Cando facemos un podcast sobre o Brexit sempre temos o risco de que quede desfasado moi axiña. En certo sentido, isto foi o que nos pasou esta mañá cando, ás poucas horas de que rematásemos de gravar, Boris Johnson anunciou que chegara a un acordo coa Unión Europea.
Contra todo prognóstico, Boris Johnson foi capaz de chegar a un acordo sobre a fronteira de Irlanda do Norte que satisfai simultaneamente á Unión Europea e a parte dos brexiteers máis duros. O truco está en que o Ulster manterá un aliñamento regulatorio coa UE máis avanzado que o resto do Reino Unido para evitar que haxa unha fronteira entre o norte e o sur de Irlanda. O problema é que esta diverxencia regulatoria entre Gran Bretaña e Irlanda do Norte non agrada demasiado aos unionistas do Ulster, que moi probablemente vaian votar en contra deste acordo.
Entón que vai pasar agora?
Esta proposta de acordo ten que ser aprobada pola Cámara dos Comúns, que se reunirá nunha sesión de emerxencia este sábado. Como aprendeu Theresa May, chegar a un acordo coa UE non quere dicir que vaia saír adiante, xa que a aritmética parlamentaria está moi complicada para chegar a grandes consensos sobre o Brexit.
Nas próximas 48 horas, o primeiro ministro vai ter que atraer á súa causa varios grupos moi variopintos de deputados. Os primeiros na lista son os representantes do Democratic Unionist Party, unha forza norteirlandesa que está en contra de que o Ulster teña calquera regulación distinta do resto do Reino Unido. A priori, están en contra do acordo
O seguinte grupo son os brexiteers duros, é dicir, deputados conservadores que están dispostos a saír sen acordo e non queren quedar moi aliñados coas regulacións da UE. Boris Johnson ten bastante credibilidade entre esta facción.
Tamén hai un sector de deputados laboristas que veñen de zonas onde o Brexit ten amplo apoio e que estarían dispostos a votar a prol dun acordo con tal de evitar unha saída sen acordo. Está por ver como de efectiva é a presión do seu partido para que manteñan a disciplina de voto.
O último grupo que ten que traballar Boris Johnson é o dos deputados que expulsou do seu partido hai unhas semanas. Aquí hai unha combinación de remainers duros e posibilistas que só queren evitar unha saída sen acordo.
E a oposición ten algo que dicir?
Parece que Jeremy Corbyn vai presentar unha emenda este sábado para que o acordo de Boris teña que ser referendado polo electorado nunha votación que inclúa quedar na Unión Europea como opción. Non está nada claro que teña os números para aprobar isto, pero de conseguilo, habería un referendo antes das eleccións.