Rusia prepárase para o retorno oficial de Putin ao Kremlin

Vladimir Putin, nun mitin electoral Dominio Público Praza Pública

*Texto publicado no IGADI Paper Nº 80: “Eleccións presidenciais Rusia 2012”

Este domingo 4 de marzo, Rusia celebrará eleccións presidenciais nas que por vez primeira elixirase un mandatario para un período de seis anos. O ex presidente e actual primeiro ministro Vladimir Putin (partido Rusia Unida) lidera comodamente as enquisas e apunta ao seu retorno presidencial ao Kremlin, tras anteriormente ocupar este cargo no período 2000-2008. Os seus principais rivais serán Gennadi Ziugánov (Partido Comunista da Federación de Rusia); Mikhaíl Mirónov (partido Rusia Xusta);  Vladimir Zhirinovski (Partido Liberal-Demócrata); e o empresario Mikhail Prójorov, quen participa como candidato independente sen partido con representación parlamentaria. Así e todo, ningún deles semella posuír a fortaleza electoral suficiente para vencer a Putin.

Non obstante, estes comicios electorais veñen precedidos pola inédita vaga de protestas cidadáns que nos últimos meses se celebran na capital Moscova e noutras localidades rusas, cunha mobilización contra un presunto fraude electoral cometido nos comicios lexislativos de decembro de 2011 e que, segundo acusan diversos sectores opositores, podería volver a cometerse este próximo domingo. Resta, por tanto, observar cal será o efecto real destas protestas traducida en eventuais cambios políticos e se a mesma logrará vertebrarse nunha alternativa política crible no futuro, ante un cadro de presunta falta de democratización e restrición de liberdades políticas na Rusia actual.

Resta, por tanto, observar cal será o efecto real destas protestas traducida en eventuais cambios políticos

Co fait accompli traducido no eventual retorno de Putin ao Kremlin, os retos e prioridades do seu programa político identifican a necesidade de recuperar a fortaleza e potencialidade internacional de Rusia, especialmente no apartado militar. Mentres se anuncia un ambicioso plan de modernización das Forzas Armadas, nas derradeiras semanas e a través de diversos artigos de opinión, o propio Putin ven trazando sutilmente unha liña política tendente a potenciar o nacionalismo e patriotismo ruso, a criticar unha presunta implicación occidental na política interna (en clara referencia ás manifestacións cidadáns) e cuestionar severamente a política occidental no escenario internacional (Siria, Irán, Corea do Norte).

A pesar dos aínda forte índices de popularidade, apréciase un esgotamento cidadá respecto a preponderante figura de Putin

Pero o escenario 2012 revela igualmente un mapa moito mais complexo que en anos anteriores. A pesar dos aínda forte índices de popularidade, apréciase un esgotamento cidadá respecto a preponderante figura de Putin e unha erosión da lexitimación do seu discurso. Ao mesmo tempo, intensifícanse os temores sobre unha eventual deriva autoritaria en Rusia, á vista dos presuntos proxectos de hexemonía política de Putin e Rusia Unida e a perspectiva de que se entronice no poder alén do 2024.

 

Putin: acto segundo

A maioría das enquisas electorais e dos medios de comunicación, tanto rusos como internacionais, coinciden en afirmar que Vladimir Putin retornará comodamente á presidencia rusa para un novo período, esta vez de seis anos, entre 2012 e 2018. Ata agora, os períodos presidenciais rusos eran de catro anos pero unha emenda constitucional aprobada pola Duma ou Parlamento (con abafante maioría do partido gobernamental Rusia Unida) determinou ampliar a seis anos o período presidencial, mantendo o requisito de superar a barreira do 50% da votación para gañar en primeira volta.

As enquisas, desde mediados de febreiro, son claras neste sentido. O Centro Levada estima que a popularidade e intención de voto para Putin sitúase en torno ao 66% dos cidadáns, moi lonxe do pretendido 15% adxudicado ao comunista Ziugánov ou o 8% do populista e ultranacionalista Zhirinovski. Este mesmo centro considera que un 80% dos rusos cren que Putin volverá á presidencia mentres a metade dos enquisados sinalan que as eleccións serán “libres e transparentes”.

