Os incendios en Portugal provocan a dimisión dunha ministra e unha moción de censura contra Costa

Os incendios causaron máis de 100 mortes este ano en Portugal CC-BY-SA Jorge Laranjo

Os incendios que na última semana causaron 41 mortes en Portugal están a provocar importantes movementos políticos no país luso. Esta mesma mañá a ministra da Administração Interna, Constança Urbano de Sousa, vén de presentar a súa dimisión a través dunha carta na que explica que con este paso quere "preservar" a súa "dignidade pessoal". A renuncia de Urbano de Sousa -que xa solicitara abandonar o seu cargo despois dos 64 falecementos provocados en xuño polo lume en Pedrógão Grande- foi aceptada polo primeiro ministro António Costa.

O CDS-PP xa anunciou a presentación dunha moción de censura contra o Goberno socialista, que xa conta co apoio do principal partido da oposición, o PSD. 

Porén, non semella que o abandono da máxima responsable do operativo de loita contra o lume vaia facer acalmar a treboada para o Executivo de Costa. O CDS-PP xa anunciou a presentación dunha moción de censura contra o Goberno socialista, que xa conta co apoio do principal partido da oposición, o PSD. As recentes eleccións municipais, nas que o PSD reduciu moito a súa representación, supuxeron un relanzamento do minoritario CDS-PP, convertido no principal partido da dereita na cidade de Lisboa. O PCP xa anunciou que non apoiará a manobra. Será a 23º moción de censura en Portugal dende 1985 (só Passos Coelho tivo seis na anterior lexislatura); só unha, en 1987 conseguiu cambiar un goberno.

Marcelo Rebelo de Sousa ameazou con "exercer todos os poderes", botando man das atribucións previstas na Constitución (coma a disolución da Asemblea), se non hai medidas inmediatas

A crise política xerada polo lume motivou tamén a intervención do Presidente da República, Marcelo Rebelo de Sousa, que ameazou con "exercer todos os poderes", botando man das atribucións previstas na Constitución portuguesa (coma a disolución da Asemblea), se non hai medidas inmediatas. Este martes Rebelo de Sousa esixiulle ao Goberno um “novo ciclo” e a remodelación dos responsables da xestión do territorio e dos operativos de extinción e seguridade. O Presidente foi moi duro con Costa e respondeu ás declaracións do primeiro ministro socialistas, nas que Costa sinalaba que as medidas -necesariamente de longo prazo- non terían efectos inmediatos e nas que advertiu de que situacións coma as vividas nos últimos se ían repetir. Rebelo de Sousa afirmou que "pensar no longo prazo non significa termos de convivir con novas traxedias ata chegarmos alá" e pediu que a reforma do monte e a loita contra o lume se convirtan “en prioridade nacional” botando man dos recursos dispoñibles nos orzamentos. 

António Costa admitiu "erros" por parte da súa administración, mais reiterou que "o que temos son sobre todo problemas estruturais. En catástrofes desta dimensión, todo contribúe"

Pola súa banda, António Costa admitiu "erros" por parte da súa administración, mais reiterou que "o que temos son sobre todo problemas estruturais. En catástrofes desta dimensión, todo contribúe". Voces expertas apuntan tamén a estas análises, criticando a excesiva presenza de masas de eucaliptos no país ou a construción sen control no medio do monte: "é imposible defender decenas, centos de casas no medio das árbores". Porén, entre as críticas que está recibindo o Goberno socialista, unha delas refírese á debilidade do dispositivo de extinción, entre outras cousas porque a non extensión de dous contratos con empresas privadas fixo que 29 medios aéreos deixasen de poder ser utilizados, unha cuestións que -salvando as distancias- recorda ás dificultades nas que se viu a Xunta para prestar o servizo de salvamento tras vender os helicópteros que tiña. Finalmente, o Goberno galego contratou o salvamento marítimo á empresa á que lle vendeu os aparellos.

A indignación social provocada polos incendios e as 41 mortes levou tamén á convocatorias de protestas nas rúas e de vixilias nas principais cidades. Hai, ademais, manifestacións convocadas para este sábado. Comezan, así mesmo, críticas internas á xestión de Costa, a través por exemplo do influínte político socialista Manuel Alegre, que criticou o fracaso do Estado por "desleixo, incompetencia e amiguismos" ou do Bloco de Esquerda, a través de Catarina Martins ("non é desculpable que se repita a traxedia despois de Pedrógão, porque é o sinal claro de que nada mudou cando nada podía ficar igual").

 

Os incendios causaron máis de 100 mortes este ano en Portugal CC-BY-SA Jorge Laranjo
Marcelo Rebelo de Sousa, Presidente de Portugal CC-BY-SA Richter Frank-Jurgen

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.