"A acción exterior da Xunta hai 30 anos era pola vía dos feitos, agora temos unha armazón institucional"

Jesús Gamallo con Manuel Fraga nunha imaxe cedida polo entrevistado © Cedida por Jesús Gamallo

Responsable da diplomacia da Xunta de 1999 a 2005 e de novo desde 2009, o alto cargo máis veterano obtivo hai 30 anos o seu primeiro posto de libre designación, xefe de Acción Exterior. "Temos que facer máis visible a nosa identidade no mundo", di.

A mediados de 1996, hai agora 30 anos, a Manuel Fraga quedábanlle 9 anos na Xunta, a UE tiña só 15 membros, estaban activas as guerras de Iugoslavia e Bill Clinton e Boris Yeltsin eran reelixidos presidentes dos Estados Unidos e Rusia. Naquel verán, logo de obter praza na Xunta nunhas oposicións en 1992, Jesús Gamallo (Santiago, 1961) era elixido para o seu primeiro posto de libre designación, como xefe do Servizo de Acción Exterior na Dirección Xeral de Planificación Económica e Relacións coa UE. Dous anos despois ascendería a subdirector xeral de Acción Exterior e en 1999 a secretario xeral de Relacións coa UE e Acción Exterior, o que o converte no alto cargo máis veterano da Xunta. Con rango de Secretaría ou Dirección Xeral, foi o máis alto responsable da 'diplomacia' galega entre 1999 e 2005 e novamente desde 2009 ata agora. 

Que lembra da política internacional e da acción exterior de Galicia daquel 1996?

Obviamente era moi diferente á de hoxe. Había unha certa resaca despois de 1992. Ese camiño de Europa cara á unificación. Todo o mundo críamos na unificación europea. Por dicilo con palabras de hoxe, que tamén se utilizaba nesa época, na Europa federal. Tiñamos o Tratado de Maastricht aprobado e tiñamos xa o Comité das Rexións da UE. Tiñamos avanzado moito despois da vella etapa do movemento rexional europeo que representou a Asemblea de Rexións de Europa, con Fraga, Pujol, estas persoas que levaron adiante a reivindicación da Europa das rexións. Estabamos nunha fase de traballar pola vía dos feitos no ámbito español e de crecemento e ilusión pola idea de Europa e de ilusión pola idea de Europa. No ámbito español estabamos traballando en montar as conferencias sectoriais, en concreto a conferencia de asuntos relacionados coas comunidades europeas. E xa se empezaba a falar da posibilidade de que as comunidades autónomas puidésemos entrar dentro da delegación do Estado nos comités da Comisión Europea, o que se chama a 'comitoloxía', e tamén no Consello da Unión Europea. Este era o panorama dentro do contexto europeo, e no contexto internacional pois lembramos todos que estaba marcado por un unilateralismo brutal dos Estados Unidos. Nese momento era a época de Boris Yeltsin, aínda non entrabr Putin. En fin, tiñamos unha situación internacional obviamente moi diferente.

Jesús Gamallo con Manuel Fraga en Moscova en 2002 © Cedida por Jesús Gamallo

Como mudou a acción exterior galega neste tempo?

"Nós sempre interpretamos que onde tiñamos competencias no eido interior, as podíamos orientar ao eido internacional tamén"

