Suíza pecha as súas portas

Nos últimos catro anos máis de tres mil galegos e galegas emigraron a Suíza CC-BY-SA Kallu

Unha das primeiras consecuencias dunha crise económica adoita ser o ascenso dos populismos e a elevación dos obstáculos nas fronteiras. Non é que Suíza estea sentindo os efectos da crise coma nos países do sur de Europa: a súa taxa de paro sitúase no 3,2 por cento, unhas cifras próximas ao pleno emprego, e mesmo nos peores cantóns, este dato non pasa do 6%. Pero a proposta da ultradereitista Unión Democrática de Centro de limitar a entrada de inmigrantes europeos a Suíza vén de ser aprobada en referendo pola maioría da poboación (50,4%), por apenas 19.516 votos de diferenza.

A proposta prevé que dentro de tres anos Suíza terá que establecer cotas máximas para a concesión de permisos de estadía e continxentes anuais para todos os estranxeiros. Estas limitacións calcularanse en función das necesidades do sector económico e no mercado laboral darase preferencia aos traballadores de orixe suíza. Ademais, Suíza deberá renegociar os tratados internacionais que van en contra destas normas, coma o acordo de libre circulación de persoas coa Unión Europea. Quedará limitada, pois, a circulación de persoas, pero non a de capitais.

O número de galegos residentes en Suíza non deixou de crecer nos últimos anos, dende os 35.315 de 2009 até os 37.995 de 2013

En Suíza viven ao redor de 38 mil galegos e galegas, unha cifra que pode non parecer demasiado elevada en comparación cos números doutros destinos de emigración, pero a emigración galega ao país helvético mantivo sempre unhas características singulares. En primeiro lugar, que polo pequeno tamaño do país, ese 38 mil galegos e galegas si teñen un peso significativo (ao redor do 5% da poboación inmigrante), sobre todo nos cantóns nos que se concentran en maior medida: Xenebra, Vaud, Berna e Zúrich. En segundo lugar, cómpre sinalar a intensa actividade que sempre mantivo esta comunidade, tanto na forma en que se relacionou coa poboación local e as súas institucións (por exemplo, a cormelá Dolores Bolay chegou a ser presidenta do Parlamento cantonal de Xenebra), coma na maneira en que se mantivo conectada a Galicia e aos seus concellos de orixe. E, terceiro, porque o fluxo migratorio de Galicia en dirección a Suíza nunca secou de todo e, a pesar de que milleiros de persoas regresaron a Galicia, outros moitos seguiron buscando un futuro nos cantóns helvéticos, unha tendencia que se incrementou nos últimos anos, por mor da crise económica.

Nos últimos anos ao redor de tres mil galegos e galegas emigraron a Suíza e fixaron alí a súa residencia, e algúns dos centros galegos do país duplicaron o seu número de socios e socias no último lustro

De feito, a cantidade de galegos residentes en Suíza, segundo o Padrón de Españois Residentes no Estranxeiro, non deixou de crecer nos últimos anos, dende os 35.315 de 2009 até os 37.995 que se rexistraron o 1 de xaneiro de 2013. Historicamente a emigración galega a Suíza procedeu maioritariamente de certas comarcas da provincia da Coruña, e de feito na actualidade ao redor da metade dos galegos e galegas que viven no país teñen esta orixe (18.475), cunha notable presenza tamén de ourensáns e ourensás (9.228). Os fluxos migratorios actuais, formados ao igual que hai corenta e cincuenta anos por mozos e mozas, moitas veces proceden das mesmas comarcas e concellos, aproveitando as redes creadas e os contactos de amigos e familiares. Nos últimos anos ao redor de tres mil galegos e galegas emigraron a Suíza e fixaron alí a súa residencia, e algúns dos centros galegos do país duplicaron o seu número de socios e socias no último lustro. 

  2009 2010 2011 2012 2013
Galegos/as residentes en Suíza 35.315 35.944 36.588 37.186 37.995

A medida aprobada este domingo non afecta á meirande parte destes galegos, xa residentes no país, pero si aos novos fluxos migratorios que dende Galicia se seguen dirixindo á Confederación Helvética. A decisión foi recibida pola comunidade galega entre a sorpresa e o malestar, polo incremento das dificultades e trámites burocráticos que pode traer na súa vida cotiá. 

