O grupo de mercenarios Wagner detén o avance de tropas cara a Moscova no seu desafío a Putin

Vladimir Putin, nunha imaxe de arquivo do ano 2022 CC-BY-SA www.kremlin.ru

Ao longo da tarde deste sábado, a mediación do presidente de Bielorrusia, Alexander Lukashenko, conseguiu que Prigozhin frease o avance dos seus soldados e decidise o regreso ás súas bases "para evitar un derramamento de sangue ruso"

O Goberno de Vladimir Putin está a enfrontarse á súa maior crise interna coa rebelión iniciada por Yevgeni Prigozhin, xefe do grupo de mercenarios Wagner, que ordeou este venres a entrada das súas tropas na cidade rusa de Rostov, sede do mando militar sur. A pesar dos chamamentos das altas instancias militares e do propio Putin para que Prigozhin cesase o seu movemento, o xefe de Wagner redobrou a súa aposta posteriormente, dirixindo as súas tropas cara á capital do país

Porén, ao longo da tarde deste sábado, a mediación do presidente de Bielorrusia, Alexander Lukashenko, conseguiu que Prigozhin frease o avance dos seus soldados e decidise o regreso ás súas bases "para evitar un derramamento de sangue ruso". Nas conversas ambas as dúas partes terían acordado dar pasos para reducir as tensións e os puntos de conflito entre o Goberno ruso e a empresa de mercenarios.

Cemiterio militar do grupo Wagner CC-BY-SA RG72

A crise iniciouse o venres pola tarde, cando o xefe do grupo Wagner acusou o Ministro de Defensa de enganar a Putin para invadir Ucraína. Ademais, denunciou un ataque con mísiles do Exército ruso contra os seus campos de adestramento 

A crise, que fixo estoupar as crecentes tensións entre Putin e Prigozhin, iniciouse o venres pola tarde, cando o xefe do grupo Wagner acusou a Sergei Shoigu, Ministro de Defensa, de enganar ao presidente para invadir Ucraína. Ademais, Wagner denunciou un ataque con mísiles do Exército ruso contra os seus campos de adestramento, unhas acusacións negadas polo Ministerio de Defensa

Horas despois, Wagner anunciou o comezo dunha operación para dirixirse a Rostov, onde nese momento se atopaba Shoigu. En resposta, dende Moscova abriuse unha causa penal na súa contra por incitar á rebelión armada. 

Na mañá deste sábado Putin cualificou a acción de Wagner de “acto de rebeldía” e de “traizón"

Na mañá deste sábado Putin cualificou a acción de Wagner de “acto de rebeldía” e de “traizón”, sinalando que "calquera axitación interna é unha ameaza mortal para o noso estado como nación” que representa “un golpe para Rusia, para o noso pobo e para as accións que estamos a emprender para protexer á nosa patria". Prigozhin respondeu a estas acusacións afirmando que el e os seus homes son “patriotas”

Na mañá deste sábado os soldados ao mando de Prigozhin atravesaron Vorónezh e continuaron avanzando cara ao norte. Pola tarde, o gobernador da rexión de Lipetsk alertou do ingreso de soldados de Wagner no seu territorio, cuxa capital está a menos de 400 kilómetros de Moscova

Na mañá deste sábado os soldados ao mando de Prigozhin atravesaron Vorónezh e continuaron avanzando cara ao norte. Xa pola tarde, o gobernador da rexión de Lipetsk alertou da entrada de soldados de Wagner no seu territorio. A capital, Lipetsk, atópase a tan só 360 kilómetros ao sur de de Moscova. Porén, finalmente, o avance dos soldados de Wagner foi detido.

Pola súa banda, o Ministerio de Defensa ruso advertiu este sábado de que Ucraína está a aproveitar o movemento de Prigozhin para lanzar unha contraofensiva sobre a cidade Bajmut, clave na fronte leste do conflito, e que fora conquistada precisamente polas tropas de Wagner.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.