto do acordo, que probablemente podían dar lugar a dobres interpretacións. E despois había un terceiro bloque de propostas que transformaban radicalmente o contido do acordo, e estas foron as únicas que non se admitiron.

"O novo acordo foi posteriormente referendado pola unanimidade das dúas cámaras lexislativas, o que significa que mesmo os defensores do non votaron a favor"

O 12 de novembro pechouse un segundo acordo e o 24 de novembro foi asinado tanto polo presidente Santos coma polo máximo dirixente das FARC. O novo acordo foi posteriormente referendado pola unanimidade das dúas cámaras lexislativas, o que significa que mesmo os defensores do non, que no parlamento teñen o 25 ou 30 por cento dos escanos, tamén votaron a favor. Finalmente, o 13 de decembro a Corte Suprema de Xustiza declarou a vixencia do acordo. Inmediatamente comezou a aplicación das medidas do acordo que estaban marcadas como prioritarias: a lei de amnistía e a lei de xurisdición especial para a paz, e a legalización do novo partido político das FARC, entre outras. E, simultaneamente, comezou o proceso de desarme. Este proceso vai con atraso por unha serie de incumprimentos do Goberno, tanto relacionado coa liberación de presos da FARC coma coa suspensión das ordes de captura coma coa organización das zonas nas que se levará a cabo o proceso de dejación de armas.

"O principal problema é político. O ano 2018 é un ano electoral en Colombia e isto fai que poida haber reconfiguracións políticas que poden influír na aplicación do acordo"

Cales son as principais dificultades que o proceso de paz pode ter por diante? Que elesmentos poderían facelo fracasar?

O principal problema agora é político. Porque o ano 2018 é un ano electoral en Colombia en todos os ámbitos: elíxense alcaldías e consellos municipais, as asembleas lexislativas dos departamentos e renóvanse as dúas cámaras de representantes elíxese o presidente da República. Isto fai que poida haber reconfiguracións políticas que poden influír na aplicación do acordo. Como isto xa estaba previsto, no acordo detallouse un calendario de implementación lexislativa urxente, para que no 2017 quede aprobado un paquete de leis moi amplo. O problema do Goberno colombiano é que depende de tres partidos, aliados na Unidad Nacional: o partido de Santos (Partido de la Unidad Nacional), o Partido Liberal e Cambio Radical. Ata agora esa Unidad Nacional ten unha ampla maioría de dous terzos, pero existe a ameaza de que esa alianza rache, pensando en realiñamentos para o seguinte ciclo electoral. O vicepresidente Vargas Lleras, de Cambio Radical, é probable que aspire á Presidencia, buscando encabezar unha alianza na que se inclúan sectores máis conservadores, o uribismo.

"Outro problema é a necesidade de que se poñan en marcha medidas para desmantelar o paramilitarismo"

Outro problema é a necesidade de que se poñan en marcha medidas para desmantelar o paramilitarismo. Sorprendentemente en Colombia ata agora non existía unha prohibición legal do paramilitarismo, é dicir, utilízase a mesma figura penal para condenar unha banda que rouba teléfonos móbiles que para condenar un grupo paramilitar. É necesario que o Estado persiga non só estes grupos, senón tamén as instancias económicas e políticas que financian e sustentan os grupos paramilitares. O Estado debe tamén garantir a seguridade non só dos ex-combatentes das FARC, senón de moitos outros colectivos: as comunidades rurais, sindicalistas, forzas políticas opositoras, defensores dos dereitos humanos. Tamén é importante levar a cabo o acordo para a substitución de cultivos ilícitos, pero este acordo debe ir ligado ao acordo que obriga a unha reforma agraria na zona rural.

"A violencia non desapareceu en Colombia. Reduciuse, pero neste 2016 foron 120 os dirixentes de comunidades rurais e activistas dos dereitos humanos que foron asasinados"

Existe risco dun rebrote da violencia, tanto pola acción de grupos paramilitares ou dalgunha escisión da guerrilla?