A decisión, criticada dende as institucións europeas, si recibiu o beneplácito da Fronte Nacional francesa

O resultado do referendo explícase, segundo os expertos, tanto por un voto de castigo á xestión do Goberno, a un temor á perda de soberanía do país polos cada vez maiores vínculos de Suíza coa Unión Europea, e pola chegada de traballadores (sobre todo procedentes de Italia) que aceptan soldos moi por debaixo dos que reciben as persoas nacidas no país helvético. Non era a primeira vez que os partidos conservadores buscaban a aprobación dunha medida semellante. Xa en 1970 votárase en referendo unha proposta análoga, que acadou un 46% de votos favorables, repetindose a consulta en 1974, 1977 e 1988, pero con inferiores apoios. Porén, nos últimos anos Suíza asiste ao ascenso da ultradereita, liderada pola UDC, que xa conseguira hai tres anos aprobar unha norma para expulsar os estranxeiros que cometeran algún delito. A decisión, criticada dende as institucións europeas, si recibiu o beneplácito da Fronte Nacional francesa e a súa líder, Marine Le Pen escribiu exultante, en twitter: "Suíza dille 'non' á inmigración masiva. Bravo! A Unión Europea vai enviar os tanques?".

 

A importancia económica da emigración europea

Calcúlase que entre 1960 e 1990 case 400 mil galegos emigraron a Europa

Calcúlase que entre 1960 e 1990 case 400 mil galegos emigraron a Europa, unha cifra só comparable á de andaluces, aínda que Andalucía contaba con moita máis poboación. Alemaña e Suíza foron os destinos principais, seguidos de Francia, Holanda e Reino Unido. A crise económica iniciada en 1973 iniciou o retorno, que foi máis importante ao longo da década dos oitenta. Este retorno, cifrado en case cen mil persoas, tivo unha incidencia intensísima en moitos concellos, precisamente aqueles que experimentaran unha emigración máis numerosa nas décadas anteriores. Nunha detallada obra publicada a mediados dos anos 90, publicado pola Xunta, Informe sobre el retorno en los municipios de Galicia, refería a porcentaxe que en cada concello do país significaban os emigrantes retornadas. Cómpre salientar, por dar algúns exemplos, os casos de Cerceda (29%), Carnota (22%), Carral (17%), Aranga (8%), Muxía (18%), Rois (11%), Somozas (12%), Val do Dubra (8%), O Corgo (10%), Folgoso do Courel (8%), Avión (8%), Barbadás (16%), Castrelo do Val (10%), Cenlle (15%), Cualedro (19%), Esgos (14%), O Irixo (16%), Larouco (15%), Muíños (13%), Porqueira (8%), Rairiz de Veiga (9%), Río (8%), Riós (8%), A Rúa (9%), A Teixeira (11%), Verín (9%), Vilar de Barrio (11%), Vilardevós (9%), Xinzo de Limia (44%), Moaña (18%) ou Salceda de Caselas (7%).

As remesas enviadas polos emigrantes galegos (sobre todo os que traballaban en Europa) tiveron un impacto moi grande na economía galega dos anos sesenta, setenta e oitenta

As remesas enviadas polos emigrantes galegos (sobre todo os que traballaban en Europa) tiveron un impacto moi grande na economía galega dos anos sesenta, setenta e oitenta. A Galicia chegaron importantes rendas do exterior que en palabras de Julio Sequeiros serviron para "complementar as rendas producidas polas explotacións agrarias familiares (…) para inflar artificialmente o mercado interior galego (…) e para financiar a modernización agropecuaria que se tiña que dar para o abastecemento alimentario do auxe urbano-industrial de España e o paralelo e masivo acceso de amplas masas traballadoras a bens de consumo duradeiros e a melloras dietéticas". O 46% dos investimentos realizáronse no sector terciario (apertura ou mellora de bares, restaurantes e hoteis, principalmente, así como na compra de taxis), un 27% no sector secundario (industria) e un 19% no sector primario, isto é, na modernización das explotacións agropecuarias.

Como escribiron Alexandre García-Caballero e Ramón Area Carracedo, na súa Psicopatoloxía do Retorno, un dos posibles motivos psicolóxicos ou sociolóxicos de que parte importante das inversións que se fixeron cos cartos da emigración se dedicaran á hostalaría e ao pequeno comercio e non á industria está na gran preocupación polo ascenso social, por pasar a ser propietario, por ser alguén. O pequeno comercio sería estruturalmente o equivalente moderno do minifundio: é teu, non tes que renderlle contas a ninguén, dá pouco pero a inversión tampouco é moita, e require moitas horas de traballo aínda que o esforzo físico tampouco é de moita intensidade: "Cal é a vantaxe entón? Non ter que enzoufar as mans coa terra (…) Ser alguén, ese era o propósito. A emigración podía dotar aos que migraban dunha identidade. O retorno é connotado segundo os atributos de éxito que se poidan exhibir, por exemplo o Mercedes de volta de Alemaña ou o chalé nas aforas da aldea".

Publicidade dirixida aos interesados en viaxar a Suíza nos anos setenta © Biblioteca Pública da Coruña M. González Garcés
Nos últimos catro anos máis de tres mil galegos e galegas emigraron a Suíza CC-BY-SA Kallu

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.