Pois mudou acompasada cos tempos. Nesa época traballábamos pola vía dos feitos, non había unha lei de acción exterior do Estado, non había unha lei de tratados e outros instrumentos internacionais, non había regulamentacións que nos permitisen definir un marco xurídico-político para que as comunidades autónomas puidésemos traballar no ámbito internacional. Tiñamos que facelo pola vía dos feitos. Nós sempre interpretamos que onde tiñamos competencias no eido interior, as podíamos orientar ao eido internacional tamén. Por exemplo, se tiñamos competencia en promoción do comercio, pois podíamos reivindicar a presenza en feiras internacionais. Ou promover o turismo fóra das nosas fronteiras. Pouco despois desa época fixemos o Libro Branco da Acción Exterior. Ninguén o tiña e nel tentamos identificar as nosas capacidades no eido internacional, como podía unha comunidade autónoma do noso tamaño, coas nosas características específicas, traballar no eido exterior. Foi o gran pistoletazo de saída do noso traballo no eido exterior. Acadamos a presenza nos comités da Comisión Europea e no Consello de Ministros da UE, fortalecemos o traballo da Fundación Galicia-Europa, avanzamos cara a unha relación institucional sólida con Iberoamérica, levamos cinco plans directores de cooperación internacional ao desenvolvemento, a comunidade de traballo co Norte de Portugal converteuse en agrupación europea de cooperación territorial (AECT). Recibimos 33.000 millóns de euros europeos desde 1986. Por falar de xeito amplo, foi unha evolución acompasada coa evolución europea e internacional pero traballando sempre a favor dos intereses nosos, claro. 

Dos presidentes dos Estados Unidos adoita dicirse que no primeiro mandato están máis preocupados das cuestións internas e nos segundos das internacionais. Fraga estivo moito tempo e tiña claros pronunciamentos en materia de política internacional mentres que Feijóo estaba máis enfocado na economía. Como valora aquelas presidencias e que tipo de presidente é Rueda no exterior?

Cada persoa responde a unha época determinada. O común denominador a todos eles é o interese por facer o mellor posible para Galicia e todos marcaron unha impronta. Fraga fora diplomático de carreira, embaixador en Londres, eurodeputado. Isto marca o seu perfil e o seu carácter. Feijóo chegou en plena crise económica internacional, entón con certa lóxica a súa visión da presencia internacional de Galicia tiña moito que ver co ámbito económico e co retorno económico para o país. A presidencia de Rueda é unha evolución natural co común denominador de que todos contaban con maioría absoluta en Galicia e polo tanto podían aplicar unha política non só interna senón exterior proactiva en favor dos intereses do país.

Na Xunta actual parecera que o seu departamento se encarga máis da UE, que América é cousa de Emigración e que no resto do mundo a prioridade a ten Economía e o Igape. Que papel tivo a súa dirección xeral na chegada de SAIC a Ferrol?

A propia pregunta o di, "parecera", e eu diría que non é exactamente así. Cada departamento da Xunta ten as súas propias responsabilidades primarias, pero todos temos unha conexión transversal. No noso caso, a conexión transversal é facer o mellor no ámbito exterior para Galicia e polo tanto todos traballamos xuntos. É verdade que o departamento que dirixo eu ten unha presencia europea máis directa porque entre outras cousas depende de quí a Fundación Galicia-Europa, a nosa oficina en Bruxelas, que dalgún xeito ten unha responsabilidade transversal con todos os departamentos da Xunta que van por alí a traballar segundo as súas propias competencias. Polo tanto no ámbito europeo si que temos un plus. Emigración é unha secretaría específica para o tema da diáspora pero nós axudamos no que faga falta e eles a nós. E con respecto ao Igape e Industria o mesmo. Respecto a SAIC, nós estamos sempre cando o presidente recibe embaixadores. Eu lembro algunhas reunións co embaixador de China en Madrid, e aquí, por exemplo, na Coruña estabamos o presidente e eu. O investimento de SAIC é moi importante para nós, para Ferrol. Penso que todos temos que amosar a nosa satisfacción por este investimento. 

Jesús Gamallo con Manuel Fraga en Arxentina © Cedida por Jesús Gamallo

Como son as relacións co Estado en materia de acción exterior? Este Goberno de España deixa actuar máis ás comunidades que outros anteriores?

