KAVALA - Enviados especiais
No medio da barbarie da crise humanitaria das refuxiadas tamén existen pequenos remansos de paz e solidariedade. Así é a casa de Roula, unha muller grega xubilada que, xunto ao seu marido Ilia, acolleu case cen desprazadas no último ano na súa pequena casa en Kavala.
Roula, muller xubilada grega, acolleu na súa casa cen desprazadas no último ano
As cores vivas do fogar mestúranse con pezas de artesanía grega e aroma a cociña siria. O envolvente sorriso cheo de enerxía que habita a faciana da anfitrioa fai ter esperanzas nun futuro máis xusto. “Nós non temos cartos pero temos unha vivenda e moitas ganas de axudar”, afirma Roula. Dende que as refuxiadas comezaron a chegar de forma masiva ao porto de Kavala, a activista, xunto con outras veciñas e veciños da cidade, organizáronse diariamente para achegarlles alimentos e bens de primeira necesidade como roupa, mantas e cueiros para as crianzas. “Foron meses moi duros e só estabamos as veciñas para lles axudar cando cando chegaban das illas. Estaban completamente esgotadas e perdidas. Nós non podiamos aturar ver como toda Europa lles daba as costas”.
"Non podiamos aturar ver como toda Europa lles daba as costas"
Neste contexto, Roula e Ilias ofreceron o seu fogar para acoller provisionalmente refuxiadas. “Dende hai ano e medio pasaron por aquí ducias de persoas de moitas nacionalidades: afgás, sirias, curdas... Cando chegaron elas, chegou a alegría a esta casa” comenta Roula a este diario. “Chegamos a vivir máis de vinte persoas xuntas. Por sorte hoxe, moitas delas xa están noutros países de Europa ou teñen unha casa propia”. A convivencia nesta casa compartida foi especialmente intensa por momentos. Até tres mulleres deron a luz estando con Roula e varias persoas con enfermidades graves empregaron o seu espazo para recuperarse das doenzas. Cando comezaron a ter problemas serios de espazo, Roula e Ilia mandaron construír un baño no tellado xunto con dúas tendas xigantes para que as catro familias que residían alí nese momento non se tiveran que separar. “A intendencia foi complexa” asegura Roula. “O meu marido máis eu decidimos ir durmir aos sofás do salón para deixarlles as dúas habitacións ás mulleres e ás crianzas. Algún cativo tamén durmía con nós no sofá mentres os homes durmían nas tendas que habilitamos. Foi complicado ter tanta xente pero estabamos felices véndoas a elas contentas”.
Até tres mulleres deron a luz estando con Roula e varias persoas con enfermidades graves empregaron o seu espazo para recuperarse das doenzas
Roula e Ilias fachendean de seren familia numerosa. “Hoxe son avoa de máis de vinte rapazas e rapaces. Moitas xa non están en Grecia pero chámanme, mándanme whatsapps e escríbenme polo facebook. Nós querémoslles moito e temos ganas de visitalos en Francia e Alemaña”.
A casa de Roula e Ilia hoxe
Dende hai dous meses e medio Roula e o seu marido teñen como hóspedes na súa vivenda a catro refuxiadas. Adnan é un mozo sirio de 21 anos que tras o asasinato do seu pai a mans do exército de Al Asad decidiu fuxir de Siria deixando atrás o terror. Nur é unha muller curda que decidiu deixar Siria cando unha bomba explosionou a escasos metros da súa casa. Nese momento estaba cos seus dous fillos de 11 e 13 anos e entendeu que a súa cidade xa non era un lugar seguro para ela e a súa familia. O seu marido partira cara a Europa un ano antes coa idea de solicitar dende Alemaña a reunificación familiar, pero polo momento non o conseguiu.
Roula e Ilias acollen agora catro refuxiadas: un sirio e unha familia curda con dous pequenos que están atrapados en Grecia
As catro levan entorno a 8 meses atrapadas en Grecia á espera de facer a primeira entrevista para realizar a petición de asilo para un país membro da UE. A súa historia, como moitas outras, fala da supervivencia máis extrema dende a saída de Siria. Tras atravesar Turquía e arriscar a súa vida no Exeo, tentaron cruzar a fronteira con Macedonia seguindo a ruta dos Balcáns para chegar a Centroeuropa. Ante o fracaso, viviron durante meses no campo grego de Idomeni até que o Goberno heleno o desaloxou. Despois de malvivir noutros campamentos, tiveron a sorte de atopar no seu camiño a Roula. Hoxe, aínda que lonxe dos seus soños e dos seus seres queridos, Adnan, Nur e os seus fillos teñen un teito no que cubillarse e unhas persoas que as coidan e garanten os seus dereitos fundamentais.