Reino Unido di adeus á UE: e agora, que?

Protesta de simpatizantes do Brexit e da UE ás portas do Palacio de Westminster. CC-BY ChiralJon

O Reino Unido abandona á media noite deste 31 de xaneiro de 2020 a Unión Europea despois de tres anos e medio de axitadas negociacións entre Londres e Bruxelas. 

Malia ao simbólico da data, a saída non terá un grande impacto na vida da illa, que se internará nun período de transición até o 31 de decembro durante o cal os británicos continuarán dentro do mercado común. A única diferenza é que os seus representantes políticos xa non formarán parte do Europarlamento nin o seu Goberno estará presente na Comisión.

A finalidade deste período de transición será negociar un novo acordo comercial que determine as futuras relacións económicas entre ambos bloques. O Reino Unido tratará de buscar un equilibrio entre unha relación comercial fluída e sen tarifas coa UE, o seu principal socio comercial, e unha nova regulación que lle permita asinar novos acordos comerciais máis competitivos con terceiros países.

Desde a UE levan meses insistindo en que un ano é moi pouco tempo para unha negociación destas características e que fixar o 31 de decembro como data final do período de transición é unha temeridade

Agárdase unha negociación moi técnica que marcará o futuro dalgúns sectores delicados, como o agropecuario, o do automóbil e o financeiro, que representa un dos motores económicos do país e que ten na City de Londres o seu emblema.

Desde a UE levan meses insistindo en que un ano é moi pouco tempo para unha negociación destas características e que fixar o 31 de decembro como data final do período de transición é unha temeridade. A postura do Goberno británico é diferente e confían en que, como o UK parte dunha regulación idéntica á da UE, será máis doado e rápido centrar a negociación sobre aqueles aspectos que se queiran modificar.

Membros do Parlamento Europeo, a cantar collidos das mans a canción de escocesa de despedida 'Auld Lang Syne' antes da votación definitiva do Brexit CC-BY-SA Parlamento Europeo

Os dereitos da cidadanía europea na illa están garantidos, sempre e cando cheguen ao Reino Unido antes de rematar o período de transición. O acordo asinado entre Londres e Bruxelas a finais do ano pasado garante que os dereitos non cambiarán sempre e cando soliciten o Settlement Status, un doado rexistro que se completa en dez minutos desde unha aplicación móbil. No Reino Unido residen arredor de 3,5 millóns de cidadáns da UE e, segundo cifras do Goberno, 2,8 millóns xa están rexistrados.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.