A viaxe de Alfonso Rueda ao Brasil, coincidindo coa celebración en Río de Janeiro do XIV Pleno do Consello de Comunidades Galegas, ofrece unha ocasión para reflexionar sobre unha das grandes fortalezas potenciais de Galicia como é a súa diáspora
A viaxe de Alfonso Rueda ao Brasil, coincidindo coa celebración en Río de Janeiro do XIV Pleno do Consello de Comunidades Galegas, ofrece unha ocasión para reflexionar sobre unha das grandes fortalezas potenciais de Galicia como é a súa diáspora. Un patrimonio humano, cultural e relacional de extraordinaria dimensión que, malia a súa importancia histórica, continúa insuficientemente incorporado ás estratexias de desenvolvemento e proxección internacional do país.
Brasil, con máis de 53.000 galegos residentes, é o segundo territorio do mundo con maior presenza galega no exterior, só por detrás da Arxentina. Non estamos, pois, ante unha colectividade testemuñal nin ante un simple recordatorio dunha emigración pasada. A presenza galega no Brasil ten unha historia longa, unha implantación institucional considerable e unha capacidade de relación que debería merecer unha atención política e estratéxica moito máis ambiciosa.
As sociedades de socorros mutuos, os centros culturais, as asociacións e as institucións creadas pola emigración non foron unicamente espazos de sociabilidade ou de conservación das tradicións. Foron tamén instrumentos de integración, solidariedade, mobilidade social e conexión entre sociedades. As entidades homenaxeadas en Río -a Sociedade Hispano Brasileira de Socorros Mútuos e Instrução, a Sociedade Rosalía de Castro, o Recreo dos Anciáns ou os Cabaleiros de Santiago de Salvador de Baía- representan unha parte desa historia. O seu traballo merece recoñecemento, pero tamén debería suscitar a pregunta de que queremos facer hoxe con ese capital acumulado!
Da emigración histórica á Galicia global
Galicia ten nisto unha vantaxe comparativa notable. A súa presenza en América Latina, Europa e outros espazos internacionais podería constituír unha auténtica rede de diplomacia social, cultural e económica. Unha rede descentralizada, asentada en relacións de confianza e cun coñecemento directo dos territorios. Non substitúe a acción exterior institucional, pero pode amplificala e dotala dunha capilaridade difícil de conseguir por outros medios
A diáspora constitúe un recurso de primeira magnitude para calquera país que aspire a ampliar a súa presenza internacional. Non só pola súa capacidade de preservar vínculos afectivos ou transmitir unha determinada identidade, senón tamén porque pode facilitar relacións económicas, empresariais, culturais, académicas, científicas e institucionais. As comunidades emigradas e os seus descendentes coñecen os países nos que viven, participan nas súas sociedades, constrúen redes e poden actuar como interlocutores privilexiados entre realidades que, doutro xeito, permanecerían máis afastadas.
Galicia ten nisto unha vantaxe comparativa notable. A súa presenza en América Latina, Europa e outros espazos internacionais podería constituír unha auténtica rede de diplomacia social, cultural e económica. Unha rede descentralizada, asentada en relacións de confianza e cun coñecemento directo dos territorios. Non substitúe a acción exterior institucional, pero pode amplificala e dotala dunha capilaridade difícil de conseguir por outros medios.
Non obstante, a política galega de emigración continúa demasiado condicionada por unha concepción tradicional da diáspora, só momentaneamente alterada durante o mandato do conselleiro Aurelio Miras Portugal. O seu centro de gravidade sitúase na atención asistencial, no recoñecemento das entidades históricas, na organización de encontros institucionais e no fomento do retorno. Son funcións lexítimas e necesarias, pero non esgotan nin de lonxe as posibilidades dunha comunidade que xa non responde exclusivamente ao perfil da emigración que marchou de Galicia hai varias décadas.
O relevo xeracional, precisamente un dos asuntos presentes no encontro de Río, é un indicador desta transformación. Moitas entidades afrontan dificultades para incorporar xente nova e renovar as súas estruturas directivas. Non abonda con pedirlles que se adapten aos novos tempos. Cómpre revisar tamén o modelo institucional co que Galicia se relaciona con elas. Non podemos pretender que as asociacións sobrevivan indefinidamente como depositarias dunha memoria que as novas xeracións deben limitarse a herdar. Deben poder ofrecerlles razóns para participar, proxectos nos que implicarse e oportunidades para establecer relacións contemporáneas con Galicia.
A lingua como ponte, non como adorno
Presentar o Xacobeo 2027 en Río e identificar o Brasil como mercado de interese turístico e empresarial é unha iniciativa pertinente. Pero a relación non debería comezar e rematar na captación de visitantes nin na apertura de oportunidades comerciais. O verdadeiro potencial reside en construír relacións duradeiras, aproveitando precisamente os vínculos humanos e culturais xa existentes
Neste punto aparece unha cuestión fundamental: a lingua. O galego debería ser un dos principais instrumentos de articulación desa rede internacional. É un elo que permite conectar persoas, xeracións e territorios, e que pode converter unha identidade de orixe nunha comunidade de relación e intercambio. A súa dimensión internacional non procede unicamente do número de falantes residentes en Galicia, senón tamén da súa proximidade ao espazo lingüístico portugués e da súa capacidade para establecer pontes con Brasil e o conxunto da lusofonía. Lamentablemente, hai quen non o entende así.