Non. Non. Por moitas razóns, non é un falar por falar. Este Goberno non está a convocar a conferencia de asuntos relacionados coa UE como tiña que facelo segundo o propio regulamento interno das conferencias sectoriais malia que as comunidades autónomas o demandamos. Poño un exemplo práctico e concreto. Estamos no debate sobre o futuro marco financeiro europeo, onde as comunidades xogámonos moito, e pedimos que a posición do Estado fose debatida nese ámbito e non tivemos resposta. O Goberno non está a deixar que as comunidades poidan participar nunha cousa que vai afectarnos moito, porque se vai adiante o esquema do plan único por estado van ser os estados os que teñan o volume maior de cartos para poder repartir, tanto para cohesión, tanto para agricultura, tanto para pesca, e temos que ser as comunidades autónomas as que deseñemos un mecanismo que nos permita participar na preparación e execución dos programas. Despois, nós sempre cumprimos coa lei de acción exterior no sentido de comunicar ao Goberno as viaxes do presidente e dos conselleiros fora da UE. Sempre cumprimos a nosa parte pero eles, cando se trata de asinar un memorando de entendemento, sempre poñen moitas trabas. Antes había unha capacidade moito máis dinámica. Non estou a falar de tratados internacionais con obrigas. Agora ponnos moitas trabas. No ámbito de Portugal, o mesmo. Convócannos a facer as reunións preparatorias das cimeiras ibéricas, imos con toda a boa intención, levamos a nosa posición falada cos colegas do Norte de Portugal, e despois ás conclusións das cimeiras van migallas do que pedimos. Son moitos exemplos concretos. Eu noto unha regresión respecto doutras etapas deste Goberno coa acción exterior e as capacidades exteriores das comunidades autónomas. 

Por que a Xunta non quere que Galicia estea na Unesco como ofreceu o Goberno de España a Euskadi e Catalunya? Ou por que non aposta polo galego como lingua oficial en Europa?

"Non é verdade que a Xunta non queira a Galicia na Unesco ou o galego na UE, pero son cousas que o Goberno de España di cara á galería"

Imos ver, por partes. A Xunta non é que non queira que Galicia estea na Unesco. Nos o que non queremos é gastar a pólvora en salvas. Aínda non coñezo un só papel que permita a Euskadi ou Catalunya acceder á Unesco. Son cousas que se din cara á galería para acadar votos, para ter adhesión destes territorios ás políticas do Goberno. Pero aínda non coñezo un documento fiable, un documento concreto. É falar un pouco por falar, futuribles. Nós nunca dixemos que se isto se dá non explorásemos a posibilidade. E segundo, non é verdade que a Xunta non queira que o galego estea na UE. De feito, tanto o presidente como eu mesmo no Comité Europeo das Rexións, nas nosas intervencións, nos plenarios sempre falamos en galego. En comisións non, que non se pode. Non sei de onde sae que nós non queremos que o galego estea na UE, porque ademais fomos os que fixemos o Observatorio Galego da Lusofonía. Somos os que estamos a desenvolver as relacións co mundo lusófono.

Sen embargo diversos colectivos critícanos por decisións que perciben como acoutar ou minimizar a proxección internacional de Galicia. Combino iso co artigo que vén de asinar o presidente en diversos medios polo 25 de xullo dicindo no propio titular Nós ao noso. Hai unha tendencia ao illacionismo de Galicia do exterior?

De ningunha maneira. Nós ao noso quere dicir que non queremos meternos en liortas que non son interesantes para o país. Quere dicir que Galicia, para estar ben posicionada no exterior, debe ter credibilidade. E nós temos credibilidade, porque temos unha fortaleza institucional importante que non teñen outros territorios e polo tanto as nosas capacidades de proxectarnos no exterior son máis grandes. Que quere dicir Galicia Calidade? Que queremos potenciar unha imaxe moderna, dunha Galicia competitiva, verde, industrial, nova, sen desbotar as nosas tradicións. Isto é o que o presidente di. "Nós ao noso quere dicir que non nos metamos en liortas que non conducen a nada. Canto máis fortes sexamos, máis capacidade externa teremos. 

