Os sindicatos galegos apoian a campaña de sancións a Israel polo seu “brutal” asedio a Gaza

Evolución do territorio palestino Dominio Público Praza Pública

UGT, CCOO, CIG, CNT e CUT veñen de asinar un manifesto que pide establecer medidas de presión e evitar as relacións económicas, políticas e empresariais con este Estado por vulnerar o Dereito Internacional e incumprir as resolucións da ONU. Apoian deste xeito a campaña mundial de Boicot, Desinvestimentos e Sancións (BDS) a Israel, na que se denuncian as violacións e asedio que padece o pobo palestino.

O manifesto esixe a finalización da ocupación militar de Palestina, a paralización e destrución do muro de Cisxordania, a fin do sistema de discriminación racial, o levantamento total e definitivo do bloqueo a Gaza e o recoñecemento do dereito ao retorno para as persoas refuxiadas

O manifesto esixe a finalización da ocupación militar de Palestina, a paralización e destrución do muro de Cisxordania, a fin do sistema de discriminación racial, o levantamento total e definitivo do bloqueo a Gaza e o recoñecemento do dereito ao retorno para as persoas refuxiadas. Os sindicatos comprométense a denunciar publicamente todas aquelas institucións e empresas galega "que nas súas actuacións antepoñan intereses económicos, políticos ou doutra índole aos dereitos do pobo palestino e colaboren ou lexitimen coa ocupación colonial de Palestina".

O texto afirma que "o brutal asedio de Israel a Gaza representa hoxe a máis crítica e urxente de todas as inxustizas israelís contra o pobo palestino que se manifesta en forma de innumerábeis violacións aos Dereitos Humanos e o Dereito Internacional Humanitario". E lembra as palabras de Nelson Mandela, que dixo que a xustiza para o pobo palestino se converteuse  no “meirande caso moral do noso tempo”. Ademais, denuncia a actitude da Unión Europea e os seus estados membros, "que permanecen impasíbeis ante a reiterada vulneración dos dereitos humanos, cívicos e políticos da poboación árabe de Palestina".

O manifesto denuncia a actitude da Unión Europea e os seus estados membros, "que permanecen impasíbeis ante a reiterada vulneración dos dereitos humanos, cívicos e políticos da poboación árabe de Palestina"

A campaña de Boicot, Desinvestimentos e Sancións (BDS) é unha iniciativa pacífica liderada desde 2005 por organizacións da sociedade civil, partidos políticos e sindicatos que representan a poboación palestina, e que está apoiada por unha rede mundial de entidades que compoñen o movemento de solidariedade co pobo palestino. A campaña fai un chamamento mundial a establecer medidas de presión contra Israel e evitar as relacións económicas, políticas e empresariais con este Estado e demanda ao mundo enteiro que boicotee Israel, as súas institucións e as súas empresas, e tamén que retire os seus investimentos nas empresas que se benefician da ocupación ou da negación dos dereitos da poboación refuxiada.

Evolución do territorio palestino Dominio Público Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.