Reino Unido: un Estado con catro seleccións nacionais

Partido de rugby entre Gales e Inglaterra © Guinness Six Nations

Cando este verán se xogue a Eurocopa de fútbol, Marcus Rashford vestirá a camisola da selección de Inglaterra mentres que Gareth Bale competirá coas cores de Gales. Os dous son cidadáns británicos, pero xogan con seleccións nacionais diferentes.

En moitas competicións internacionais, un único Estado -o Reino Unido- conta con varios equipos que representan as distintas nacións que o conforman. Sen ir máis lonxe, nesta Eurocopa, ademais de Inglaterra e Gales tamén participará Escocia. Irlanda do Norte non conseguiu praza, pero tamén xogou cun equipo propio na fase clasificatoria.

En moitas competicións internacionais, un único Estado -o Reino Unido- conta con varios equipos que representan as distintas nacións que o conforman

Isto é algo que sucede en máis deportes ademais do fútbol, sendo os exemplos máis coñecidos os do rugby ou o cricket. Pero por que sucede isto? En parte hai unha razón histórica. Algunhas destas disciplinas teñen a súa orixe no Reino Unido, e os primeiros partidos internacionais tiveron lugar entre algunha das nacións constituíntes. É o caso do fútbol, onde os primeiros encontros entre seleccións remóntanse a finais do século XIX e enfrontaban a Inglaterra con Escocia. E se hai algo que no Reino Unido respecten, son as tradicións e os precedentes.

Pero tamén hai deportes e competicións onde a representación si que é de todo o Estado. O exemplo máis coñecido posiblemente sexan as olimpíadas, onde compiten baixo o nome Team GB (Equipo Gran Bretaña). Curiosamente, o termo Gran Bretaña exclúe a Irlanda do Norte, ás illas do Canal da Mancha e aos territorios de ultramar, a pesar de que forman parte da selección. 

Galicia nas competicións internacionais

A selección galega de fútbol non participa máis que en encontros amigables ocasionais, pero hai un deporte onde ten recoñecemento internacional e participa en campionatos oficiais: o fútbol gaélico.

Trátase dun deporte practicado maioritariamente en Irlanda que, nos últimos anos, gañou importancia en Galicia. Hai 10 clubes con recoñecemento oficial espallados por todo o país e, desde o ano 2012, tamén unha selección.

As seleccións galegas, no Mundial de Dublín © AGFG

As selección galegas de fútbol non participa máis que en encontros amigables ocasionais, pero hai un deporte onde ten recoñecemento internacional e participa en campionatos oficiais: o fútbol gaélico.

Nunha entrevista no podcast Té con Gotas, o adestrador da selección galega masculina, Alexandre Sanmartín, explicou os criterios para formar unha selección recoñecida pola Gaelic Athletic Association (GAA), a entidade encargada de organizar e promover os deportes gaélicos. ”Unha das cousas máis importantes dentro deste deporte é a pertenza a un territorio”, e resaltou que o termo selección nunha competición como os xogos mundiais é un concepto moi amplo, e que pode incluír a un combinado de Nova York, a outro de Arxentina ou da Bretaña.  “A GAA o que quere é que se promova o deporte fóra de Irlanda e están encantados de que se unan máis equipos que manteñan este principio de pertenza a un territorio”, concluíu Sanmartín.

A selección galega de fútbol gaélico é unha excepción, no sentido de que non é habitual ver a Galicia representadas en competicións internacionais. Pero o caso do Reino Unido é un exemplo dun xeito de organizar as seleccións deportivas máis aló dos lindes dos Estados. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.