Esta sensación de “vitoria anunciada” para Putin veuse repentinamente alterada coa profusión de diversas manifestacións

Pola súa banda, outra enquisa da firma independente Opinión Aberta é un pouco menos favorable para Putin, adxudicándolle un 48% de intención de voto, mentres Ziugánov e Zhirinovski oscilan entre o 6-8%. Finalmente, o Centro de Estudo da Opinión Pública, entidade vinculada á administración presidencial, identifica a intención de voto para Putin nun 58,6%.

Esta sensación de “vitoria anunciada” para Putin veuse repentinamente alterada coa profusión de diversas manifestacións e protestas que vive o país desde decembro pasado, trala realización de eleccións lexislativas. Nas mesmas, reunindo nas últimas  semanas a miles de cidadáns tanto en Moscova como noutras cidades rusas,  criticouse duramente a presunta falta de transparencia electoral, a corrupción administrativa e a eventual consolidación dun proxecto autoritario e hexemónico en mans de Putin. Estas manifestacións contaron coa presenza de diversos líderes e sectores opositores, en especial do liberal Grigori Yavlinski, legalmente imposibilitado para concorrer aos comicios presidenciais, instando ao boicot electoral o próximo domingo 4 de marzo.

Non obstante, a figura mais popular detrás dos manifestantes é a de Alexéi Navalni, quen dirixe un proxecto de observación electoral e frecuentemente crítico contra a corrupción e a falta de transparencia electoral no país. A través de diversos blogs, Navalni e outros sectores opositores veñen denunciando unha recente arremetida gobernamental contra os medios críticos, así como a restrición de liberdades cívicas e políticas e as arbitrariedades do sistema electoral, que presuntamente afianzarían a hexemonía de Putin e Rusia Unida. Pero poucos cren que, polo de agora, a consistencia destas inéditas protestas e mobilizacións permitan tecer unha alternativa política capaz de contestar a evidente hexemonía gobernamental.

Desde sectores oficiais vense intensificando unha campaña para reforzar a popularidade da imaxe de Putin baixo slogans como “un líder forte e nacionalista"

Pola súa banda, desde sectores oficiais vense intensificando unha ampla campaña orientada a reforzar a popularidade da imaxe de Putin baixo slogans como “un líder forte e nacionalista” do que “Rusia precisa para evitar caer na anarquía e afianzar o seu lugar no mundo”. O mesmo Putin ven adiantando nos medios oficiais unha serie de artigos de opinión coa pretensión de dar a coñecer, progresivamente, as liñas matrices do seu próximo programa de goberno.

Rememorando o caos político existente nos anos de goberno do falecido ex presidente Boris Ieltsin (1992-1999), estes temores oficiais sobre unha presunta “anarquía” sen Putin acompáñanse, incluso, da presunta proliferación de ameazas contra a seguridade nacional rusa: o pasado 26 de febreiro, a TV estatal denunciou un aparente intento de asasinato contra Putin, con arrestos de presuntos implicados na localidade ucraína de Odessa. Os medios non dubidaron en apuntar á posible man de Doku Umarov, o coñecido “Señor da Guerra” de Chechenia.

 

A “modernización” de Rusia 

En todo caso, Rusia prepárase para o retorno oficial presidencial de Putin ao Kremlin, rematando así o ciclo de goberno en mans de Dmitri Medveded (2008-2012), popularmente considerado como o seu “delfín político” e que eventualmente retornaría ao cargo de primeiro ministro. En diversos sectores políticos e de opinión pública se confirma a concreción dun proxecto político no que Putin e Rusia Unida asegurarían a súa hexemonía política, como mínimo, durante unha década máis.

Este eventual escenario confirmaría a Putin como o líder mais decisivo e relevante da Rusia post-soviética, precisamente co pretendido obxectivo de “modernizar” a Rusia afastándoa do seu pasado soviético pero, ao mesmo tempo, tentando recuperar (ata agora case infrutuosamente) a súa posición de potencia global. Simbolicamente, un momento clave estaría centrado na celebración en Rusia do Mundial de Fútbol 2018, no que Moscova ansía potenciar a modernización e creación de novas infraestruturas e ofrecer a imaxe dun país rico e puxante. Ese ano, Putin e Rusia Unida buscarían unha nova reelección presidencial, coa utilización política deste evento deportivo como un forte bastión electoral.

