"Israel ten unha carencia absoluta de valores democráticos"

José Antonio Martín Pallín © Carlos Pérez Cruz

Maxistrado emérito do Tribunal Supremo, o galego José Antonio Martín Pallín (A Coruña, 1936) foi un dos relatores do curso de verán organizado pola Universidade Pública de Navarra e a ONG Sodepaz titulado Dereito Internacional e Dereitos Humanos: alternativas para o cumprimento da legalidade en Palestina, celebrado os días 4 e 5 de setembro en Iruñea-Pamplona. Martín Pallín é membro do Tribunal Russell sobre Palestina que, en sesión celebrada en Cidade do Cabo (Sudáfrica) en 2011, concluíu que Israel practica un sistema de apartheid cos palestinos. O maxistrado, que tamén presidiu a Asociación pro Derechos Humanos de España, compartiu almorzo no seu hotel con El Asombrario & Co. ao día seguinte da súa conferencia sobre a "convivencia xurídica" de España con Israel, un país para o que a Biblia pode servir como contrato de propiedade da terra. E claro, "cando a un xurista lle invocan a Yahvé... Eu non podo falar con Yahvé!".

Falamos no marco dunhas xornadas tituladas Dereito Internacional e dereitos humanos: alternativas para o cumprimento da legalidade en Palestina. Desagregar. Dereito internacional. Israel, líder mundial en incumprimento das resolucións. En definitiva, campión mundial da violación do dereito internacional.

Efectivamente. E ademais, sen que merecese un reproche por parte dos países con máis soleira democrática e con máis tradición e potencia no mundo internacional. Isto quere dicir que goza dunha certa patente de corso por unha serie de razóns que sería longo enumerar. Nestes momentos, quizá pola súa posición xeoestratéxica dentro dese espazo convulso que é Oriente Próximo.

Dereito internacional e dereitos humanos. De que forma se traduce en Israel o incumprimento dos primeiros na violación dos segundos?

"Israel, que sufriu durante un período de tempo atentados graves, atentados suicidas reacciona cunha política sistemática de exercicio da forza á marxe do Dereito"

Esa patente de corso, á que me referín, deu lugar a que o Estado de Israel, que sufriu durante un período de tempo atentados graves, atentados suicidas -atentados como sufriron España, Inglaterra e outros países como Estados Unidos-, reaccionase cunha política sistemática de exercicio da forza á marxe do Dereito. Institucionalizou as torturas e, sobre todo, adoptou medidas que mereceron o reproche da comunidade e dos organismos internacionais, como a construción do muro.

O título das xornadas procura a busca de "alternativas para o cumprimento da legalidade en Palestina". Deixemos esa procura en particular para máis adiante, rebusquemos agora na experiencia persoal de José Antonio Martín Pallín. Cando viaxas alí por primeira vez? Con que idea viaxas? Con que idea regresas?

Tería que comprobar a data, porque son un desastre, pero creo que en 2006 ou 2007 mediante unha iniciativa na que participaban a Asociación Pro Derechos Humanos de España e varios organismos. Estivemos dez días. Tivemos oportunidade de percorrer a zona de norte a sur. Tivémonos que dividir. A min tocoume a zona de Hebrón -que é moi significativa, como todo o mundo sabe-, Belén, etcétera. Algunhas cousas fixémolas conxuntamente.

"A imaxe común na maior parte dos sitios é a de soldados con casco e armamento de guerra que, ademais, non cumpren funcións estritamente militares senón policiais, de control da poboación"

En primeiro lugar, non che pode deixar insensible a militarización. A imaxe común na maior parte dos sitios é a de soldados con casco e armamento de guerra que, ademais, non cumpren funcións estritamente militares senón policiais, de control da poboación. Non se dedican exclusivamente a deter persoas sospeitosas de actos de terrorismo ou de pertenza a organizacións terroristas, senón que fundamentalmente se dedican a impedir que a vida cotiá das comunidades palestinas transcorra con normalidade. Controis a mulleres, nenos e ambulancias, cortes sorpresivos da circulación, dificultades para recibir asistencia médica -non xa soamente de urxencias senón a do día a día-, incertezas mesmo sobre se podes chegar ou non ao colexio ou á universidade. E unha prepotencia e unha arrogancia que... Chamoume a atención que a poboación palestina, sobre todo as mulleres e os nenos, aprendeu, eu creo que instintivamente, ninguén llo ensinou, a mirar moi fixamente aos soldados. Iso chamoume a atención. Había unha especie de, por unha banda, humillación e resignación pero, polo outro, tamén desafío. E deume a sensación de que algúns soldados non soportaban ben a mirada. Á fin e ao cabo, son seres humanos e haberá de todo.

