A coartada de Feijóo

Discurso de Feijóo na xornada organizada polo Parlamento co gallo do 40º aniversario do Estatuto CC-BY-SA David Cabezón / Xunta

Nunha recente crónica publicada en Praza, David Lombao resumía perfectamente a principal coartada manexada por Núñez Feijóo e o seu partido durante a última década para incumprir a inicial promesa electoral formulada na campaña electoral do ano 2009 relativa a unha presunta iniciativa de reforma do Estatuto de Autonomía: a situación política xerada en Catalunya a partir do recurso de inconstitucionalidade presentado polo PP de Rajoy contra o novo Estatuto aprobado en referendo polo corpo electoral catalán.

Durante moitos anos, Cataluña operou como un referente de certa relevancia na política galega

Durante moitos anos, Cataluña operou como un referente de certa relevancia na política galega. Durante os primeiros anos do seu mandato, Manuel Fraga non dubidou en aproveitar os efectos derivados dos acordos subscritos por Pujol con Felipe González e J.M. Aznar en materia de financiamento autonómico, asumindo unha lóxica reivindicativa autonomista de menor intensidade que a de CiU pero de notoria carga simbólica (“autoidentificación”, propostas de “Administración única” e de reforma do Senado...). Na outra parte do escenario, o BNG participaba activamente na chamada Declaración de Barcelona (ano 1998) e trataba de reforzar o seu peso electoral exhibindo as súas coincidencias cos nacionalismos que viñan gobernando en Euskadi e Cataluña dende comezos da década dos 80. A iniciativa de elaboración dun novo Estatuto promovida polo BNG e o PSdG no ano 2006 tiña, tamén, unha implícita conexión co proceso análogo desenvolvido naqueles anos no seo do Parlament catalán.

Feijóo aproveitou a celebración dos 40 anos da promulgación do actual Estatuto para descualificar calquera pretensión de modificar, total ou parcialmente, o seu contido

As cousas comezaron a mudar coa sentenza do Tribunal Constitucional que anulou unha parte significativa do Estatut. O nacemento dun movemento político e social que propuña a independencia de Cataluña, a través dunha consulta específica e nun prazo curto, alterou os equilibrios que definían o mapa parlamentario precedente: substitución de CiU por unha forza -JxCat- explicitamente independentista; reforzamento notábel de ERC; importante debilitamento do papel do PSC... Nese novo contexto, Feijóo -que non se caracterizaba pola súa vontade autonomizadora a respecto do que se estabelecía na rúa Genova de Madrid- carecía dos incentivos que tivera o seu antecesor no PPdG para asumir prácticas derivadas dunha lectura light do que pasaba no universo político catalán.

O presidente da Xunta perdeu unha oportunidade para demostrar a visión que cabe esixir a unha persoa que leva mais dunha década presidindo as institucións do autogoberno galego

Feijóo aproveitou a celebración dos 40 anos da promulgación do actual Estatuto para descualificar calquera pretensión de modificar, total ou parcialmente, o seu contido. Sabendo que ten a chave decisoria nun eventual proceso de reforma (requírese unha maioría cualificada de 2/3 da Cámara do Hórreo) e que no seo das forzas da oposición non hai, hoxe, unha concordancia a respecto do que compre facer neste eido, o presidente da Xunta perdeu unha oportunidade para demostrar a visión que cabe esixir a unha persoa que leva mais dunha década presidindo as institucións do autogoberno galego. Convén subliñar, en todo caso, que esta posición negacionista conta co apoio, polo menos tácito, dos aliados empresariais e mediáticos que veñen avalando a continuidade de Alberto Núñez.

A práctica coincidencia temporal entre a conmemoración do texto estatutario de 1981e os 90 anos transcorridos dende a proclamación da II República española podería motivar un recoñecemento da débeda histórica contraída co Estatuto aprobado en 1936 e arruinado pola sublevación franquista. Poren, Feijóo padece o mesmo síndrome que todos os dirixentes do PP: fica debedor da visión histórica que branquea o golpe de Franco polos supostos excesos vividos durante o sistema democrático republicano.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.