En realidade, a violencia non desapareceu en Colombia. Reduciuse, iso si. A violencia que desapareceu foi a violencia propia da confrontación militar, pero neste 2016 foron 120 os dirixentes de comunidades rurais, activistas dos dereitos humanos ou dirixentes da Marcha Patriótica que foron asasinados. Son niveis inaceptables nunha sociedade supostamente en paz. Porén, neste caso hai diferenzas con outros procesos de paz anteriores que non supuxeron a erradicación da guerra en Colombia. Neste caso houbo un cambio nos equilibrios políticos na sociedade e sectores do chamado establecimiento, da oligarquía colombiana, convencéronse de que para eles é conveniente a paz. Non sei se por unha consideración ética ou por unha consideración económica, pois son conscientes de que a guerra os prexudica. Os sectores da oligarquía rural, que basicamente é terratenente e gandeira, cren que perden economicamente coa paz porque a violencia foi para eles a forma de acumulación de riqueza e de acumulación de terras, mediante o desprazamento violento dos campesiños. En cambio, os sectores da oligarquía urbana, financeira e industrial, inserta no mundo globalizado, é consciente de que está perdendo oportunidades de negocio. Santos convéncese da necesidade da paz cando é incapaz de cumprir a súa promesa de atraer investimento estranxeiro.

"Sectores da oligarquía colombiana convencéronse de que para eles é conveniente a paz. Non sei se por unha consideración ética ou por unha consideración económica, pois son conscientes de que a guerra os prexudica"

Eses elementos e ese desexo construíron o camiño para a paz. Nas conversas, cales foron os obstáculos que máis custou vencer?

O proceso iníciase no ano 2011 cun proceso exploratorio de contactos no marco da guerra. Iso posibilita que en febreiro de 2012 comecen os primeiros contactos, secretos, na Habana, que en agosto acordan a axenda das conversas. Os elementos máis complexos foron o modelo de xustiza: a reparación ás vítimas e o mecanismo para rematar coa impunidade; e tamén o acordo para erradicar a violencia da vida política e permitir unha participación política real. As FARC non pretenden que na mesa de negociación se aproben cambios sociais, pero si que se establezan uns marcos que permitan o exercicio de políticas en democracia. De Colombia coñécese moito o exterminio da Unión Patriótica, pero foi o terceiro exterminio dos militantes dunha forza política da segunda metade do século XX. Primeiro exterminouse a Unión Nacional Opositora e tamén se exterminou a LUCHAR. Case 5.000 militantes da Unión Patriótica, entre eles un cento de deputados, alcaldes e concelleiros, foron asasinados. Tamén se buscaba corrixir as desigualdades do campo colombiano a través da ansiada reforma rural. Outros aspectos foron moito máis sinxelos, coma as medidas de desescalamento militar ou o desminado masivo. Todas as partes aceptaron voluntariamente someterse de forma íntegra a examinar as súas responsabilidades de guerra para lograr a paz, entendendo que a única saída posible é a política, a que pasa pola negociación e sen vencedores.

"Durante os gobernos do PP a diplomacia centrouse na defensa dos intereses das grandes empresas españolas, pero esta desvinculación dos grandes procesos políticos mesmo prexudicou este obxectivo de defensa dos intereses comerciais "

Como valoras o papel de España no proceso de paz, ou máis ben o non-papel?

Efectivamente, o non-papel. Non podo valoralo porque non tivo participación ningunha. E é unha mágoa porque este é o cuarto proceso de paz entre o Estado e as FARC e nos tres anteriores España estivera presente moi activamente, mesmo coordinando os países acompañantes. Pola contra, neste caso estivo totalmente ausente, no marco dun retroceso da presenza diplomática en toda América Latina, sen dúbida froito da defensa a ultranza da denominada posición común da UE sobre Cuba, que é un pacto moi negativo para a diplomacia española en toda América Latina, que mesmo xerou malestar en países que en absoluto teñen simpatías polo goberno cubano. Durante os gobernos do PP a diplomacia centrouse na defensa dos intereses das grandes empresas españolas, pero esta desvinculación dos grandes procesos políticos mesmo prexudicou este obxectivo de defensa dos intereses comerciais das empresas. Neste caso vaise ver como os países que xogaron un papel activo como garantes e acompañantes deste acordo, como Alemaña, van ser recompensados co acceso a contratos e investimentos en Colombia. E España vai pagar economicamente o papel adoptado.

