O Congreso dos Deputados aprobou a semana pasada a toma en consideración da proposta de lei presenada por PSOE e Unidas Podemos para suprimir o coñecido como voto rogado en futuros procesos electorais.
Este sistema, implantado en 2011 para poñer fin aos casos de fraude electoral entre as comunidades do exterior, obriga a todos os españois rexistrados no Censo Electoral de Residentes Ausentes (CERA) a solicitar o seu dereito a votar nas eleccións autonómicas, xerais ou europeas. Deste xeito, e a diferenza do que pasa cos residentes en España, aos electores do estranxeiro non lles bastaría con presentarse nas oficinas consulares para meter a papeleta na urna nos días habilitados para votar, senón que deben ter tramitado a súa alta no censo electoral con anterioridade, independentemente de se van votar presencialmente ou por correo.
Este cambio de 2011 na Ley Orgánica del Régimen Electoral General (LOREG) trouxo consigo unha caída substancial nos índices de participación dos censados no exterior e deu lugar a numerosos problemas relacionados con retrasos na tramitación das solicitudes ou casos de sufraxios extraviados ou inválidos por chegar fóra de prazo.
“O grande reto que temos por diante é conxugar o exercicio do dereito ao voto coa seguridade xurídica, é dicir, cun voto con garantías”
A reforma, cuxa aprobación inicial contou co apoio de todos os partidos do Congreso, incluído do BNG, propón aumentar os prazos para reducir o número de votos que non se contabilizan por chegar tarde, así como eliminar o requisito de rogar o voto, facilitando de oficio as papeletas a todos os censados no exterior. A diferenza do que acontecía no pasado, os españois no CERA non recibirían por correo na casa o feixe coas papeletas dos partidos, senón indicacións sobre como descargalas telematicamente.
“Aínda non está claro en que consistirá ese modelo de papeleta telemática”, asegura Pilar Cancela, deputada socialista pola provincia da Coruña e portavoz do seu grupo no debate da semana pasada no Congreso.
Entrevistada no Té con Gotas desta semana, Cancela pediu “perdón” a todos os españois que desde 2011 non puideron exercer o seu dereito ao voto por causa deste sistema e asegurou que a medida “chega tarde”, aínda que nun momento “axeitado”, dado que non hai convocatorias electorais previstas nos próximos meses.
“O grande reto que temos por diante é conxugar o exercicio do dereito ao voto coa seguridade xurídica, é dicir, cun voto con garantías”, asegurou Cancela.