A entrevista que nunca existiu

Marcial Dorado, nun intre da entrevista concedida a Jordi Évole © laSexta

Se houbera que buscar o aspecto ou a circunstancia mais chamativa da recente entrevista televisiva de Jordi Evole con Marcial Dorado, onde fixariamos a nosa atención? Nas maiores ou menores habilidades entrevistadoras do xornalista? Na actitude elixida polo narcotraficante para enfrontar o compromiso mediático que tiña aceitado previamente?

Os principais medios que conforman o sistema informativo galego decidiron non dar conta -sequera fose brevemente- do contido desa entrevista a pesar do evidente interese que concitaba 

O mais singular aconteceu nas horas seguintes á emisión do programa. Os principais medios que conforman o sistema informativo galego decidiron non dar conta -sequera fose brevemente- do contido desa entrevista a pesar do evidente interese que concitaba por mor das fotos publicadas polo xornal El Pais no ano 2013 nas que aparecían Dorado e Núñez Feijóo compartindo horas de lecer nun barco. Semellante silencio só pode interpretado como unha medida preventiva utilizada para minimizar a eventual erosión da imaxe do actual presidente da Xunta e candidato electoral para o 12 de Xullo. Unha vez coñecido o contido da entrevista aínda resulta mais evidente que esa decisión de ignorala foi adoptada previamente por medo aos efectos que puidese causar o seu coñecemento na reputación presidencial.

Polo demais, Marcial Dorado non descubriu feitos de especial relevancia. Insinuou presións recibidas dende persoas achegadas a Rajoy e a Zapatero e aproveitou a ocasión para criticar a desagradecida ignorancia practicada por Alberto Núñez cara a súa persoa. Recoñeceu que tal distanciamento tiña, seguramente, unha motivación política derivada da imposibilidade de xustificar unha amizade explícita entre un dirixente político e un condenado por narcotráfico. Porén, rematou a cita con Evole afirmando o seu apoio a Feijóo nas vindeiras eleccións ao Parlamento do Hórreo.

Unha vez coñecido o contido da entrevista aínda resulta mais evidente que esa decisión de ignorala foi adoptada previamente por medo aos efectos que puidese causar o seu coñecemento na reputación presidencial

Poucos dias antes da entrevista con Dorado, emitiuse -no mesmo programa- unha conversa con Sandro Rosell, ex-presidente do Barça acusado de branqueo de capitais e finalmente eximido de responsabilidades penais. Mais alá das diferenzas entre ambos os dous millonarios -reveladoras dos distintos mecanismos de selección das elites nas dúas sociedades de referencia- puidemos comprobar o contraste entre o silencio presente no universo mediático galego e a maior pluralidade que opera, en Cataluña, no sistema privado de comunicación.

Na actual situación de grave pandemia sanitaria, é moi probábel que a entrevista de Jordi Evole non teña provocado custes electorais significativos para a candidatura de Núñez Feijóo. O que si certificou, en calquera caso, é a grave fatiga de materiais democráticos que padece, na nosa aterra, o chamado cuarto poder.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.