"Unha vitoria do Brexit poría en primeiro plano o discurso antiinmigración"

O Reino Unido decide este xoves a súa permanencia na UE CC-BY Ungry Young Man

Should I stay or should I go? Cando Joe Strummer cantaba isto dende logo non se refería á permanencia do seu país na Unión Europea. Pero o estado de indecisión que reflectía a canción é moi acaido para a xornada histórica (repítese moito este concepto, pero se cadra hoxe é axustado á realidade) que este xoves vive o Reino Unido. As cousas poden ser moi distintas na política británica a partir de mañá dependendo de se gaña unha opción ou outra, e un resultado favorable á saída tamén tería efectos importantes en varios países, e no conxunto da Unión.

O resultado non podería ser máis incerto á vista das sondaxes publicadas nas últimas semanas: a media das enquisas recentes (o poll of polls) amosa un empate, aínda que a maior parte dos estudos realizados tralo asasinato da deputada laborista Jo Cox indican unha pequena vantaxe para a permanencia (Bremain) fronte á saída (Brexit). A morte de Jo Cox significou un claro punto de inflexión (nese momento as enquisas eran favorables ao Brexit) nunha campaña moi dura e que foi collendo unha tinguidura cada vez máis xenófoba entre os partidarios da saída, conseguindo claramente o UKIP impoñer o seu argumentario a prol da limitación da inmigración e o control de fronteiras.

A morte de Jo Cox significou un claro punto de inflexión (nese momento as enquisas eran favorables ao Brexit) nunha campaña moi dura e que foi collendo unha tinguidura cada vez máis xenófoba entre os partidarios da saída

A pesar do estreito do resultado previsto polas sondaxes, os apoios dunha e doutra opción si están máis claros. O Bremain é maioritario entre a mocidade (53-29 entre os e as menores de 35 en abril), domina nas cidades e gaña con claridade en Londres (48-35), Escocia e Irlanda do Norte. O Brexit triunfa entre as xeracións máis maiores, nas vilas pequenas e zonas rurais, conseguindo tamén os partidarios da saída dotar a súa campaña dun certo relato anti-establishmentPor partidos, a permanencia conta co apoio decidido de case todas as forzas, dende os Laboristas, Liberais e Verdes ata os nacionalistas escoceses, galeses e norirlandeses. Fronte a eles, o UKIP e os unionistas norirlandeses. E, no medio, un Partido Conservador partido en dous.

Duarte Romero-Varela é un xornalista galego residente en Londres, favorable ao Bremain (coma a totalidade das persoas de fóra do Reino Unido que traballan no país) e que fixo campaña activa pola permanencia, aínda que non ten dereito a votar. "Hai cousa dunha semana fixen unha porra cuns amigos e puxen un 52-48 a prol de quedar. Naquel momento parecíame unha aposta un pouco optimista de máis, pero á vista das enquisas dos últimos días si que parece que a permanencia é a que máis opcións ten", destaca, pero subliña que é moi difícil saber o que pode pasar finalmente: "A nivel de rúa é difícil tirar conclusións. Eu vivo en Londres, que é unha das cidades máis pro-UE de todo o Reino Unido, polo tanto aquí a maior parte da xente coa que te atopas é partidaria de quedar. A cuestión é que Londres non é representativa da totalidade do país".

Nos últimos meses foi interesante observar a forma en que a esquerda británica tivo que amoldar a súa posición ante os marcos políticos que se foron creando en relación co referendo. Unha parte importante do Partido Laborista, entre eles algúns líderes destacados tiñan unha posición moi crítica con respecto á UE e á propia permanencia do Reino Unido no seu seo. Porén, o escoramento da campaña do Brexit cara á dereita obrigounos a apoiar con firmeza o Bremain e, de feito, hai unha campaña a prol de quedar enfocada na esquerda chamada Another Europe is Possible. "A análise que fixo a esquerda tivo que ver fundamentalmente coa correlación de forzas. Dicíase: 'hai moita xente crítica coa UE, non concordamos con moitas das súas políticas, noutras circunstancias algúns poderiamos defender a saída, pero temos que analizar a quen beneficiaría a saída da UE e como estariamos os británicos o día 24, como afectaría á vida da xente'. A conclusión á que chegou a maior parte da esquerda foi que unha vitoria do Brexit sería moi favorable para a á dereita do Partido Conservador e para a extrema dereita de UKIP", explica Duarte Romero.

