Mais alá de cuestións menores, o cumio que celebran esta fin de semana EUA e China aborda unha razón de fondo que é de importancia esencial para ambas as dúas partes e para o conxunto da comunidade internacional. O espello puidera ser a ciberseguridade que en pouco tempo desprazou en transcendencia ao control do poderío nuclear. Abrirase aquí un diálogo inevitable sobre extremos relacionados coas regras, os códigos e as alternativas a un telefono vermello para evitar verse envoltos en artificios de terceiros ás veces mesmo difíciles de identificar, a maior traba quizais para encadrar as actividades cibermilitares de ambas as dúas partes en lindeiros mutuamente aceptables.
O rumbo futuro das relacións bilaterais entre China e os EUA é o asunto central do cumio
Na axenda non faltarán os tópicos económicos (o yuan, os desequilibrios comerciais, e ata o debate dun posible tratado de libre comercio entre as dúas economías), e políticos (Internet, dereitos humanos, Tíbet, liberdade relixiosa, etcétera.). Pero o asunto central será o rumbo, a dirección futura das relacións bilaterais na presente década.
China, lonxe de ser perfecta e con gravas taras internas, encara un tempo decisivo para completar a súa emerxencia. Moitos dan por feito que en só tres anos podería superar a EUA e situarse como a primeira economía do planeta. Outras estimacións sinalan que o seu PIB en 2040 representará o 40% do PIB mundial mentres EUA verao reducido ao 14%. Todo indica que a intención dos novos dirixentes é seguir apoiándose na crecente capacidade económica (non nun salto cualitativo do seu poder militar) para incrementar a súa influencia política en todo o orbe. Velaí a razón desa exhibición dos últimos meses co envío de mensaxeiros cualificados a Europa, África, Oriente Medio, América Latina e Asia-Pacífico, afirmando o alargamento sen complexos do seu ámbito de intereses xeoestratéxicos.
O dilema entre ambos os dous países é o de pactar un relevo civilizado á fronte do liderado económico mundial
O dilema a que se enfrontan EUA e China é o de pactar un relevo civilizado. Cando en 1972 asinaron o Comunicado de Shanghai que abría paso á súa alianza fronte a URSS, asumían que ningunha das dúas partes buscaría a hexemonía en Asia-Pacífico. Hoxe, a realidade é outra. A pugna maniféstase na conformación dunha dinámica de bloques económicos (TPP liderado por EUA fronte a RCEP liderado por China), a activación dos litixios en toda a periferia asiática (dende Corea do Norte ata o Mar de China oriental e meridional), a redefinición e reforzamento de alianzas con India, Xapón, Birmania ou Vietnam, e os anuncios de Washington de que transferirá en poucos anos ata o 60% dos seus navíos e das súas armas mais avanzadas á rexión, incluída a forza aérea. Todo un esforzo difícil de custear a medio prazo coas proxeccións económicas actuais….
Cando en 2009, Obama se reuniu en China con Hu Jintao para trasladarlle a proposta de conformación dun G-2, o líder chinés fíxolle saber que China quería preservar o maior grao de independencia, que non renunciaría a ela agora que dispuña de poder económico abondo para defendela (incluídos os miles de millóns de dólares en bonos do Tesouro estadounidense) e que non se aliñaría xamais con ninguén por mais que desenvolvese relacións cooperativas con outros socios co propósito de conformar unha orde multipolar.
As presións sobre China aumentaron visiblemente a partir de entón, se ben non cabe esperar que mude a súa estratexia no esencial. Pode facilitar concesións e propiciar achegamentos naquelas cuestións consideradas non vitais, pero a soberanía é unha clave central na política chinesa e non renunciará a ela de boas a primeiras. Hoxe avoga por construír “un novo tipo de relación entre grandes potencias”, un eufemismo indefinido que debería concretarse con base no gradualismo e nunha experimentación con pleno respecto aos intereses centrais de cada parte.
É necesario definir novas regras de xogo porque de non lograrse agárdannos tempos convulsos
China e EUA souberon reedificar a súa alianza nos anos oitenta arredor de contidos económicos que redundaron nunha interdependencia tan acusada (500.000 millóns de dólares de comercio bilateral en 2012) que suxire unha situación inédita e con suficiente forza como para moderar a súa rivalidade estratéxica. Na posguerra fría primou un enfoque cooperativo na súa relación pese aos signos evidentes de ascenso da confrontación. A China interesáballe entón lograr vencer as resistencias de Washington ao seu ingreso na OMC. Nos últimos anos, aquel perfil achantado vai deixando paso a unha exhibición de capacidades económicas e influencias políticas que plasman, a sensu contrario, o declive de EUA, que nunca se enfrontara a unha URSS con maior poder económico ca ela.
Ante esta nova situación da balanza de poder global, a definición de novas regras de xogo parece inevitable. Pero serao todo menos fácil con tanta desconfianza estratéxica acumulada entre ambos. E de non lograrse, agárdannos tempos convulsos marcados polo afondamento da rivalidade e a competencia.