Jesús Gamallo con Alfonso Rueda en Senegal en 2018 © Cedida por Jesús Gamallo

Que demandan os colectivos representados no Consello de Acción Exterior e que lles contesta vostede?

"As ONGD, os empresarios, os colectivos presentes no Consello de Acción Exterior, piden unha participación maior"

Son colectivos moi variados, non é unha voz unívoca. As ONGD piden unha política de cooperación ao desenvolvemento forte, con convocatorias de programas para garantir a previsibilidade dos proxectos, cousa que foron conseguindo co paso dos anos. Os empresarios piden unha política industrial forte, unha presencia de Galicia a través do IGAPE nas antenas que ten noutros países para facilitar os negocios sobre todo da rede de pequenas e medianas empresas. En definitiva, piden unha participación maior no ámbito exterior. 

E que lles pode dar o seu departamento?

Tentamos dar o que piden, non sempre é doado. Tentamos que todos os ámbitos teñan o encaixe que necesitan dentro da Estratexia Galega de Acción Exterior (Egaex). Eu quero recordar que a Egaex é pioneira en España e levamos xa dúas. Estamos a executar a segunda, aprobada polo Consello de Acción Exterior. Tentamos cumprir esa estratexia, que beneficia a todos os sectores porque senón non a houbesen aprobado. 

Están a funcionar instrumentos como ese Consello de Acción Exterior, o Consello de Cooperación para o Desenvolvemento ou a Lei de Acción Exterior aprobada en 2021?

Si. Antes puña o exemplo do Observatorio de Lusofonía. Todo é mellorable, hai que estar atentos día a día a que as cousas vaian a mellor, pero a acción exterior de Galicia está aumentando as súas capacidades grazas precisamente á institucionalidade. Antes falaba do principio, cando traballabamos pola vía dos feitos. Agora xa non. Temos estratexias aprobadas polo Parlamento, polo Consello de Acción Exterior, temos unha lei de acción exterior que garante, por exemplo, ,que a Fundación Galicia-Europa sexa a representación oficial en Bruxelas. Estamos a aplicar todas as institucións e instrumentos que temos. Todo ten certa capacidade de mellora, naturalmente. Estamos abertos a que nos lancen ideas para seguir adiante, para explorar novos horizontes. 

Falaba da lusofonía e a Lei Paz-Andrade para estreitar lazos con ela é de 2014. Non parece que eses lazos se estreitasen moito en todo este tempo. 

Avanzamos máis do que parece. Primeiro, o estudo do portugués medrou en Galicia. Pero hai moita xente en Galicia que, por falar galego, xa pensa que fala portugués, que non é necesario facer estudos regulados de portugués. A pesar diso, avanzan positivamente os estudos de portugués en Galicia despois da Lei Paz-Andrade. Segundo, España entrou como país asociado na Comunidade dos Países de Lingua Portuguesa (CPLP) porque Galicia o pediu, e así consta na acta de adhesión. Estamos agora traballando para ampliar as nosas capacidades na CPLP. Terceiro, dentro dos esquemas de cooperación ao desenvolvemento, os países lusófonos son os únicos prioritarios para a cooperación galega na África subsahariana. Cuarto, o traballo do Fondo Galego de Cooperación, o que aglutina os concellos no ámbito da cooperación internacional, traballa moito no ámbito da lusofonía, e nós facemos un convenio anual con eles para traballar niso. Por tanto, si que estamos a traballar neste ámbito.

Jesús Gamallo con Antonio Costa, presidente do Consello Europeo © Cedida por Jesús Gamallo

A representación da Xunta en Bruxelas está canalizada a través da Fundación Galicia-Europa, creada en 1988 con participación de entidades privadas. 1988 é incluso antes de que vostede chegase á acción exterior galega. Segue sendo un instrumento adecuado?

