Hai uns días, a Vicepresidenta de Transición Ecolóxica, Sara Aagesen, manifestaba que calquera hipotética axuda á planta de Altri estaría condicionada a que “non se producirá un dano significativo ao medio ambiente”. O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, contestou que esa era a forma de proceder no Goberno galego na avaliación ambiental. Como de costume, Rueda falseaba a realidade, desta vez dobremente
No Sobreiral do Arnego, un valioso espazo natural a priori protexido pola Rede Natura 2000, desde hai un ano estanse a facer talas ilegais e substitución das sobreiras, que dan nome a ese bosque, por eucaliptos. En teoría, os espazos da Rede Natura non só deberían estar pintados no mapa, senón que desde hai case 20 anos deberían contar con plans de xestión axeitados para a súa conservación. Pero iso non sucede en Galicia.
O Sobreiral do Arnego atópase a uns 25 kms en liña recta da finca onde está proxectada a planta de Altri. Xa hai, polo tanto, quen especula co noso patrimonio natural para sacar un rendemento a futuro aproveitando a instalación da celulosa. Consecuentemente, Altri, sen aínda ter sequera unha avaliación ambiental por parte da Xunta de Galicia, xa está a xerar un dano ambiental significativo coa complicidade por inacción do Goberno galego.
Hai uns días, a Vicepresidenta de Transición Ecolóxica, Sara Aagesen, manifestaba que calquera hipotética axuda á planta de Altri estaría condicionada a que “non se producirá un dano significativo ao medio ambiente”, o chamado DNSH das normas europeas de sostibilidade. O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, contestou que esa era a forma de proceder no Goberno galego na avaliación ambiental. Como de costume, Rueda falseaba a realidade, desta vez dobremente.
A primeira das falsidades pódeselle atribuir por descoñecemento, quizais interesado: a avaliación ambiental preceptiva non outorga a clasificación do proxecto como que “non fai un dano significativo”, a avaliación DNSH é un requisito máis estricto e imprescindible para recibir os Fondos de Recuperación da UE, que avalía seis parámetros a cumprir, entre eles non danar a biodiversidade.
Se a Xunta de Galicia tivera feito os seus deberes, e cumprira coas súas obrigas, de conservación e xestión do noso patrimonio natural, proxectos como o de Altri terían un impacto menor no territorio e o patrimonio natural pois, xa de entrada, non poderían situarse en localizacións como a agora prevista
A segunda das falsidades é a máis grave: Rueda da por suposto que non hai un efecto sobre a nosa natureza cando xa se está producindo de facto pola inacción e desidia continuada da Xunta desprotexendo o patrimonio natural de Galicia. En reiteradas ocasións e por diferentes motivos, teño chamado a atención sobre o que ocorre co incumprimento da Directiva de Hábitats. Galicia ten tan só un 13% do seu territorio baixo a protección da Rede Natura 2000 fronte a un 27% da media española e só o 15% dos nosos bosques están protexidos fronte a media estatal do 41%. Por estes motivos, e outros que teñen que ver coa ausencia de figuras axeitadas de xestión, a Comisión Europea abreu expediente de infracción “pola falta de fixación de obxectivos de conservación suficientemente detallados para cada lugar e de medidas de conservación cuantificadas para zonas especiais de conservación en Galicia”.
Polo tanto a día de hoxe, Altri, sen estar aínda presente no territorio, xa está a provocar un dano significativo á nosa biodiversidade, un dano agudizado pola desprotección da natureza froito das políticas do PP na Xunta. Dito con outras palabras, se a Xunta de Galicia tivera feito os seus deberes, e cumprira coas súas obrigas, de conservación e xestión do noso patrimonio natural, proxectos como o de Altri terían un impacto menor no territorio e o patrimonio natural pois, xa de entrada, non poderían situarse en localizacións como a agora prevista. En definitiva, a Xunta do PP, por non ter coidado e protexido suficientemente os valores naturais de Galicia, é a culpable non só da mala saúde ambiental do país senón da falta dunha política industrial digna de tal nome que conduce a que moitos proxectos industriais queden no camiño.
Tanto deixan facer que, ao final, desfán.