Nos últimos días de 2017 a Xunta enviou ao Parlamento sen apenas publicidade o seu Informe sobre o impacto do Brexit en Galicia, un documento de 33 páxinas elaborado por iniciativa do PP de marcado carácter económico. Como adiantou Praza.gal, este traballo obviou que durante os meses previos o Goberno de Alberto Núñez Feijóo defendera publicamente as supostas opcións galegas para acoller o laboratorio europeo de bivalvos, cuxas competencias abandonarán o británico Centre for Environment, Fisheries and Aquaculture Science (Cefas) en canto se consume a saída do Reino Unido da Unión Europea. Esta candidatura, que realmente nunca chegara a existir, derivou nunha derrota política que vén de ser alargada co traslado doutro dos laboratorios que tamén perde o Cefas, o de crustáceos.
Como revela Faro de Vigo na súa edición deste 1 de febreiro, o Consello Europeo -o órgano comunitario onde sentan directamente todos os Estados membros- vén de ratificar que tras a súa saída do Cefaso laboratorio de referencia para enfermidades de crustáceos pasará a funcionar no Instituto Nacional Veterinario de Dinamarca, dependente da Universidade Técnica deste país. O sucedido ten tres semellanzas e unha diferenza co proceso do laboratorio de bivalvos: como naquel caso, España apoiou a decisión da entidade comunitaria e non defendeu candidatura propia ningunha, nin para Galicia nin para outro territorio do Estado. No entanto, naquela ocasión a decisión foi pechar o laboratorio e redistribuír as súas competencias -unha parte recaen nunha instalación que xa funciona en Vigo- e nesta, mantelo aberto.
O Consello Europeo vén de aprobar, co visto e prace do Goberno español, que o laboratorio de crustáceos sexa trasladado tras o Brexit dende o Reino Unido a unha instalación danesa
A terceira semellanza entre ambos procedementos é a ausencia do Goberno galego en todo o sucedido. Desta volta, por omisión. Na outra, polo feito de defender unha suposta candidatura -primeiro no Parlamento e despois, con solemnidade a través do propio presidente Feijóo na sede do Instituto Tecnolóxico para o Control do Medio Mariño, en Vilagarcía- mentres España xa coñecía e xa apoiara o peche da instalación.
Cando a conselleira do Mar e o titular da Xunta defendían as eventuais opcións galegas -así o recomendaba o informe específico sobre a influencia do Brexit no sector pesqueiro galego- xa se produciran en Bruxelas votacións a prol do peche coa participación activa do Goberno español. Ademais, como confirmou en decembro o comisario de Saúde e Seguridade Alimentaria, Vytenis Andriukaitis, a decisión adoptouse sen que a representación española na Unión rexistrase "ningunha notificación ou petición oficial" para que o laboratorio fose trasladado a Galicia.
Intento de amortecer o impacto político
Malia esta derrota política, que a Xunta non foi quen de aclarar no propio Parlamento ao ser cuestionada ao respecto o pasado decembro, a conselleira do Mar continuou nas últimas semanas a tentar amortecer o impacto do sucedido en termos de imaxe do Goberno galego. Así, a propia Consellería difundiu nas últimas semanas con amplitude a presenza de Rosa Quintana nun foro da Eurocámara sobre o futuro financiamento do sector pesqueiro e a conselleira defendeu recentemente, nun almorzo informativo en Santiago, que "non volvera coas mans baleiras" tras as súas xuntanzas na capital comunitaria.
Quintana asegurou en xaneiro que expuxo en Bruxelas a "experiencia de Galicia no ámbito das biotoxinas mariñas" por se "reconsidera" o peche do laboratorio de bivalvos, apoiado por España
Alí, asegurou, tratara a "eliminación e distribución das competencias do laboratorio" de bivalvos e detallou a "experiencia de Galicia no ámbito das biotoxinas mariñas" para que sexa "tida en conta" no "caso de que se reconsidere a proposta de eliminación" desta entidade e a súa "distribución de competencias". En calquera caso, a Xunta chama a poñer o foco en que "as tarefas relativas á clasificación e control das zonas de produción de moluscos bivalvos" son agora asumidas polo laboratorio de biotoxinas de Vigo, un organismo dependente do Goberno central con sede na Cidade Tecnolóxica do campus vigués.
O fracaso das opcións galegas para optar a sedes comunitarias que abandonan o Reino Unido contrastan coa exitosa xestión do Goberno de España que, a mediados de xaneiro, culminou coa decisión de ubicar en Madrid unha das sedes do proxecto Galileo, o sistema comunitario de navegación por satélite, que ata agora acollía a localidade inglesa de Swanwick. Neste caso o Goberno de España si rexistrou formalmente a candidatura, defendeuna fronte a outras sete e logrou gañar.