"A Fundación Galicia-Europa segue sendo un modelo axeitado de presenza en Bruxelas porque a súa pluralidade representa máis á sociedade galega"

Si. De feito, ten unha capacidade de atracción interesante porque hii pouco tempo, no último padroado, entraron as deputacións de Ourense e de Pontevedra. Neste momento, xa están as catro deputacións, Abanca, a Zona Franca de Vigo. As vantaxes prácticas son de xestión, porque a administración é máis paquidérmica, máis difícil de traballar na xestión diario, e os códigos das fundacións son diferentes. Pero ademais disto, ten a virtude de que é a propia sociedade galega a que está dentro, non é só a Xunta. Aí temos representantes que non teñen nada que ver co partido que está a apoiar á Xunta. As deputacións da Coruña e Lugo, ou a Zona Franca, por exemplo. Todos achegan, todos explican, todos fan propostas. Nós o que facemos é dirixir todo isto. Eu penso que é un modelo axeitado porque esta pluralidade representa máis á sociedade galega e encaixa máis coas dinámicas que hai en Bruxelas.

Hai un reproche desde hai tempo por parte de BNG e PSdeG de que cando cargos da Xunta van a Europa só se reúnen con eurodeputados do PP. Non se podería aproveitar mellor a representación xeral que ten Galicia para proxectos de país?

"É bo para Galicia ter catro eurodeputados galegos? Cantos máis mellor"

Non é certo. Galicia está ben representada en Bruxelas. Todo é mellorable, pero nós estamos abertos. Cando facemos unha convocatoria, convidamos a todos os eurodeputados de todos os grupos. O eurodeputado do PSOE, Nicolás González Casares, a eurodeputada do Bloque, Ana Miranda, e tamén, por suposto, aos nosos, a Paco Millán e a Adrián Vázquez Lázara. Isto facémolo sempre. Ás veces non contestan, ás veces veñen, ás veces non, pero a convocatoria sempre está aí, e as nosas portas, eles o saben, sempre están abertas para contribuír a que a presenza de Galicia en Bruxelas sexa a mellor posible. 

E bo para Galicia que haxa tantos eurodeputados galegos?

Si, claro. Cantos máis, mellor. 

Jesús Gamallo con Alfonso Rueda en 2014 nun campamento no Sahara © Cedida por Jesús Gamallo

A Fundación Galicia-Europa vai cumprir catro décadas e vostede tres décadas na acción exterior. Canto máis espera seguir no cargo e que lle gustaría ver logrado nese tempo?

"A miña maior satisfacción de aquí ao futuro sería facer máis visible a identidade de Galicia no mundo"

Ía dicir o que o corpo aguante. O que decida o presidente, por suposto, o que se decida na Xunta. Non estou con pegamento. Sei que as cousas evolucionan, sei que o mundo cambia. Non podo dicir outra cousa porque é a verdade. Espero mellorar en moitas vertentes. Espero mellorar na nosa capacidade de presenza directa en Bruxelas. Espero mellorar na nosa relación con Portugal, isto é moi importante, porque é un mundo moi vivo, que a nosa relación se sitúe mellor no ámbito europeo e internacional. Aproveitar que somos xuntos a entrada natural en Europa de Iberoamérica, incluíndo Brasil, e de África Subsahariana, pola cantidade de países de fala portuguesa. Espero mellorar no ámbito da cooperación internacional, ser máis práctico, ter máis capacidade de decisión con respecto aos orzamentos de que podemos dispoñer, que a Xunta poida orientar máis onde é necesario facer os investimentos e non depender tanto de variables externas. Espero que as cousas melloren. Xa fixemos a armazón institucional que non teñen outras comunidades autonómas, lei, estratexias que irán saíndo. E temos algo importante que non teñen outras comunidades, que temos unha idiosincrasia moi propia, moi característica, que é un tema que nos potencia e que nos ten que permitir posicionarnos mellor fora.

Unha identidade no mundo?

Unha identidade no mundo, efectivamente. Facer máis visible esa identidade no mundo, por resumir, eu diría que sería a miña maior satisfacción de aquí ao futuro.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.