"Hai que ter estratexias claras de promoción internacional da lingua e da cultura galega"

O pasado ano a AIEG celebrou o seu 40 aniversario no Consello da Cultura Galega © AEIG

En 1985 a Universidade de Maine acolleu o primeiro congreso da Asociación Internacional de Estudos Galegos, que deste xeito iniciaba a súa actividade. Facíao co impulso da filóloga estadounidense Kathleen March, estudosa da literatura galega e doutras literaturas da Península, que nos anos anteriores realizara un convite a outros investigadores e investigadoras para ter este encontro científico e poñer en marcha unha entidade que "promovese os estudos galegos a nivel internacional". March recibiu o mes pasado a Medalla de Ouro do Consello da Cultura Galega.

"A asociación cumpre un papel, fundamental, de diplomacia cultural porque unha das características das culturas minorizadas é a súa invisibilidade no mundo. Ser visto fóra é fundamental, ser recoñecido; as veces os ollos dos outros son importantes para que un se convenza da súa propia existencia"

A asociación, da que March foi a primeira presidenta, buscaba tamén "propiciar o intercambio" entre investigadores e "fomentar a presenza da cultura galega no mundo, especialmente no ámbito académico". A partir de aí a asociación foi organizando cada tres anos congresos en universidades estadounidenses e, posteriormente, no Reino Unido, Alemaña, Cuba, Cataluña ou Brasil. E tivo á súa fronte a destacados nomes da academia, como Xoán González-Millán, John Rutherford, Dieter Kremer ou Basilio Losada.

A entidade superou xa, polo tanto, os 40 anos de historia, que celebrou o pasado ano no Consello da Cultura Galega cun encontro que fixo balance da súa actividade e buscou poñer as bases para un traballo máis estable, de continuidade, alén da celebración dos seus congresos trianuais. O seguinte será o ano que vén no Brasil, en Rio de Xaneiro. Dende hai dous anos ten á súa fronte a Xoán Lagares, profesor na Universidade Federal Fluminense desa cidade.

Falamos con Lagares sobre o funcionamento da asociación e a súa lonxeva traxectoria, todo un logro, e tamén sobre a importancia da "diplomacia cultural" que realiza a entidade e os seus preto de 400 asociados e asociadas, unha potente rede académica que contribúe a dar a coñecer Galicia e a súa cultura e lingua internacionalmente. 

Acto durante o congreso internacional da Asociación Internacional de Estudos Galegos CC-BY-SA AIEG

"Facer un congreso académico internacional nunha universidade no estranxeiro é unha oportunidade para reunir xente que vai falar da Galiza, afondar na cultura galega e debater sobre a súa potencialidade e o seu futuro. Ten mesmo unha dimensión económica"

Non son tantas as asociacións que superan os 40 anos de traxectoria en Galicia, como xa fixo a AEIG. É todo un logro, que chama a atención, aínda que a asociación leva a cabo unha actividade máis ou menos líquida, moi centrada nos seus congresos. E unha asociación, ademais, cun labor moi importante, de internacionalización da cultura galega, que lle achega presenza internacional, conformando ese poder brando do que agora se fala tanto...

Efectivamente, somos unha asociación con 40 anos de actividade, o cal é un logro moi importante. Pero como ben dis, é unha asociación bastante 'líquida', que existe, pero que en moitos momentos non ten unha actividade continuada, cando menos ata agora, e sobre todo se centra no traballo que se fai nos congresos trianuais e nas publicacións posteriores.

Somos unha rede de investigadores formada por non-galegos interesados pola cultura galega e que a estudan e, despois, por investigadores galegos que se atopan no estranxeiro, ás veces nos lectorados de galego existentes nas universidades. Naceu moi ligada á literatura e, curiosamente, por iniciativa de investigadores non galegos, coma a propia Kathleen March.

A asociación e o que facemos é moi importante, claro, porque unha das características das culturas minorizadas é a súa invisibilidade no mundo. As culturas e linguas minoritarias están cubertas polas linguas de Estado, as linguas hexemónicas no Estado ao que pertencen. Ser visto fóra é fundamental, ser recoñecido; as veces os ollos dos outros son importantes para que un se convenza da súa propia existencia. Por iso, a asociación cumpre ese papel, fundamental, de diplomacia cultural.