Resulta difícil comprender que unha Galicia que reivindica a súa proxección exterior non sitúe esta circunstancia no centro da súa acción internacional. O portugués é unha lingua de alcance global e o galego dispón dunha proximidade histórica, lingüística e cultural que debería ser considerada unha oportunidade estratéxica. Brasil non é só un país onde residen miles de descendentes de galegos, é tamén un espazo no que a lingua pode facilitar relacións culturais, educativas, universitarias e económicas de enorme interese.
Por iso resulta tan contraditorio que as autoridades galegas proclamen o valor da lingua como sinal de identidade mentres, na práctica, tantas veces a relegan a unha función ornamental, protocolaria ou simplemente a omiten. Non se trata de cuestionar a promoción turística, a difusión do Camiño de Santiago ou o recoñecemento das asociacións. Trátase de entender que a lingua pode facer moito máis, pode ser unha ferramenta de cooperación, de internacionalización e de construción de redes. A lingua non é só un elemento de conservación identitaria, senón unha infraestrutura de relación internacional. Se unha Galicia que queira ter presenza no mundo non pode permitirse o luxo de ignorar a parte do mundo que xa leva Galicia consigo, sobre todo, non debería esquecer que unha das súas mellores credenciais para dialogar con ese mundo é precisamente aquilo que ás veces parece valorar menos, a súa propia lingua.E engadiría como consideración especialmente importante que non hai política de internacionalización coherente se se despreza ou infravalora ese principal instrumento que Galicia ten para conectar con unha parte moi significativa do mundo.
Presentar o Xacobeo 2027 en Río e identificar o Brasil como mercado de interese turístico e empresarial é unha iniciativa pertinente. Pero a relación non debería comezar e rematar na captación de visitantes nin na apertura de oportunidades comerciais. O verdadeiro potencial reside en construír relacións duradeiras, aproveitando precisamente os vínculos humanos e culturais xa existentes.
Un modelo que precisa renovación
Galicia leva demasiado tempo contemplando a súa diáspora a través do espello da nostalxia. Cómpre mudar a perspectiva e pasar da memoria á cooperación, da asistencia á participación, do recoñecemento simbólico á activación de capacidades e da emigración como problema demográfico á diáspora como oportunidade internacional.Trátase de renovar a propia concepción institucional da diáspora
A celebración do Pleno en Brasil, algo que non acontecía fóra de Galicia desde a reunión de La Habana de 2016, ten unha significación positiva. Pero tamén pon de manifesto a excepcionalidade dunha práctica que debería formar parte dunha política máis continuada de presenza e interlocución internacional.
O Consello de Comunidades Galegas e a súa Comisión Delegada necesitan algo máis que unha renovación periódica de representantes. Precisan unha revisión dos seus obxectivos, dos seus instrumentos e da súa capacidade para incorporar novas realidades migratorias e xeracionais. A Galicia exterior non está formada unicamente polos centros históricos. Inclúe profesionais, investigadores, emprendedores, estudantes, creadores e persoas que manteñen relacións diversas co país de orixe, sen que necesariamente participen nas estruturas asociativas tradicionais.
A Xunta debería avanzar cara a unha política de diáspora entendida como política de país. Isto supón conectar as comunidades exteriores coas universidades, o sistema científico, as empresas, as institucións culturais e os organismos de promoción económica; identificar interlocutores e redes de coñecemento; favorecer programas de intercambio e cooperación; e aproveitar a presenza galega para construír unha auténtica estratexia de internacionalización. Galicia dispón dunha rede humana que moitos quixeran para abrir portas, identificar oportunidades e facilitar interlocucións. É unha forma de presenza internacional que merece planificación propia.
O retorno pode ser unha opción valiosa, pero non debería converterse na medida principal do éxito dunha política de emigración. Non todos os galegos do exterior queren ou poden regresar. Moitos poden contribuír ao desenvolvemento de Galicia precisamente desde os lugares onde viven e traballan. A cuestión non é que volvan, senón que poidan seguir formando parte activa do país.
A Xunta segue mirando demasiado cara aos emigrantes como destinatarios de políticas públicas, cando tamén debería consideralos protagonistas e socios dunha política exterior de país
Galicia leva demasiado tempo contemplando a súa diáspora a través do espello da nostalxia. Cómpre mudar a perspectiva e pasar da memoria á cooperación, da asistencia á participación, do recoñecemento simbólico á activación de capacidades e da emigración como problema demográfico á diáspora como oportunidade internacional.Trátase de renovar a propia concepción institucional da diáspora. A Xunta segue mirando demasiado cara aos emigrantes como destinatarios de políticas públicas, cando tamén debería consideralos protagonistas e socios dunha política exterior de país.