É o que esperabas atopar ou ao chegar alí descobres algo que che cambia a percepción da situación?

En canto a esta situación que acabo de describir, non. Pero, por exemplo, o que si me chocou, quizá pola miña deformación como xurista, foron as demolicións. Naquela época había demolicións punitivas con familias ás que pertencían persoas que se inmolaron, etcétera. Mesmo sectores amigos do Estado de Israel dixeron que iso era a lei do talión e foron baixando. Pero, sobre todo, chocáronme as demolicións chamadas administrativas. Son o imperio da prepotencia, coma se un rei absoluto da Idade Media fose o que decidise. Tiraban para adiante coa escavadora. Nos casos máis benévolos avisaban con cinco ou seis horas, aparecían coa escavadora e non lles daba tempo a sacar nada. Claro, ver iso sobre o terreo... Aí fomos guiados por Meir Margalit (fundador do Comité israelí contra a demolición de casas), que mesmo chegou a subirse a unha escavadora. Preguntabas que defensa tiñan e contestaba que ningunha, porque aínda que teñan documentos non os admiten os tribunais. Tirábanas sen máis, por capricho.

É algo que falei con Lea Tsemel (avogada israelí de presos palestinos, participante tamén destas xornadas universitarias): a indefensión dos palestinos cuxos casos deben resolver os tribunais israelís. Ela mesma recoñecíame que o número de casos resoltos favorablemente aos seus clientes era mínimo ao longo da súa historia. E explicaba: "non perder xa é unha vitoria".

(Sorrí). Si, efectivamente, se che dan razóns de forma é que case che están dando a razón. Un non viviu a sensación, e mesmo é difícil de imaxinala, de que ti que estás na túa casa, na túa cidade dunha Europa civilizada, e un día chegue un señor e che derrube a casa. Creo que é unha sensación parecida á que sufrimos todos os que padecemos un roubo en casa. A sorpresa ao entrar, unha sensación de que che violaron a intimidade. E é simplemente que se levaron catro cosas, que afortunadamente non che estragaron a vida. Imaxina que será que che rouben todo e que desapareza a casa.

Citabas na túa conferencia a Lewis Carroll, Alicia no país das marabillas: "As palabras significan o que din os que mandan". Que significa e que implica esa significación da palabra "seguridade" en Israel?

A seguridade é o leitmotiv. E, nisto hai que ser xustos, non só de Israel senón de moitos Estados, que antepoñen a seguridade e impiden que se ceda a liberdade. Eu sempre cito unha frase de Benjamin Franklin que di que se cedes a liberdade para conseguir a seguridade perdes as dúas. Esta política está aquí elevada á enésima, é unha obsesión. Até un neno é sospeitoso de ser un neno bomba.

Este verán tivemos o caso dun neno de Hebrón de cinco anos detido porque tirara unhas pedras aos soldados. En Hebrón, onde os colonos e o propio exército están dentro da cidade. Hai casos permanentes.

Onte viuse nun dos vídeos que presentou (a profesora) Lidón (Soriano) o do tema do lixo (que se acumula en redes metálicas que os palestinos teñen colocadas sobre as súas cabezas para protexerse do lanzamento de obxectos dos colonos que ocupan as vivendas superiores). Creo que mesmo había unha neveira, se mal non recordo, co perigo que iso supón se che cae encima. Eu pasei por baixo delas. Ademais tiven unha experiencia que parece unha banalidade pero que é un bo reflexo do que pasa. Hai unha especie de torno para acceder á Tumba dos Patriarcas. Eu estiven no torno. Hai un soldado que o acciona. Detrás de min viña un mozo, a vinte ou trinta metros, e meteuse no torno. O soldado mosqueouse. Eu quedeime mirando e o soldado, sen xeito nin dereito, porque despois deixouno ir, tívoo case un minuto dentro do torno porque si. E non había outra razón.