"Queremos que a rede sexa un espazo permanente de actividade, no que estudosos da cultura, da historia e da lingua galega poidan divulgar o que están facendo"

Que impacto cres que teñen as vosas actividades, por exemplo a relización dos congresos trianuais?

Facer un congreso académico internacional nunha universidade no estranxeiro é unha oportunidade para reunir xente que vai falar da Galiza, afondar na cultura galega e debater sobre a súa potencialidade e o seu futuro. Isto ten unha importancia excepcional para se deixar ver, para aparecer ante o mundo, para vernos con outros ollos. Ese ollar dende fóra tamén nos permite vernos doutras maneiras. A nivel académico é moi importante, porque pon a cultura galega en relación con outras culturas académicas fóra de España. Ten mesmo unha dimensión económica, porque ese darse a coñecer ten tamén efectos de animar a facer turismo en Galicia ou a potenciar os produtos galegos nos estranxeiro.

Cantas socias e socios ten neste momento a asociación?

É difícil sabelo. Nós temos rexistradas por volta de 400 persoas, pero con distintos niveis de vinculación. Hai, ademais, unha certa descontinuidade nesa listaxe de asociados, que revisamos nos congresos, cada tres anos. Esta é unha das cousas que queremos cambiar: imos facer este ano unha nova campaña de asociados, para termos máis clara esa listaxe e consolidala.

Kathleen March © CCG

"É necesario que exista algún tipo de estratexia para non enviar lectores a universidades polo mundo adiante sen apoio, case como paracaidistas que chegan alí e sen ter ningún tipo de relación co sistema universitario daquel país teñen que facer un traballo de divulgación da lingua e da cultura galega"

Que outros retos ten por diante a asociación?

Había cousas moi básicas que non tiña a asociación. Non tiña, por exemplo, unha páxina web, que agora si temos. Cada Xunta Directiva facía o seu congreso e facía a páxina web dese congreso. As últimas webs deste tipo si que aínda as temos, pero outras perdéronse, porque hai que mantelas, pagar os dominios... 

Outro dos problemas tiña que ver coa memoria da asociación, pola falta deses arquivos, deses materiais. No encontro que tivemos o ano pasado polo 40 aniversario, celebrado no Consello da Cultura, quixemos avanzar niso e, por exemplo, gravamos entrevistas en vídeo. Imos tamén lanzar un número do boletín da asociación con relatos de memoria das actividades pasadas. E queremos que todo iso estea colgado na rede na nosa web.

Supoño que Internet permite dende hai anos unha actividade máis continuada que nos comezos da entidade era imposible, non si? Nos anos 80 todo se reducía aos congresos, publicacións e, como moito, ao intercambio epistolar. Agora as posibilidades multiplícanse?

Si, queremos que a rede sexa un espazo permanente de actividade, no que estudosos da cultura, da historia e da lingua galega poidan divulgar o que están facendo. Estivemos facendo directos por Youtube, abrimos tamén perfís de Instagram e TikTok. Antes de haber Internet, a asociación limitábase á actividade nos congresos e despois á comunicación epistolar, hoxe cambiou todo completamente. Estamos nese traballo. 

Queremos tamén dixitalizar moitos documentos, para contar cun repositorio documental na rede. Por exemplo temos aí a primeira carta que Kathleen March enviou convidando a constituír a asociación na súa universidade, en Maine, en 1985. É importante que esa memoria se manteña porque somos unha entidade que se sostén, basicamente, co traballo e a as achegas dos seus socios. Por iso é fundamental a continuidade. É case un milagre que vaiamos celebrar xa o 15º congreso.

"É necesario crear redes e que estas redes sexan moito máis sólidas e firmes institucionalmente. E que existan estratexias claras de promoción da lingua e da cultura galega"

Entendo que na actividade que poden realizar os distintos asociados e asociadas en cada lugar e o seu impacto é moi diferente e depende de moitos factores. Do país ou da universidade na que estea, das complicidades existente, do seu prestixio persoal, dos apoios cos que conte... Penso tamén nas maiores ou menores dificultades que atopan os lectores e lectoras.