"A propaganda de guerra influíu na creación dunha opinión pública moi adversa ao proceso de paz nas cidades, e iso veuse no plebiscito"

No plebicito percibiuse unha gran diferenza entre a posición das zonas rurais, as máis castigadas pola guerra e que masivamente apostaron polo acordo, e as urbanas, onde en moitos lugares triunfou o non. Está a mudar esta situación? Como está seguindo o proceso a sociedade colombiana?

No ano 2000 as FARC estaban ás portas de Bogotá, a 30 quilómetros, e practicamente non se podía saír da cidade sen pasar por un control das FARC. O colapso do Estado era inminente e por iso o Goberno de Pastrana abriu o proceso de conversas de El Caguán, buscando un reagrupamento das súas forzas e o incremento das axudas internacionais, como conseguiu a través do Plan Colombia dos Estados Unidos. Dende entón unha parte fundamental da reconfiguración da estratexia do Estado foi a intensificación da propaganda de guerra, pouco eficaz nos lugares nos que historicamente se padeceu o conflito, nas zonas rurais, pero moi eficaz nas cidades, onde reside a maior parte da poboación. Nas cidades a guerra vese por televisión, aínda que en todo caso son os pobres quen máis sofren, porque son os seus fillos os que van combater. Esa propaganda influíu na creación dunha opinión pública moi adversa ao proceso de paz nas cidades, e iso veuse no plebiscito e en todo o proceso: a gran maioría da poboación urbana veu todo isto simplemente como unha cuestión de orde pública.

Por iso as FARC opoñíanse á celebración do plebiscito, porque consideraban que era imposible gañalo se previamente non se invertían os efectos desa propaganda de guerra: a maior parte da poboación non tiña información sobre o proceso e, ao mesmo tempo, seguía recibindo esa propaganda contraria. Neste senso as FARC propuxeron a aplicación duns protocolos da Unesco sobre comunicación e procesos de paz, que foron creados nos anos 90 para a súa aplicación en Centroamérica. O Goberno colombiano negouse e de aí veu o resultado do plebiscito.

"O resultado provocou unha reacción en moita xente que non votara, sobre todo xente nova, que o que pide é unha oportunidade para construír unha Colombia en paz"

O curioso deste asunto é que esta percepción comezou a cambiar a raíz da vitoria do non. O resultado provocou unha reacción en moita xente que non votara (a abstención foi do 50%), sobre todo xente nova nas cidades, de todos os estratos sociais, que o que pide é unha oportunidade para construír unha Colombia en paz. A guerra coas FARC durou 52 anos, pero é que o país leva en guerra case de forma ininterrompida dende finais do século XIX: a Guerra dos mil días, o Período da violencia... E, ademais, a forma en que as FARC aceptaron o resultado do plebiscito seu lugar a un efecto sorprendente: cando se asinou o acordo de paz, a favorabilidade do presidente Santos estaba no 20% e hoxe rolda o 18%; mentres, a de Timochenko, que estaba no 4%, hoxe subiu ata un 24%. No momento en que cesa a propaganda de guerra, estase producindo un cambio moi importante na percepción política. Isto pasou tamén no seu momento coa Unión Patriótica, por iso as FARC consideran que as vías políticas poden ser as máis axeitadas, sempre e cando se permita facer política.

 

Enrique Santiago, na charla que ofreceu este xoves na Coruña © EU
Enrique Santiago, nun momento da entrevista © EU

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.