Non sei se che pasou como me pasou a min sempre que tiven ocasión de estar alí. Quizá non tanto en 2006, que estaba moi recente a Segunda Intifada, pero percibín resignación.

Quizá fose despois de 2006 porque, agora que falas da Segunda Intifada, ía Ariel Sharon a Nacións Unidas a facer unha proposta e por iso baixaran un pouco o diapasón.

Eu percibín resignación, que seguramente se demostra ben nese estar encerrado un minuto dentro do torno e non reaccionar ante iso, senón soportalo. Aguantalo e seguir a túa vida o mellor que poidas.

Si, claro, porque imaxino que este feito día a día, con algúns incluso acudindo aos tribunais e vendo o rexeitamento continuo, desmoraliza a calquera e lévao á resignación. Iso en calquera lugar do mundo.

As palabras conforman o relato. En política priviléxiase o relato sobre os feitos de modo que se xoga ao descoido, procúrase pasar por aceptable o inaceptable. Que relato fai Israel para facer aceptable ao mundo unha palabra que, aínda que eles eviten, é indiscutible que define con precisión unha realidade que sobre o terreo tradúcese en sufrimento como é "muro"?

"Eles sosteñen que non é un muro que teña nada que ver co Muro de Berlín. É un muro de seguridade e fano exclusivamente pola seguridade dos seus cidadáns, din que teñen esa responsabilidade"

Efectivamente, eles sosteñen que non é un muro que teña nada que ver co Muro de Berlín. É un muro de seguridade e fano exclusivamente pola seguridade dos seus cidadáns, din que teñen esa responsabilidade. Se cadra un estratega podería xustificalo, eu non son estratega, sobre todo nas zonas de Xerusalén, que foron as zonas conflitivas, e en Tel Aviv. Por exemplo, en Tel Aviv houbo atentados e en Tel Aviv non hai muros, así que non ten moita relación. Mesmo en Xerusalén rompe o estatuto da cidade. A idea é esa, a dunha medida de seguridade complementada cos checkpoints e polo servizo de seguridade e de control. Porque todo isto que se conta de que, efectivamente, os palestinos carecen de nacionalidade, de que teñen que inscribirse, é un mecanismo fundamentalmente de control. Non terían inconveniente en darlles un papelín de cores dicindo que son palestinos, pero é que os queren ter controlados constantemente. E claro, para cuestións administrativas, como conseguir un abono de transporte ou outra cousa? Fano como un mecanismo de control. Hai unha zona de Xerusalén na que ves o muro e dis: ben... Pero é que noutras é esaxeradamente alto. Debe de ter oito, nove ou dez metros. Eu saquei unha foto debaixo e a perspectiva de ver a unha persoa humana pegada a esa parede é unha cousa incrible.

Hai unha panorámica de Xerusalén onde, se non te fixas moito, non se ve o muro. Non se se este muro, aínda que eles eviten a comparativa con Berlín, superou as peores expectativas sobre muros. Non se se ha ir máis aló dese Muro de Berlín.

Non o sei, pero, claro, realmente non poden presentalo ante a comunidade internacional como unha medida proporcionada... Hai unha regra de ouro na reacción ante calquera inseguridade que é a proporcionalidade. O comportamento de Israel en todos os terreos: no do muro, o dos interrogatorios, o das detencións preventivas-administrativas, o das demolicións, etcétera, ha ir moito máis alá. Hai outro tipo de demolición que se me esqueceu, que son aquelas casas que, por razóns puramente topográficas, que quedan a non sei cantos metros do muro, son eliminadas.

A non ser que non acepten colocación de vixilancia militar na súa azotea, etcétera. Á parte de que haxa mesmo focos situados estratexicamente fronte ás xanelas dos dormitorios, como puiden comprobar estando alí. Que esta tamén é unha guerra psicolóxica. 

Detalle do muro © Carlos Pérez Cruz

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.