Junts pel Sí e CUP sacaron adiante no Parlament de Catalunya este mércores a lei do referendo de autodeterminación do 1 de outubro. O bloque soberanista do lexislativo catalán forzou os preceptos regulamentarios para introducir o texto ao límite de prazo na orde do día da sesión plenaria, mentres que a oposición formulou varios recursos contra a admisión a trámite. O pleno suspendeuse en varias ocasións, con continuas reunións da Mesa -a última de tres horas-, ata que se reanudou por última vez a última hora da tarde. Ao peche desta edición, continuaba o debate coa exposición de emendas.
A presentación, antes, dos recursos por parte de Ciutadans, PSC e PP deu lugar a dúas xuntanzas da Mesa do Parlament, órgano reitor da Cámara. A intención última deste trámite, alén de amosar a oposición política ao proxecto soberanista, foi atrasar todo o oposible a votación da norma e así dar tempo a que sexa suspendida dende o Tribunal Constitucional. A tramitación inicial foi apoiada por JxSí, CUP e Catalunya Sí que Es Pot, se ben os membros deste grupo están divididos no que atinxe ao apoio ao referendo e ao propio procedemento, como ficou reflectido no debate posterior.
A primeira votación precisa para que saia adiante a lei foi a da alteración da orde do día. A continuación, JxSí e CUP sacaron adiante a a supresión dos trámites previos da norma, un procedemento de lectura única para chegar directamente ao seu debate final. Procuran, igualmente, esquivar na medida do posible a acción do Constitucional, do que o Goberno de España pretenda que declare ilegal o conxunto do procedemento.
O bloque soberanista defende a tramitación exprés da lei do referendo do 1-O, mentres que Ciutadans, PSC e PP ven lesionados os dereitos dos deputados e agardan a intervención do Constitucional
Como informa Catalunya Plural, a alteración da orde do día para introducir a lei do referendo foi solicitada ao inicio do pleno pola voceira de Junts pel Sí, Marta Rovira (ERC), que pediu as devanditas dúas votacións. A petición foi secundada pola CUP a través de Anna Gabriel. Ambas concordaron en que é a vía acaída para evitar o bloqueo do TC. A xuízo de PSC, PP e Ciutadans o bloque soberanista está a vulnerar os dereitos dos deputados ao non lles outorgar tempo material para examinar a lei nin permitíndolles acudir ao Consell de Garanties Estatutàries.
Á intervención do TC referíronse tamén formalmente o secretario xeral do Parlament, Xavier Muro, e mais o letrado maior da Cámara, Antoni Bayona. A través dun escrito dirixido á mesa alertaron de que tanto a lei do referendo como a de transitoriedade xurídica -cuxo trámite aínda non iniciaron JxSí e CUP- van contra as advertencias do tribunal español de garantías.
O Consell de Garanties reproba a tramitación exprés da lei pero JxSí considera que os seus ditames non son vinculantes
A media tarde, o Consell de Garanties Estatutaries pronunciouse sobre a capacidade do pleno do Parlament de utilizar o artigo 81.3 para suprimir algúns dos trámites preceptivos no debate lexislativo. O denominado Tribunal Constitucional catalán considera que os deputados teñen dereito a acudir a el para reclamar un ditame sobre a adecuación da proposición de lei ao Estatut e á Constitución, concluíndo que este trámite non pode suprimirse. Dá así a razón ao PSC e reprende a Forcadell, lembrándolle que a Mesa debe abrir un período de trámite para que os grupos poidan pedir o devandito ditame. No entanto, as consideracións do Consell non foron tidas en conta ao lembrar JxSí que "non é vinculante".
Ao tempo, a impugnación presentada polo Goberno central contra a tramitación da lei do referendo chegaba xa ao Tribunal Constitucional, que se reunirá este xoves. Rajoy pediulle ao TC que non se limitase a unha "mera declaración de nulidade" e adopte medidas para evitar a secesión.
Mentres, a Mesa seguía reunida a porta pechada e o pleno do Parlament suspendido para decidir se se debatian as emendas á totalidade, incialmente rexeitadas pola Cámara. JxSí e a CUP presentaron varias emendas á súa propia lei do referendo para crear canto antes a Sindicatura Electoral e para buscar dar cobertura legal ao censo. O texto foi votado e aprobado pouco despois das nove da noite.
- EN DIRECTO | Catalunya Plural
- MINUTO A MINUTO | Diari Ara
- MINUTO A MINUTO | Vilaweb