Agora si. O Reino Unido di adeus á Unión Europea e estará fóra dela dende o 1 de febreiro. Tras un referendo cun axustadísimo resultado a prol do si e máis de tres anos e medio de caóticas negociacións que levaron por diante á primeira ministra encargada delas, Theresa May, houbo acordo. E ese pacto do pasado 17 de outubro vén de pasar o último trámite, o consentimento do Parlamento Europeo.
O plenario da Eurocámara reunido en Bruxelas completou o paso final este mércores. 621 votos a prol, 49 en contra e 13 abstencións e un "arrivederci" do presidente, David Sassoli, que apelou á boa veciñanza e ás ligazóns do pobo británico co continente. Dicir "adeus", afirmou, parecíalle demasiado definitivo.
Como informa Andrés Gil para eldiario.es dende Bruxelas, durante o pleno producíronse escenas de despedidas tristes entre eurodeputados que deixan o seu escano e os que quedan. Así e todo, o certo é que as institucións comunitarias estaban a desexar que chegase este día, unha vez que o Brexit tornou irreversible, moi especialmente tras a esmagadora vitoria dos Conservadores de Boris Johnson nas recentes eleccións xerais.
E agora, que?
As primeiras consecuencias do Brexit son fundamentalmente simbólicas. Ao existir un acordo aprobado, o 1 de febreiro Reino Unido non será membro da UE nin terá membros no Parlamento Europeo nin no Colexio de Comisarios. Non obstante, a efectos prácticos seguirá dentro do club comunitario mentres dure o período de transición. Ambas partes teñen de marxe até o 31 de decembro para alcanzar un acordo sobre a relación futura.
UE e Reino Unido teñen ata final de ano para redactar o acordo definitivo que regule todos os aspectos da separación
Hai, daquela, apenas oito ou nove meses para redactar un acordo que atinxe a múltiples eidos. É fundamentalmente comercial, pero tamén deben quedar reflectidos os dereitos da cidadanía británica na Unión Europea e viceversa. Tamén cuestións altamente sensibles como a configuración definitiva dunha fronteira entre Irlanda do Norte e a República de Irlanda. E o xeito en que poderán ou non circular mercadorías, persoas...
Polo momento, o acordo rubricado por Johson coa UE e ratificado polo Parlamento Europeo este mércores establece un Brexit sen controis en Irlanda do Norte e evita que se levante unha fronteira física coa República. Ao tempo, mantén a integridade do mercado único europeo: páctase que Irlanda do Norte permanecerá aliñada con certas normas do mercado único, pero o Parlamento norirlandés poderá decidir no futuro se deixa de aplicalo.