A efectividade dos aranceis como arma de política económica: o caso dos Estados Unidos

Terminal de contedores nunha instalación portuaria © https://www.ibimex.com.mx/

En artigos anteriores subliñara que, na liña do manifestado por Joseph Stiglitz e Paul Krugman entre outros, eu pensaba que os aranceis de Donald Trump non ían conseguir os obxectivos declarados polo presidente dos Estados Unidos, pero que si ian provocar un rebumbio no comercio mundial aínda que serían as familias e as empresas estadounidenses as que ían estar entre os maiores damnificados

En artigos anteriores subliñara que, na liña do manifestado por Joseph Stiglitz e Paul Krugman entre outros, eu pensaba que os aranceis de Donald Trump non ían conseguir os obxectivos declarados polo presidente dos Estados Unidos, pero que si ian provocar un rebumbio no comercio mundial aínda que serían as familias e as empresas estadounidenses as que ían estar entre os maiores damnificados.

 

Argumentos trumpistas a prol dos aranceis

O argumento utilizado por Donald Trump para xustificar a implantación da súa política de suba xeral dos aranceis apóiase basicamente en dúas patas : 1. As exportacións estadounidenses están sometidas a barreiras comerciais desproporcionadas o que permitiu que mentres durante décadas outros países tiveron un acceso fácil ao mercado estadounidense eles pechaban os seus. 2. Esas barreiras comerciais explicarían o pertinaz déficit comercial estadounidense. Os abusos comerciais, sostén Donald Trump, terían contribuído a desfibrar o noutra hora extenso e robusto tecido industrial estadounidense. As fabricas emigraron a países con custos mais baratos e se perderon miles de empregos, ao tempo os estadounidenses teñen que comprar no estranxeiro produtos que antes producían por si mesmos. Caída das ventas ao exterior e incremento das importacións que, segundo Donald Trump, estaría na base dos déficits comerciais.

Compre empezar subliñando que a prol do primeiro argumento a administración Trump nunca aportou ningún inventario nin valoración das barreiras arancelarias que puideran servir de apoio aos seus argumentos e cifras. En relación ao segundo tampouco Donalf Trump puxo o foco nunha das características da mundialización neoliberal, que Estados Unidos apoiou con entusiasmo, como foi a deslocalización empresarial quen levou a que moitas grandes empresas estadounidense se trasladaran a outros países con menores custos e con políticas laborais e medioambientais moito mais laxas.

 

Aranceis como estratexia comercial

Na súa versión inicial -lembremos que na súa maior parte serían anulados pola Corte Suprema- a administración Trump impuxo unha taxa básica do 10% a tódalas importacións pero que serían superiores para algúns países maiormente do sueste asiático -40% Vietnam, 37% Bangladesh, 34% China, 26% India, 24% Xapón- pero tamén a Unión Europea -20%- Posteriormente e diante da reacción de moitos países afectados produciuse un tira e puxa -especialmente con China- de si ti sobes eu tamén, que deixaría ao descuberto as debilidades desta estratexia arancelaria. A primeira que Donald Trump e a súa equipa -cegados pola histórica soberbia estadounidense- subestimaron a capacidade de resposta de China e outros países (Mexico, India, Canada...). A segunda que, como nos demostrou a longa historia do capitalismo, os aranceis como arma comercial non garantan o éxito e poden levar a que o maior damnificado sexa o propios pais que os impón. Como unha proba disto último temos a evidencia de que China pechou o ano 2025 con un superávit comercial de récord -1,2 billóns de dólares- mentres que no lado contrario, nos Estados Unidos, se disparaba o déficit comercial por mor de que as importacións de bens e servizos acadaron un novo máximo histórico tal que elevaron aquel hasta a cifra tamén récord de 1,2 billóns de dólares. A pesares do escaso tempo transcorrido a realidade do comercio internacional veu a confirmar o apuntado sobre a suposta eficacia dos aranceis.

Tampouco parecera que o obxectivo central que buscaba a administración Trump cos aranceis se estivera conseguindo: a recuperación dun tecido industrial antano poderoso por mor da volta aos Estados Unidos daquelas empresas estadounidenses que aproveitando as facilitades dadas pola mundialización neoliberal que os propios Estados Unidos e as institucións internacionais do seu entorno (FMI, BM, OMC) impulsaron, se trasladaran a outros países nos que con salarios mais baixos, xornadas mais prolongadas, menores controis ambientais..esperaban obter, e así foi, maiores ganancias. Algo que era facilmente previsible: estas grandes empresas que fixeron elevados investimentos en países maiormente do Sur global no van a cambiar a certeza dunhas ganancias seguras pola incerteza sobre unhas ganancias nada claras por moito que a administración Trump lles prema.