Putin, Medveded e altos cargos militares veñen afianzando a idea de modernizar o Exército e a Mariña rusa

Para acicalar o proxecto da “nova Rusia”, o presidente Medveded e altos cargos do goberno ruso declararon o pasado 23 de febreiro, durante un acto militar, a necesidade de modernizar e repotenciar ás Forzas Armadas rusas cara 2020, elevando o seu orzamento do 15% actual ao 70%, en total mais de 20 billóns de rublos (500 mil millóns de euros).

Nas últimas semanas, Putin, Medveded e altos cargos militares veñen afianzando a idea de modernizar o Exército e a Mariña rusas para “adecualas ás ameazas e desafíos da seguridade nacional”, un aspecto que moi probablemente intensificará a medio prazo as friccións e o pulso con Occidente, en especial ante a pretensión rusa de afastarse do predominio euroatlántico no escenario internacional. Non obstante, e con este reforzamento do sector militar, Putin busca asegurar o apoio político das elites militares rusas, incluso deseñando unha estratexia política de seguridade nacional a través da inserción e achegamento de Rusia Unida aos sectores militares.

Paralelamente, no plano político interno, estimase que Putin consideraría leves e cosméticas reformas políticas, ofrecendo un iluso pragmatismo destinado a abortar calquera avance dos movementos opositores así como de novas elites de oligarcas que, eventualmente, supoñan un obstáculo político a longo prazo que ameace a hexemonía política de Rusia Unida.

Putin comeza a trazar as novas prioridades da política exterior rusa, orientadas a manter unha posición de forte crítica da hexemonía de EUA

Así mesmo, Putin comeza a trazar as novas prioridades da política exterior rusa, orientadas a manter unha posición de forte crítica da hexemonía de EUA, tal e como ven evidenciándose desde decembro pasado cando acusou a Washington de estar detrás das protestas cidadáns. Deste xeito, Putin busca igualmente identificar unha “conspiración exterior” contra Rusia, acusando sutilmente a pretensión occidental de reproducir en Rusia as “revolucións de cores” acaecidas no espazo ex soviético desde 2003, e que levaron a cambios de goberno en Ucraína, Xeorxia e Kirguizistán. Precisamente, os sectores opositores acusan a Putin de evitar por todos os medios esta reprodución en Rusia das vagas de cambios políticos neste espazo ex soviético.

Nos últimos días, Putin elevou duras críticas cuestionando e denunciando a actuación occidental no transcurso da Primavera árabe, principalmente en Libia e Siria, así como en temas sensibles para a seguridade internacional, en especial no apartado nuclear, como son os casos de Irán e Corea do Norte. Resulta, por tanto, moi posible que Putin tente potenciar as alianzas estratéxicas “euroasiáticas” de Rusia con China e Irán así como, levemente e en menor medida, con outros actores emerxentes no sistema global, tales como a India, Brasil e incluso Turquía.

Paralelamente, esta visión buscará asegurar zonas de predominio rusas dentro do espazo ex soviético (Ucraína, Bielorrusia, Cáucaso e Asia Central), na “periferia estadounidense” dentro do hemisferio occidental (Venezuela e o eixe da ALBA), e manter unha posición de prudente observación dentro do escenario europeo, en especial no relativo aos intereses enerxéticos rusos e ante o momentaneamente paralizado proceso de ampliación da UE e da OTAN cara as fronteiras rusas.

Non se debe esquecer o efecto social que terían os embates da crise económica global nun país con escasa diversificación do seu tecido industrial

Así e todo, os retos que esperan a Rusia para os próximos anos dirimirán unha serie de inéditos pulsos entre as pretensións de lexitimación dun proxecto hexemónico coas cada vez mais crecentes demandas de maior democratización e liberdades cívicas e políticas, todo isto inserido nunha sórdida loita de poder entre diversas elites incrustadas nas estruturas políticas, administrativas e militares, así como do crecente poder da mafia e do crime organizado con importantes conexións internacionais.

Non se debe igualmente esquecer o efecto social que terían os embates da crise económica global nun país aínda dependente das materias primas (petróleo e gas natural), con escasa diversificación do seu tecido industrial, toda vez a caída dos índices demográficos e o ascenso da fenda socioeconómica son factores que revelan importantes síntomas de debilidade na Rusia actual, deixando abertos diversos e incertos escenarios de conflitividade e tensión social.

Web do IGADI

Vladimir Putin, nun mitin electoral Dominio Público Praza Pública

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.