Alberto Núñez Feijóo, no medio de distintas bromas, deixou entrever que o seu coñecemento do inglés —unha ferramenta básica para quen aspira a gobernar un país—, é máis ben limitado, circunstancia que atribuíu á súa formación na escola rural
O pasado mércores o presidente do Partido Popular, Alberto Núñez Feijóo, foi “a divertirse a El Hormiguero” nunha desas múltiples ocasións nas que a política se mistura co entretemento. No medio de distintas bromas, deixou entrever que o seu coñecemento do inglés —unha ferramenta básica para quen aspira a gobernar un país—, é máis ben limitado, circunstancia que atribuíu á súa formación na escola rural.
Unha afirmación coma esta, aparentemente anecdótica, reactiva un dos prexuízos máis antigos e persistentes que aflixe ao medio rural galego: a súa inferioridade respecto ao ámbito urbano, neste caso en materia educativa. Que un líder político de primeira liña, ademais de antigo presidente da Xunta de Galicia, contribúa a alimentar un estereotipo de tal calibre non só resulta preocupante, senón que reflexa até que punto certos relatos seguen operando con total normalidade no discurso público.
Unha afirmación coma esta, aparentemente anecdótica, reactiva un dos prexuízos máis antigos e persistentes que aflixe ao medio rural galego: a súa inferioridade respecto ao ámbito urbano, neste caso en materia educativa
A realidade sociodemográfica galega está tecida, fundamentalmente, por pequenos núcleos rurais nos que as institucións educativas constitúen un lugar de encontro chave para o desenvolvemento vital e académico da meirande parte dos nenos e nenas galegos. Lonxe de ficar ás portas da vangarda, as escolas rurais caracterízanse por potenciar modelos de aprendizaxe onde a interacción entre docentes e discentes é máis íntima, hai un maior espazo para a aparición de proxectos colaborativos e as dinámicas, grazas á baixada das ratios, adoitan ser máis personalizadas.
Lonxe de ficar ás portas da vangarda, as escolas rurais caracterízanse por potenciar modelos de aprendizaxe onde a interacción entre docentes e discentes é máis íntima, hai un maior espazo para a aparición de proxectos colaborativos e as dinámicas, grazas á baixada das ratios, adoitan ser máis personalizadas
De tódolos xeitos, se o que verdadeiramente nos preocupa son os resultados numéricos, a utilidade e a necesidade de pervivencia das escolas rurais ben pode probarse acudindo á listaxe de centros con alumnado sobresaínte nas últimas probas PAU da nosa comunidade. Un total de 225 centros de todo o país, segundo datos da Xunta de Galicia, foron recoñecidos pola labor educativa realizada con 1.120 estudantes brillantes, de realidades xeográficas diversas.
Á vista destes datos, parece que non é lexítimo establecer unha relación de causalidade entre a procedencia dun medio rural e as carencias formativas. No caso de Feijóo, a alusión a súa estadía no rural ourensán como xustificación da súa falta de competencia na lingua de Shakespeare mostra unha clara vontade de escusismo político e de clasismo rancio. Sendo o líder do Partido Popular alguén que ten a súa completa disposición tódolos medios posibles para poder aprender o idioma, reducir as súas escasas competencias aos primeiros anos de escolarización resulta, como mínimo, cuestionable. Neste senso, o rural aparece como unha especie de explicación sinxela, como un espazo ao que se lle poden atribuír déficits estruturais sen necesidade por en tea de xuízo outras variables moito máis incómodas, como a responsabilidade individual ou as desigualdades de acceso que van máis alá do territorio.
O rural xa non compra relatos de inferioridade; o que cómpre saber é se os que aspiran a gobernar están á altura da madurez da súa propia sociedade.
É hora de que os nosos representantes políticos asuman as súas propias limitacións sen botarlle as culpas á pizarra do colexio da súa infancia. Responsabilizar á escola rural dunha carencia idiomática no século XXI é unha falta de respecto a milleiros de docentes e alumnos que, desde as aldeas e vilas de Galiza, ollan de fronte ao mundo sen complexos. O rural xa non compra relatos de inferioridade; o que cómpre saber é se os que aspiran a gobernar están á altura da madurez da súa propia sociedade.