Efectos dos aranceis sobre a economía estadounidense

Todo o anterior non significa que os aranceis non produzan efectos sobre o comercio internacional e outras variables macroeconómicas, algún aparentemente inesperado para a Administración Trump. En relación a isto último, e por moito que o intenten tapar coas súas constantes trolas e mentiras, está a suba nos prezos tanto de moitos dos produtos importados que consumen os estadounidenses como nos subministros, tamén importados, para moitas empresas que precisan dos mesmos para fabricalos seus produtos. Unha suba de prezos que repercutirá sobre a inflación o que reducirá tanto o poder adquisitivo das familias estadounidenses, afectando ao consumo, como ao investimento de moitas das empresas o que rematará impactando na demanda interna e, xa que logo, no crecemento económico. 

Algúns destes efectos se verán mais a medio e longo prazo por que moitas empresas para facer fronte ao impacto das aranceis aceleraron as importacións antes da entrada dos mesmos. De tódalas formas e si analizamos os datos publicados sobre os resultados das maiores empresas estadounidenses na segundo semestre do 2025 nos atopamos con que estes reflicten unha caída do 5% interanual, unha diminución que afecta ao 50% desas corporacións. Os grandes beneficios que aparecen, por caso, nas GAFAM non derivan dos ingresos percibidos polos investimentos realizados senón dos servizos existentes e dos ingresos publicitarios. Por outra parte a marcha dunha grande parte das empresas estadounidenses non se pode equiparar á destas megaempresas, nas que a IA concentra cada vez un maior investimento, cuxos custos de produción non paran de medrar e cales beneficios se esperan a medio prazo. Megaempresas cuxos investimentos son os principais responsables do crecemento da economía estadounidense e tamén da suba nas bolsas. 

No ano 2025 a economía estadounidense tivo un crecemento do 2,2% que supuxo o ritmo mais lento no último quinquenio (2,8% no 2024) e que semella reflectir un claro arrefriamento (1,4% no último trimestre do 2025). Pola súa parte a inflación pechou o 2025 cunha taxa do 2,7% e na que a vivenda, os alimentos e a enerxía -variables que afectan a custo da vida para os consumidores- acadaron os niveis mais altos. Pola súa parte o emprego/desemprego que partía de cifras históricas (4,1% de desemprego a finais do 2024) parece sufrir un certo deterioro (4,4% a finais do 2025, o nivel mais alto dende 2021).

Para o correcto análise destes datos compre ter en conta que a economía estadounidense ven -con Joe Biden na Presidencia- dunha boa racha nos resultados económicos dos últimos anos con taxas de paro históricas (4,1%), un crecemento medio claramente superior ao resto de países do G7 (un 2,8% do PIB no 2025, fronte a un 0,7% medio) e unha inflación moderada (2,4%). Resultados positivos que, a pesar diso, non foran quen de superalos chamados déficits xemelgos (publico e por conta corrente). Uns déficits que con Donald Trump se manteñen e que están contribuíndo a que a débeda pública estea en niveis superlativos (122% PIB). Situación que non se prevé experimente grandes cambios, incluso si se confirma a entrada de ingresos que se anuncia cos aranceis, por mor da paralela perda de ingresos tributarios.

A realidade que mostran as cifras é que a economía estadounidense non parece quen de deter a caída da actividade económica iniciada no ano 2025 que se fixo abrupta coa entrada dos aranceis (abril 2025) e que acabou afectando tanto ao valor do dólar como aos bonos do Tesouro que experimentarían caídas especialmente fortes. Unha dinámica que acerca aos Estados Unidos a unha situación de estanflación cuxas causas non son poucos os que as atribúen as políticas gobernamentais.

 

Efectos dos aranceis sobre a economía mundial

Un dos grandes erros da estratexia comercial imposta pola Administración Trump foi o pensar que os socios comerciais non tomarían represalia fronte aos aranceis, o que si sucedeu como foi o caso de China, Canada e a Unión Europea -tamén México, Australia, Nova Zelandia...- que responderon impoñendo tamén eles aranceis aos produtos estadounidenses o que está afectando tanto as exportacións como a produción e os ingresos propios.

