Unha das consecuencias mais preocupantes da longa hexemonía electoral protagonizada polo PPdeG durante as últimas décadas é a progresiva depreciación do papel do Parlamento na vida institucional galega
Unha das consecuencias mais preocupantes da longa hexemonía electoral protagonizada polo PPdeG durante as últimas décadas é a progresiva depreciación do papel do Parlamento na vida institucional galega. Dende unha perspectiva teórica, a Cámara do Hórreo debería cumprir tres funcións básicas: elaborar e aprobar leis e normas reguladoras da vida social; controlar habitualmente o labor dos distintos departamentos gobernamentais e recoller as preocupacións e demandas que podan xurdir no seo da sociedade galega.
Certamente, o Parlamento practicou unha continuada actividade lexislativa caracterizada, obviamente, por un contido acorde ás formacións políticas que -en solitario ou en coalición- dispuxeron da maioría dos escanos. Certamente, como se ten comprobado en moitas ocasións, posuír a maioría non garante a calidade do que resulta aprobado. Con todo, as deficiencias mais notábeis amosadas na Cámara do Hórreo tiveron que ver co indispensábel exercicio de control do Executivo e coa necesaria interacción da institución co tecido social. Para que a oposición poda controlar é preciso que o goberno informe con dilixencia de todo o que se lle pregunte. Se non hai transparencia total do que se fai dende as consellerías ou existe unha inxustificada demora na dación de contas, a calidade democrática fica efectivamente deteriorada.
Hai poucos días, o goberno de Alfonso Rueda exemplificou a forma de entender as relacións entre as institucións políticas e a cidadanía. Aplicando o manual do populismo trumpista, realizou un acto conmemorativo do trunfo electoral do 2024 utilizando como reclamo publicitario algunhas das persoas beneficiarias de axudas e prestacións do goberno galego. A mensaxe ficou clara: o presidente da Xunta priorizou o mitin partidista fronte ao debate parlamentar sobre o estado da nación que -ben o sabía- ía ter lugar unha semana despois. Por que non agardar por esa sesión da Cámara lexislativa? A resposta semella evidente: para evitar a controversia directa coa oposición e monopolizar totalmente a atención mediática mediante semellante cerimonia gobernamental.
Hai poucos días, o goberno de Alfonso Rueda exemplificou a forma de entender as relacións entre as institucións políticas e a cidadanía. Aplicando o manual do populismo trumpista, realizou un acto conmemorativo do trunfo electoral do 2024 utilizando como reclamo publicitario algunhas das persoas beneficiarias de axudas e prestacións do goberno galego
Na dinámica do Parlamento galego existen dúas citas destacadas no transcurso do ano: a discusión e aprobación dos orzamentos da Comunidade Autónoma e o xa citado debate sobre o estado da nación. Nesta ocasión, a recente morte do Xefe do Estado Vaticano contribuíu a reducir aínda mais o impacto mediático do acto que se desenvolveu no pazo do Hórreo. O coñecemento da negativa do Ministerio de Industria á petición do subsidio de 30 millóns de euros solicitado por Altri, ao abeiro das axudas pola "descarbonización industrial", constituía un incentivo adicional para que este tema fora obxecto dunha discusión sistemática no foro parlamentar. Poren, Alfonso Rueda optou por un tratamento superficial deste importante asunto, renunciando a formular unha resposta rigorosa aos argumentos manifestados nos últimos meses polos sectores que critican este proxecto da empresa portuguesa. Converter a tribuna do Hórreo nunha versión da retórica que se pode exhibir nun mitin do PP (utilizando un vello tópico -"os do non"- para descualificar as posicións discrepantes) revela a carencia de argumentos convincentes para xustificar o apoio a unha decisión industrial de tal transcendencia. Escoitando ao presidente da Xunta, reforzase a pertinencia de varias preguntas: a que se debe a teimosa pretensión de facer efectiva a presenza de Altri en Palas? Non ten o goberno de A. Rueda outras alternativas de industrialización mais acordes coas esixencias de respecto medioambiental que merezan ser apoiadas? Quérese converter a instalación de Altri nun pulso político para demostrar a envergadura do poder do PPdG e certificar a impunidade electoral ante semellante exhibición de prepotencia?
Nas intervencións de Alfonso Rueda latexou unha premisa que non concorda totalmente coa realidade: pretendeu xustificar a bondade das políticas gobernamentais na contundencia dos resultados electorais
En todo caso, o debate permitiu constatar dúas circunstancias non especialmente novidosas. Por unha banda, a extremada belixerancia verbal utilizada polo presidente e polo voceiro do grupo parlamentar maioritario contra os dirixentes da oposición (singularizada, sobre todo, na figura de Ana Pontón). Ademais, nas intervencións de Alfonso Rueda latexou unha premisa que non concorda totalmente coa realidade: pretendeu xustificar a bondade das políticas gobernamentais na contundencia dos resultados electorais rexistrados en Febreiro de 2024, cando a diferenza entre a porcentaxe de votos acadados polo PPdG e os que avalaron ao BNG e ao PSdG non chegou aos 3 puntos. Foi unha vitoria mínima, non un "paseo militar". Operar coma se fora isto último é un sinal da inercia autoritaria acumulada por unha formación política que leva demasiado tempo administrando as institucións galegas.