"Estas análises víronse confirmadas co propio desenvolvemento da campaña do Brexit, que acabou xirando ao redor do tema da inmigración e do control das fronteiras, unha campaña que chegou a ser directamente xenófoba. Chegaron a publicarse listas de cidadáns europeos residentes no Reino Unido que cometeran crimes, co obxectivo asustar á xente en relación coa liberdade de movementos. Aínda onte eu estaba repartindo propaganda na rúa a prol do Bremain e un home respondeume que el ía votar pola saída porque tiña medo de que a inmigración descontrolada propagase a varíola. Ese é o nivel ás veces. Unha vez que as cuestións se polarizaron tanto, para a esquerda foi doado adoptar unha posición", di.

"A conclusión á que chegou a maior parte da esquerda foi que unha vitoria do Brexit sería moi favorable para a á dereita do Partido Conservador e para a extrema dereita de UKIP"

O resultado terá necesariamente un grande impacto na política interna británica, sobre todo no gobernante Partido Conservador. "Esta campaña foi tamén unha batalla interna do Partido Conservador, que está completamente dividido e que de feito como partido non ten postura oficial. Si a ten o Goberno (a favor da quedar) pero non o partido. Pero hai mesmo membros do Goberno que están facendo campaña a favor de saír a pesar de que David Cameron fai campaña a favor de quedar", subliña. "En función do resultado, iso pódelle custar o liderado a Cameron. Por suposto, se gaña o Brexit, un escenario no que tería que dimitir inmediatamente, sendo substituído por alguén do sector máis á dereita (Boris Johnson, Michael Gove...). Pero mesmo se gaña a permanencia cun resultado moi axustado é posible que Cameron teña unha rebelión interna no partido e o forcen a saír", comenta.

"A nivel social unha vitoria do Brexit poría en primeiro plano da axenda social un discurso antiinmigración, con máis forza aínda do que xa ten hoxe", advirte, unha preocupación que xa compartía David Miranda Barreiro nun artigo publicado esta semana en Praza. "Pase o que pase este xoves, os británicos/as non deberían deixar que o racismo e os prexuízos lles arrebatasen o seu país", dicía, alertando "do lugar onde algúns do partidarios de Leave queren levar a un país que durante moito tempo se sentiu orgulloso da súa multiculturalidade e tolerancia".

"Se gaña o Brexit, pero Escocia -como é previsible- vota maioritariamente por quedar, o SNP xa anunciou que é posible que se convoque un novo referendo de independencia"

Outra das consecuencias inmediatas dunha vitoria do Brexit tería que ver con Escocia, onde todas as sondaxes amosan un claro triunfo da permanencia (58-33 na máis recente). "Se gaña o Brexit, pero Escocia -como é previsible- vota maioritariamente por quedar, o SNP xa anunciou que é posible que se convoque un novo referendo de independencia", sinala Duarte Romero-Varela.

Ademais dos efectos na política, o Brexit tería (ou podería ter, en función das decisións que se adoptasen como consecuencia) consecuencias directas na vida dos centos de milleiros de estranxeiros que traballan no Reino Unido, unha preocupación á que Duarte Romero non é alleo: "No caso de saír habería que ver como afecta de forma concreta aos galegos que vivimos no Reino Unido ou como afectaría ao case millón de británicos que viven en España". "Se sae o Brexit non descarto pedir a cidadanía, como opción para asegurarme o dereito a quedar aquí", destaca. Sinala, finalmente, de que "se o resultado é axustado os partidarios do Brexit van seguir facendo campaña por saír da UE e cando xurdise algunha crise importante na UE volveríano tentar".

"A nivel social unha vitoria do Brexit poría en primeiro plano da axenda social un discurso antiinmigración, con máis forza aínda do que xa ten hoxe"

As incógnitas esténdense á propia participación, dificultada polas forte chuvias e inundacións que está sufrindo o país. Duarte Romero advirte: "isto podería chegar a ser decisivo, porque o voto a favor do Brexit está moito máis mobilizado que o da permanencia". Os datos comezarán a coñecerse tralo peche das urnas (10 da noite en hora local, 11 en España), pero non haberá datos fiables ata a madrugada. 

 

O Reino Unido decide este xoves a súa permanencia na UE CC-BY Ungry Young Man
As sondaxes indican un empate técnico entre as dúas opcións, cunha pequena vantaxe para a permanencia CC-BY-SA Bill Tyne
A esquerda británica tivo unha posición complicada neste debate CC-BY-SA William Murphy
Mentres que en Londres ou en Escocia o apoio á permancia é claro, as pequenas vilas inglesas apostan polo Brexit CC-BY-NC Ian
O UKIP é o grande abandeirado da opción do Brexit CC-BY David Holt

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.