Tempo Exterior dedica o seu novo número á relación entre Galicia e Brasil

Capa do último número de Tempo Exterior © Tempo Exterior

A revista Tempo exterior, editada polo Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional (IGADI) e dirixida por Xulio Ríos, ofrece no seu último número, de Xaneiro-Xuño de 2012, unha ollada sobre Brasil como país prioritario da acción exterior galega, analizando a relación entre Galicia e o xigante emerxente densde distintas perspectivas, pero nomeadamente facendo fincapé na diáspora e no mundo empresarial. 

Así, no primeiro bloque da revista, destacan os traballos de  Roberto Mansilla (Galicia e Brasil: balance e propostas) e Paula Lamoso (Acción exterior galega: destino Brasil) sobre a acción exterior galega, e tamén a análise sobre as iniciativas empresariais galegas que fai Antonio Viñal Casas en Oportunidades para Galicia en Brasil. 

Un segundo bloque temático céntrase na problemática da cooperación internacional ao desenvolvemento, enmarcada no actual contexto da crise económica e ofrecendo unha perspectiva tanto galega e estatal. Analízanse aquí os cambios e mutacións da cooperación ao desenvolvemento a nivel global (Carlos Gómez Gil), a actual fase de decadencia do apoio estatal á cooperación internacional (Pablo J. Martínez Osés e Ignacio Martínez Martínez), os alicerces do “capitalismo inclusivo” como xeradores dunha nova axenda de cooperación (Pedro Ramiro) e, finalmente, o estado da cooperación descentralizada ante o cambio de ciclo da cooperación a nivel estatal (Núria Camps i Vidal).

Un segundo bloque temático céntrase na problemática da cooperación internacional ao desenvolvemento, enmarcada no actual contexto da crise económica

Finalmente, tamén se poden atopar artigos de fondo sobre a actualidade política de Hungría (Hungría: factores que propiciaron un bienio convulso; Adrián Manuel Moreno Cidrás), Escocia (Escocia, 2014; Xabier Cid), Alemaña (Alemaña na crise: o prezo da reunificación; Rafael Poch-de-Feliu) e Francia (Cambio de rumbo en Francia; Ignacio Ramonet).

Capa do último número de Tempo Exterior © Tempo Exterior

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.