Traballadores e traballadoras do Centro Galego de Bos Aires cortaron esta semana a esquina da Avenida Belgrano e Pasco, en reclamo de melloras nas condicións laborais e o pago atrasado de salarios e aguinaldos, segundo publicou Cadernos de Comunicación e Análise. A protesta tivo lugar nas portas do sanatorio, no barrio porteño de Balvanera, e segundo informaron os empregados nun comunicado, "o obxectivo é esixir unha resposta ao conflito por parte da patronal e o Ministerio de Traballo" e unha "intervención urxente da carteira laboral". "Marchou a metade do persoal médico e de enfermaría", denunciou Yolanda Guitián, delegada gremial do centro médico, quen agregou que "moitos traballadores están na rúa porque tiveron que deixar o lugar onde alugaban".
Así mesmo, hai unhas semanas pechou a Biblioteca do Centro Galego, e algúns dos seus usuarios comezaron a manifestar o seu temor a que se perdan ou se degraden os valiosos materiais alí conservados, comezando polos libros, revistas e prensa histórica, algunhas datadas no século XIX e outras, aínda que máis recentes, de enorme importancia. Alí se pode consultar, por exemplo, a colección completa de El Correo de Galicia, o xornal editado a comezos do século XX por Ramón Lence, e que brindara apoio económico para a Real Academia Galega e para a elaboración do Diccionario Galego do Centro Gallego de Bos Aires.
Estas voces critican unha situación de abandono cada vez maior en todos os servizos e espazos do Centro. Por exemplo, denuncian que a razón do peche da biblioteca foi a renuncia da bibliotecaria que se encargaba da súa catalogación e coidado, despois de ter estado cinco meses sen cobrar o seu soldo. A biblioteca conta con vinte mil volumes catalogados (e ao redor doutros dez mil sen catalogar) e ao redor da metade son libros galegos ou de temátca galega algúns dun valor incalculable.