O IGADI presenta o seu informe anual, que analiza "un mundo varado na crise"

Capa do IGADI Annual Report © IGADI

O IGADI (Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional) vén de presentar o seu Annual Report, que chega á súa sexta edición. Baixo o titulo de Un mundo varado na crise, conta cunha vintena de artigos que analizan a actualidade dos procesos xeopoliticos en todo o planeta grazas á colaboración dunha ducia de expertos. O documento completo pódese descargar libremente nun pdf.

O informe salienta que no 2013 "os países ricos e desenvolvidos seguirán inmersos no estancamento ou case; os países emerxentes, pola contra, poden experimentar novos avances que repercutirán nun reducido alivio das cifras do crecemento global pero sen introducir ao cabo variacións de alcance". E engade que "en paralelo, a activación de novos fluxos de relación circundando ao mundo desenvolvido, entre países de América Latina e Asia, de África ao Medio Oriente, etcétera, irán conformando unha realidade nova, con dinámicas xenuínas que tarde ou cedo trasladarán o seu impacto ás reticentes e anquilosadas estruturas do sistema económico e financeiro global obrigando a unha actualización das correlacións de forzas".

Faise fincapé igualmente en que "coa UE pendente de si mesma, a relación Estados Unidos-China gañará dimensión global. A competición entre Washington e Pequín afondará os inevitables conflitos de intereses a pesar da paralela importancia dos seus vínculos económicos e o esforzo por sinalar áreas comúns que amortezan a natural pugna entre a potencia establecida, pero en declive, e a ascendente". Tamén se destaca que "ás portas de 2015, os Obxectivos de Desenvolvemento do Milenio, concibidos pola ONU en 2000 para propiciar un salto elemental en indicadores básicos da calidade de vida dos millóns de persoas menos favorecidas, están mais caídos no esquecemento ca nunca".

 

Listaxes de artigos

Europa: austeridade e parálise
De Siria á post Primavera árabe
EUA: conxurando o declive
Novas elites no PCCh
Liderados, rumbos e tensións en América Latina
Conflitos nos mares da China
Alemaña e Europa: Merkel ao desencontro
Israel e Irán: eleccións baixo tensión
Luces e sombras do milagre angolano
As novas apostas exteriores de América Latina: de Asia a Oriente Medio

De volta ao partido de Estado: o México de Peña Nieto e o “fin do mundo”, segundo os maias (Luciano Concheiro)
A Unión Africana, 10 anos de proxecto panafricanista (María Ángela Tous Sansó)
Xapón: Cambio político en 2012 e perspectivas para 2013 (Masashi Oki)
Algunhas crises na Europa. Unha reflexión antes da viraxe de rumbo (Ánxelo Gonzalves Vicente)
O desxeo do Ártico. Punto de partida para a disputa da rexión (Marcelo J. Reyes)
Os pobos ábrense paso (Xabier Macías)
O G-20 e os paraísos fiscais (Roberto Montoya)
Pobreza e dilemas da axuda ao desenvolvemento (Pedro Ramiro)
O futuro enerxético do planeta (Xoan Doldán)
Os islamismos fronte á democracia (Roberto Mansilla)

Capa do IGADI Annual Report © IGADI

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.