Rafael Louzán, presidente da Federación Galega de Fútbol, prometeu "continuidade" para a selección galega tras o último partido en 2016
"A selección galega terá continuidade". Rafael Louzán, presidente da Federación Galega de Fútbol (FGF), anunciaba que a volta non quedaría aí. Habería máis partidos, e axiña, dun equipo que só uns minutos antes rematara o seu partido contra Venezuela (1-1). Foi o 20 de maio de 2016, en Riazor. Desde aquela, ningún partido máis. Catro anos de ausencia máis.
"En canto rematou o partido, os xogadores pediron xogar outro. Eles queren estar xuntos", manifestaron logo os seleccionadores Fran e Míchel Salgado. Comandaran unha selección galega que, con gol de Iago Aspas, empatara con Venezuela no estadio coruñés ante 18.000 espectadores.
Tras a recuperación da selección galega co goberno bipartito, desde a chegada de Feijóo á Xunta só se celebrou un partido, o único en doce anos
O encontro foi unha excepción no veto que sofre a selección galega de fútbol desde a volta do PP ao goberno da Xunta en 2009. Desde 2008, no que Galicia disputara o seu anterior partido ante Irán, pasaron oito anos ata que a Irmandiña regresou aos campos contra Venezuela en 2016. Non houbo ningún encontro máis nos últimos catro anos e medio, tampouco neste, onde a pandemia truncou calquera posibilidade remota, se é que a había.
O argumento económico e da "austeridade" foi o elixido durante anos por Núñez Feijóo para non apoiar a organización dos amigables, aínda que estes eran sufragados con patrocinios privados. Todo entre fortes críticas do seu Executivo e do seu partido ante uns encontros que cualificaban de "circo identitario" ou de "nulo valor deportivo".
Un partido en doce anos da selección galega, que xa pasara 66 ata que en 2005 o goberno bipartito da Xunta recuperara os partidos no Nadal, eses que en Catalunya e Euskadi levábanse anos realizando. Cúmprense quince anos neste 29 de decembro daquela reestrea con cheo en San Lázaro e emoción nos futbolistas e na bancada.
Neste 29 de decembro cúmprense quince anos desde o regreso da selección galega ante o Uruguai en 2005 e logo de 66 anos de ausencia
Un encontro con excelente ambiente, sentimento e vitoria (3-2) ante un rival, Uruguai, tan potente como simbólico pola súa eterna vinculación a Galicia e á súa emigración. No equipo suramericano xogaron aquel día Pereira, Pouso, Varela, Castro ou Salgueiro.
Catro partidos invictos ante o Uruguai, Camerún (1-1), Ecuador (1-1) e Irán (3-2) ata que o regreso do PP á Xunta detivo a curta historia da recuperada Irmandiña, que regresou en 2016 cun empate ante Venezuela (1-1) nun encontro no que Galicia mereceu moito máis.
Os Iago Aspas, Brais Méndez, Lucas Pérez, Denís, Angeliño, Lucas Vázquez, Hugo Mallo, Mosquera, Dani Rodríguez, Rubén Blanco, Joselu e compañía seguirán esperando para se xuntar baixo as cores dun mesmo equipo. Tamén Verónica Boquete, Maria Paz Vilas, Tere Abelleira ou Nuria Rábano. A selección femenina, que naquel 2016 volveu cun partido ante Catalunya, continúa a agardar outra oportunidade.