Galicia mobilízase en defensa do pobo palestino

Manifestación de repulsa nos territorios ocupados © http://diariodepalestina.prazapublica.com/

Os ataques do exército israelí en Gaza provocaron xa máis de 170 falecidos. Dende o seu inicio, o pasado venres, distintas voces erguéronse en Galicia condenando a ofensiva militar. E será este luns e martes cando se convoque novamente á cidadanía para protestar nas rúas contra esta acción e contra a ausencia de reacción da comunidade internacional, comezando pola UE e o propio Goberno español. Este luns hai concentracións en Ourense, Compostela e Ferrol, ás oito da tarde nos tres casos, convocadas por Mar de Lumes, BDS-Galiza e outros colectivos.

A Coordinadora Galega pola Paz convoca concentracións unitarias diante dos concellos de toda Galicia para este martes 15 de xullo, ás 20 horas. A Coordinadora manifesta publicamente o seu "rexeitamento máis absoluto das accións xenocidas do goberno sionista de Israel en contra do pobo palestino" e sinala que "estamos diante da enésima violación da legalidade internacional e dos dereitos humanos máis elementais por parte do goberno israelí, nesta ocasión, contra dun territorio ilegalmente aillado e bloqueado no que viven millóns de persoas, un auténtico campo de concentración sometido periodicamente a accións militares unilaterais e desproporcionadas por parte dun Estado terrorista que provoca numerosas víctimas inocentes, especialmente, mulleres, anciáns e nenos".

Para a Coordinadora Galega pola Paz "resulta imprescindible a presión da sociedade civil e da cidadanía, diante das súas propias institucións e das do goberno israelí co obxecto de impedir esta nova matanza", o que motiva este chamamento público "á solidariedade para co pobo palestino, e de apoio ás súas xustas demandas de autodeterminación e creación dun Estado propio". De igual xeito, fai un chamamento á comunidade internacional "para que non permaneza por máis tempo calada, especialmente á UE", e para que "propicie a mediación e o diálogo entre as partes por medio de sancións económicas e políticas contra do goberno israelí".

Este luns hai concentracións en Ourense, Compostela e Ferrol

Non é a única convocatoria de protesta ante a acción militar israelí. En Ourense BDS-Galiza e Mar de Lumes, en colaboración cunha ducia de colectivos sociais e políticos, chaman a unha concentración de solidariedade co pobo palestino este luns 14 a partir das 20 horas na Praza do Ferro. Nela denunciarán os "bombardeos indiscriminados do exército que levan provocado máis dun cento de mortes", os "ataques xenófobos dentro das fronteiras do estado de Israel  nunha 'caza ao palestino' que lembra a persecución sufrida polos xudeus na Europa dos anos 30" ou a "indiferenza e silencio da comunidade internacional".  Tamén este luns, en Compostela, Mar de Lumes convoca a unha concentración (ás 20 horas na Praza do Toural) para continuar coa resposta solidaria e en chave galega a este xenocidio planificado. De igual xeito, a Fundaçom Artábria convocou unha concentración para este mesmo luns, ás 20 horas, ante o edificio da Xunta de Galicia en Ferrol.

O mércores, o BNG de Compostela organiza un acto aberto baixo o nome 'Paremos o xenocidio en Palestina' ás 20.00h na Praza do Toural. Entre outras persoas, intervirá Fayez Badawi, representante da Fronte Popular para a Liberación de Palestina. Con este acto, o BNG quere expresar a súa condena ao que cualifica de "xenocidio" do pobo palestino a mans do Estado de Israel, que "actúa con impunidade con esta nova vaga de ataques indiscriminados que están a causar ducias de mortos e miles de feridos e detecións ilegais masivas ante a indiferenza da comunidade internacional".

Manifestación de repulsa nos territorios ocupados © http://diariodepalestina.prazapublica.com/
Cartaz da concentración convocada este luns en Compostela Dominio Público Mar de Lumes

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.