Os gobernos do Reino Unido e de Escocia anuncian un acordo sobre o plebiscito, que terá lugar no outono de 2014, no 700 aniversario da batalla de Bannockburn, como quería o SNP, unha das máis famosas vitorias das tropas escocesas sobre as británicas. O SNP tamén conseguiu que poidan votar as persoas que teñan entre 16 e 18 anos, informa a BBC. Porén, isto foi xa rexeitado por representantes do Goberno británico e do Partido Conservador.
A cambio, David Cameron consegue que as opcións do referendo se reduzan a si ou non á secesión, descartando unha opción intermedia que concedería máís autonomía a Edimburgo, como defendía Escocia.
David Cameron consegue que as opcións do referendo se reduzan a si ou non á secesión, descartando unha opción intermedia que concedería máís autonomía a Edimburgo, como defendía Escocia
O acordo foi presentado nun comunicado conxunto do secretario de Estado para Escocia, Michael Moore, e a viceprimeira ministra escocesa, Nicola Sturgeon, que anunciaron que se conseguiu "un progreso substancial cara a un acordo definitivo" sobre o referendo. Os representantes de ambos os dous gobernos explicaron que nos próximos días continuarán as negociacións para ultimar os detalles e poder presentar un acordo definitivo aos primeiros ministros británico e escocés, David Cameron e Alex Salmond, antes da reunión que manterán o próximo luns en Edimburgo.
Este anuncio chega só un día despois de que o Congreso rexeitase a celebración dun referendo semellante en Catalunya cos votos en contra de PP, PSOE e UPyD e os votos a favor de CiU, Esquerda Plural, Amaiur, PNV e o Grupo Mixto.