Toda a oposición ve constatado que Feijóo "mentiu" sobre a súa amizade con Marcial Dorado e cuestiona "en que máis mente"

Marcial Dorado, durante a entrevista no programa 'Lo de Évole', nunha imaxe divulgada pola canle La Sexta © Producciones del Barrio

A canle televisiva La Sexta emitiu o pasado domingo a entrevista que o xornalista Jordi Évole realizou ao contrabandista Marcial Dorado durante un dos permisos penitenciarios da condena por narcotráfico que está a cumprir. O programa devolveu por un intre á axenda política galega a cuestión da amizade de Dorado con Alberto Núñez Feijóo, que no ano 2013 ficara reflectida nunha información de Xosé Hermida e Elisa Lois para El País que incluía varias fotografías de ambos compartindo actividades de lecer a mediados dos anos 90 do século pasado, cando o actual presidente da Xunta dirixía o Servizo Galego de Saúde como número dous de José Manuel Romay Beccaría, o seu mentor político e daquela, conselleiro de Sanidade.

A emisión da entrevista devolveu a amizade de Feijóo e Dorado á axenda política, aínda que sen excesivo ruído

O tema volveu á axenda política, pero de xeito máis ben subterráneo e sen excesivo ruído. Como sempre que o asunto regresou nestes sete anos. Nas súas comparecencias ante a prensa deste luns para abordaren asuntos vinculados ao coronavirus, os líderes das tres principais forzas da esquerda que concorrerán ás próximas eleccións galegas aludiron á cuestión. Un deles por iniciativa propia, o socialista Gonzalo Caballero. Os outros dous, Ana Pontón (BNG) e Antón Gómez-Reino (Galicia en Común), en resposta a preguntas da prensa. Os tres, para veren constatado que Feijóo "mentiu" cando, tras a publicación das imaxes, negou que mantivese unha amizade "nin estreita nin ancha" con Dorado, reducindo o asunto a "unhas fotos antigas".

Reprodución dunha das fotografías de Feijóo con Marcial Dorado, no programa 'Lo de Évole' © laSexta

Gonzalo Caballero ve preciso reiterar a petición de explicacións aínda que este sexa un tema "moi evitado por parte dos poderes establecidos do PP en Galicia"

"Non andabamos ocultos co señor Feijóo. Era público, todos os sabían", defendeu Dorado na entrevista televisiva, onde sinalou diversas viaxes e mesmo estancias do actual presidente galego na súa casa. Cómpre "facer referencia" a estas palabras, cre o socialista Gonzalo Caballero, aínda que o tema sexa "moi evitado por parte dos poderes establecidos do PP en Galicia". "Unha democracia moderna e con calidade" esixe "analizar comportamentos públicos" coma este. Que o é, cre o líder socialista, porque se trata dunha amizade "de dúas persoas cunha evidente faceta pública" no momento dos feitos.

"Mentres plataformas como Érguete se mobilizaban, Feijóo viaxaba en barco ou en lancha co seu amigo" Dorado e "esa mestura entre a política un narcotraficante non pode ser obviada", subliña Caballero, quen di estar convencido de que Feijóo aínda "debe unha explicación" veraz sobre a súa relación "cun dos capos do narcotráfico máis importantes de Europa". "Preocúpannos as mentiras de Feijóo" e que estas fiquen patentes, ao seu xuízo, "cando fala do que podía saber cando tiña relación cun narcotraficante".

Pontón: "Mentiu en relación coa súa amizade cun narcotraficante, en que máis cousas nos mentiu?"

Tamén a nacionalista Ana Pontón considera que vén de volver quedar "en evidencia" que Feijóo "non nos dixo a verdade". Isto é, que "mentiu en relación coa súa amizade cun narcotraficante". Para a portavoz nacional e candidata do Bloque, "o feito de que negase" unha amizade que existiu "só pon o foco" en preguntarse "en que máis cousas nos mentiu". Ademais, despois de que Dorado definise ao líder do PPdeG como un home "honrado", Pontón ironiza con que "estaría moi preocupada por que un narco o teña como referencia de honradez", porque "non di nada bo".

Gonzalo Caballero, Ana Pontón e Antón Gómez-Reino CC-BY-NC-SA PSdeG | BNG | GeC

Gómez-Reino ve "evidente" que Feijóo "mente, nesta e noutras cuestións" mentres o PP resolve que se trata dun "tema moi menor"

Por parte de Galicia en Común, Antón Gómez-Reino ve "evidente" que, outra volta, é "público e notorio que Feijóo mente, nesta e noutras cuestións", igual que cre evidente que "os galegos e galegas sabiamos que o señor Feijóo tiña relación cun narcotraficante e mentía ao respecto" de que, por exemplo, "lle pagaba as vacacións". "É completamente evidente que tería que dar moitas máis explicación, pero agora o que nos preocupa é que dea explicacións de por que houbo recortes sanitarios ou privatizou residencias", sinala Gómez-Reino, quen di ser "consciente" de que "igual que mentía cando dicía que apenas coñecía ao narco Marcial Dorado", tamén o fai "sistematicamente" sobre asuntos vinculados ao Goberno galego.

Tras a emisión da entrevista tamén foi cuestionado ao respecto o voceiro parlamentario do PPdeG, Pedro Puy, que tamén convocara a prensa -a través de internet- para falar sobre o coronavirus, como o resto de grupos. Para Puy, a relación de Feijóo con Marcial Dorado é un "tema moi menor", ademais dun "debate que xa tivemos hai sete anos". Ao seu xuízo, que os grupos da oposición se refiran a el demostra que "non están nos problemas do país", aínda que todos eles convocasen este luns os medios, como nas semanas previas, para falar da crise da covid-19.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.