Si, hai realidades moi distintas. Se ti miras as primeiras persoas que foron presidentes, eran persoas cunha traxectoria moi importante como académicos, que tiñan un gran capital simbólico como investigadores e eran moi respectados. Para o resto, pois depende moito da persoa e do lugar no que estean. Nese sentido, penso que é fundamental estar ben inseridos no espazo académico correspondente, ter redes de colaboración cos investigadores deses lugares. 

Outro tema é a situación dos lectorados de galego nas universidades, que son froitos de convenios establecidos coa Xunta. E aí a situación non depende por suposto da asociación, senón da Xunta. É necesario que exista algún tipo de estratexia para non enviar lectores a universidades polo mundo adiante sen apoio, case como paracaidistas que chegan alí e sen ter ningún tipo de relación co sistema universitario daquel país teñen que facer un traballo de divulgación da lingua e da cultura galega. É necesario crear redes e que estas redes sexan moito máis sólidas e firmes institucionalmente. E que existan estratexias claras de promoción da lingua e da cultura galega.

Os dous primeiros números do boletín da Asociación Internacional de Estudos Galegos © AIEG

"A cuestión estratéxica é moi importante, que a Xunta saiba ver cales son os puntos fortes, e cales son os lugares onde se debe estar"

Falta apoio dende a Xunta para que o impacto positivo que teñen os lectorados sexa maior e, en xeral, para mellorar a presenza internacional da cultura galega e dos seus investigadores?

Por unha banda, sería necesario un maior apoio en rede e mellorar as condicións en que os lectores desenvolven o seu traballo. E a cuestión estratéxica é tamén moi importante, que a Xunta saiba ver cales son os puntos fortes, e cales son os lugares onde se debe estar. Nese senso, parece obvio que ten que haber un maior vínculo cos países lusófonos, que é un espazo evidente de relación coa cultura galega, onde a facilidade para entrar é moito maior, grazas á intercomprensión e á familiaridade que existe. Penso que América Latina en xeral tamén o é, por causa dos vínculos que se estableceron a través da emigración. É necesario establecer unha estratexia que ao meu ver neste momento non existe.

En xeral, máis aló do apoio institucional, dende Galicia óllase pouco cara ao exterior? A acción exterior non é unha prioridade, non está na axenda?

Existe moita acción individual, de pequenos grupos, hai iniciativas da sociedade civil en diversos ámbitos. Penso por exemplo na música, no teatro ou no cinema, tamén nas tecnoloxías. E penso que, en xeral, na academia, temos investigadores en relación con universidades de todo o mundo. E o mesmo pasa coas comunidades de emigrantes. Hai un gran potencial que podería ser mellor aproveitado se houbese planos estratéxicos axeitados.

"Parece obvio que ten que haber un maior vínculo cos países lusófonos, que é un espazo evidente de relación coa cultura galega. América Latina en xeral tamén o é, por causa dos vínculos que se estableceron a través da emigración"

E cal é a presenza de Galicia no Brasil? Temos aí un campo aberto que non estamos aínda a aproveitar suficientemente?

No Brasil Galiza é en boa medida descoñecida de maneira xeral. No ámbito académico nos últimos anos fíxose un esforzo. Despois hai elementos de conexión moi importantes, como pode ser o Camiño de Santiago, que é moi popular no Brasil, pero que a xente non identifica con Galicia, senón con España. E despois moitos levan unha gran sorpresa ao entrar en Galicia polo Camiño e ver que aquí se fala galego. Hai, igualmente, moitas conexións a un nivel popular, como pode ser a relación entre as festas Juninas, que se chaman aquí, co noso San Xoán. 

Aquí hai tamén un interese moi grande pola lingua, pola distancia que existe polas diferentes formas de falar neste país de tamaño continental e en relación coa tradición normativa do portugués europeo. Hai moita xente que me di 'ah, esta palabra que ti dis en galego tamén o dicimos na miña rexión', por exemplo 'morriña', que aquí se utiliza popularmente en moitos lugares no mesmo sentido que en Galicia, cando noutros sitios significa 'mal cheiro'. Todo isto xera unha identificación, unha simpatía inmediata. Hai moitas cousas que explorar.

Fogueira nas Festas Junina no San Xoán brasileiro © Baepend

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.