Seguramente que o maior efecto dos aranceis estea sendo a incerteza sobre o presente e o futuro que afecta tanto a produción como o consumo a nivel mundial. Unha incerteza que terminará castigando á oferta e á demanda mundiais e tamén, de rebote, a uns mercados financeiros, hoxe por hoxe, tan decisivos na marcha xeral da economía mundial. A prol da incerteza está a evidencia de que estas medidas proteccionistas da administración estadounidense supoñen unha ruptura coa orde económica capitalista creada logo do II guerra mundial quen tivo a OMC (Organización Mundial de Comercio) como un dos seus baluartes. Unha OMC defensora a ultranza da liberalización comercial.

O que parece cada vez mais evidente é que os aranceis estadounidenses levaron a moitos países a procurar mercados alternativos. Estratexia que en non poucos casos parecera que lle estea dando bos resultados como se reflicte, por caso, con China que, como sinalaba anteriormente, acadou no ano 2025 un récord comercial histórico que puxo en evidencia que ese pais estaba preparado. Paralelamente estanse producindo por parte de vellos aliados dos Estados Unidos (Canada, Gran Bretaña, UE) claros movementos de acercamento a China (tamén por parte da India, Sudamérica) dadas as desconfianzas que, hoxe por hoxe, desperta Washington e que tamén provocaron tanto movementos de retroceso como anuncios de suspensión temporal de acordos anteriores (India, Unión Europea...).

 

O Tribunal Supremo dos Estados Unidos afonda no caos

O fracaso da política comercial da administración Trump é evidente. A pesar diso e dado o carácter imprevisible do mandatario estadounidense, resulta difícil avanzar o futuro inmediato. O que parece claro é que, como nos ensina a historia, o proteccionismo e a política de aranceis non van poder impedir que os Estados Unidos sigan perdendo posicións nunha economía mundo capitalista na que os cambios de posición parecen imparables

Por se o caos provocado no comercio internacional polos aranceis de Donald Trump non fora suficiente o Tribunal Supremo do seu pais, coa súa sentencia en contra dos aranceis, viu a afondar aínda mais no mesmo. A Corte Suprema de Estados Unidos dictaminaría que o presidente Donald Trump sobrepasou os seus poderes cando impuxo amplos aranceis globais, sentencia que posteriormente sería avalada polos fiscais de 24 estados da Unión. Unha decisión que abriu a porta a posibilidade de que consumidores e empresas perciban os correspondentes reembolsos. Nos primeiros cálculos que se fixeron sobre os mesmos sinálase que a cifra a devolver rondaría os 166.000 millóns de dólares. Avecíanse fortes batallas xudiciais que poden durar anos. 

A administración republicana tentou de responder inmediatamente a varapau do Tribunal Supremo con un arancel global do 10% -anteriormente anunciara que sería do 15%-. Que vai pasar agora?. Difícil prevelo pero non se deberan votar en saco roto as advertencias das cámaras de comercio británicas sobre que “hai un cansazo sobre os cambios constantes, a falta de claridade e certeza en termos de tarifas e, xa que logo, os prezos que as empresas podan cobrar polos bens en términos de clientes nos Estados Unidos....onde as empresas están frustradas e exasperadas polos constantes cambios na política” (Willian Blain, xefe da política comercial das Cámaras de Comercio Británicas. BCC). Tamén debe terse en conta que, como asegura a FED (Banco de Reserva Federal de Nueva York) “as familias e as empresas estadounidenses soportaron a maior parte da carga económica (90%) dos altos aranceis impostos no 2025. Estados Unidos está pagando polo aumento dos prezos” (Oficina Nacional de Investigación Económica). 

Como se di en termos futbolísticos “hai partido” e as evidencias apuntan a que, como era de esperar, o fracaso da política comercial da administración Trump é evidente. A pesar diso e dado o carácter imprevisible do mandatario estadounidense, resulta difícil avanzar o futuro inmediato que, de tódolos xeitos, non será doado. O que parece claro é que, como nos ensina a historia, o proteccionismo e a política de aranceis non van poder impedir que os Estados Unidos sigan perdendo posicións nunha economía mundo capitalista na que os cambios de posición parecen imparables. Uns cambios que merecerá a pena analizar e debatir.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.