"Puido haber negociacións para acordar a saída de Maduro e unha nova situación de poder en Venezuela"

Roberto Mansilla, analista internacional © IGADI

"Non sería impensable que se chegara a unha especie de negociación entre distintas forzas con poder en Caracas para permitir a saída de Maduro do país e condicionar unha nova situación poder en Venezuela que tería a Vladimir Padrino ao mando"

Unha vez despexadas as dúbidas iniciais sobre o sucedido esta madrugada en Caracas e outras cidades, os ataques militares dos Estados Unidos e a operación para secuestrar e sacar do país ao presidente Nicolás Maduro e a súa dona, ábrense máis incógnitas sobre os obxectivos desta operación e futuro inmediato de Venezuela.

Algúns destes interrogantes resolveranse esta tarde na rolda de prensa convocada por Donald Trump na súa residencia privada de Mar-a-Lago, en Florida, que terá lugar ás 17 horas, hora de Galicia. Falamos antes con Roberto Mansilla, analista internacional, nunha conversa de urxencia, que tivo lugar pouco despois das 12 do mediodía, para valorar o que está a suceder no seu país de orixe e as posibilidades de futuros eventos que neste momento se abren.

Bombardeos en Caracas, esta madrugada © Telesur

"A oposición política en Venezuela non ten tanta capacidade como a que pode ter o propio exército venezolano. En cambio, vexo máis factible que a propia contorna de Maduro, vendo que a situación podía empeorar, decidise a súa saída do país"

Que é o que sabemos neste momento con certeza sobre o sucedido esta madrugada en Venezuela?

Neste momento temos aínda pouca información sobre o sucedido. O que sabemos con certeza é que houbo un ataque directo dos Estados Unidos contra o territorio venezolano, especialmente contra instalacións militares. E coñecemos tamén o anuncio de Donald Trump afirmando que capturaron a Nicolás Maduro e a súa esposa. Resúltame interesante, ademais, unha intervención que acabo de escoitar de Vladimir Padrino López, ministro de Defensa, dando a entender que se alguén ten que poñerse á fronte do poder neste momento, el sería esa persoa.

É posible, ou cando menos podemos dicir que non sería impensable, que se chegara a unha especie de negociación secreta entre distintas forzas con poder en Caracas para permitir a saída de Maduro do país e condicionar unha nova situación poder en Venezuela que tería a Vladimir Padrino ao mando.

Podería haber, entón, unha operación en marcha de remuda de poder dentro do propio chavismo?

Eu non descarto unha especie de golpe interno por parte deste e doutros altos mandos, que de momento van seguir mantendo unha narrativa e unha retórica de defensa revolucionaria. Pero, de momento, todo son rumores e hai que ter en conta que nestas horas estamos vivindo xa unha situación de guerra cognitiva, na que existe unha gran desinformación.

"Se finalmente o poder é ocupado por Vladimir Padrino, non se trataría dun goberno tan títere como o que sería no caso dun dirixido por María Corina Machado"

A oposición ao chavismo ten capacidade para liderar un Golpe de Estado?

Ese tipo de movemento non o vexo tan posible, vexo máis difícil un movemento liderado pola oposición ao chavismo, en concreto por María Corina Machado, non creo que teñan a forza para facelo, máis aló de que nese caso dependerían do que decidise Trump. A oposición política en Venezuela non ten tanta capacidade como a que pode ter o propio exército venezolano. 

En cambio, vexo máis factible que a propia contorna de Maduro, vendo que a situación podía empeorar, decidise a súa saída do país. Non descarto que o propio Maduro entrase persoalmente nestas negociacións. Pero non sabemos. Tampouco sabemos se existe unha fractura dentro do exército bolivariano ou se o propio Trump e os Estados Unidos aceptarían esa situación.

Estados Unidos buscaría así un goberno máis afín en Venezuela, máis controlable?

Se finalmente o poder é ocupado por Vladimir Padrino, non se trataría dun goberno tan títere como o que sería no caso dun dirixido por María Corina Machado. Se finalmente a solución escollida é a dun goberno dirixido por Vadimir Padrino, o país podería encamiñarse cara a un petrorianismo militar semellante ao que puido suceder en Exipto en 2013, cando o ministro de Defensa, El-Sisi, ocupou o poder, en substitución de Mohamed Morsi.

O ministro de Defensa de Venezuela, xeneral Vladimir Padrino López © Venevisión

"Hai que ver agora cal é a reacción por parte dos organismos internacionais e, sobre todo, por parte de China e Rusia, se van levar o asunto ao Consello de Seguridade da ONU. E hai que ver igualmente como encaixa o sucedido hoxe co que pasa en Irán ou que pode pasar en Ucraína"

Existe a posibilidade dun ataque militar máis extenso por parte dos Estados Unidos?

Hai que ter en conta que a milicia popular e os colectivos están na rúa e que todo o dispositivo militar defensivo está alerta. Pensar nunha acción punitiva máis profunda contra o goberno de Venezuela xa implicaría unha invasión por parte dos Estados Unidos. E iso xa non sei se está sobre a mesa. Hai que agardar, en todo caso, á intervención de Donald Trump, prevista para as 11 da mañá.

Hai que ter en conta o proceso iniciado hai meses coa famosa recompensa ofrecida polos Estados Unidos pola captura de Maduro. E que hai moitos elementos que entran en xogo. Temos tamén as declaracións feitas por Trump hai unhas semanas nas que afirmaba que a CIA estaba xa a traballar en Venezuela, dando a entender que estaban realizando un traballo de intelixencia para o que sucedeu esta madrugada.

O ataque pode ter implicacións máis aló de Venezuela?

É importante destacar que é a primeira vez que Estados Unidos intervén militarmente de forma directa en Sudamérica. Anteriormente fixérao en varias ocasións en Centroamérica e no Caribe, pero non en América do Sur. Trátase dunha intervención exterior que supón unha violación da soberanía nacional de Venezuela. Hai que ver agora cal é a reacción por parte dos organismos internacionais e, sobre todo, por parte de China e Rusia, se van levar o asunto ao Consello de Seguridade da ONU. E hai que ver igualmente como encaixa o sucedido hoxe co que pasa en Irán ou que pode pasar en Ucraína.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.