Como xa sinalara nun artigo anterior a crise financeira (2008) deixou en evidencia que si España, e con ela Galiza, tiña un problema de débeda ese era de débeda privada que non pública. Por esas datas a débeda total calculada ascendía a 4,3 billóns de euros –equivalentes, aproximadamente ao 400% do PIB deses anos-. Dese monto a maior cantidade -3,6 billóns de euros- correspondía a unha débeda privada que equivalía ao 335% do PIB e que representaba o 83,75% do toda a débeda. Velaí confirmado que cando estourou a crise financeira o grande problema financeiro de España, en con ela Galiza, era a enorme débeda privada que se acumulara basicamente co gallo do boom inmobiliario. Unha realidade que as elites económicas e mediatices mantiveron silenciada para poñer o acento na débeda pública polas razóns apuntadas en artigos anteriores e que teñen que ver coas políticas que se querían aplicar e que coñecemos co nome de “austericidio”.
Non sómente se lle ocultou a cidadanía que o principal problema financeiro era a débeda privada senón que ademais se lle mentiu sobre a real natureza da mesma. Así e, apoiándose no segredo bancario, os poderes públicos e mediatices ocultaron que non tódalas débedas privadas tiñan a mesma relevancia centrando a atención na débeda das familias cando a débeda privada mais elevada era a dos bancos quen tiñan case o 40% daquela (1,4 billóns de euros). Sendo a débeda das familias a menor de tódalas débedas privadas (27,75%) con un peso equivalente ao 90% do PIB (1 billón de euros). Nembargante esta distribución das débedas privadas non debemos menosprezar a grande relevancia de tal endebedamento das familias, moi especialmente pola situación de vulnerabilidade en que quedaron moitas delas –o número de desafiuzamentos en Galiza dende que estourou a crise financeira supera con moito os 2.000 anuais: 2.500 no ano 2017- Como se chegou a tal situación?.
Para mellor comprender como foi posible tal endedebamento hai que ter en consideración que o capitalismo actual está na fase de dominación do capital financeiro. Que por tanto se desenvolve segundo as necesidades de acumulación do mesmo. Un réxime de acumulación que deriva nun modelo de crecemento económico baseado no endebedamento que remata estendéndose a tódolos ámbitos -públicos e privados- da sociedade. Un endebedamento que no caso privado das familias viuse favorecido pola caída dos salarios reais, un salarios que levan tempo medrando moi por baixo da produtividade. Como xa expliquei en artigos anteriores o peso dos salarios reais na riqueza nacional en España, e Galiza, non parou de caer estando nos niveis mais baixos de sempre. Uns salarios que na súa caída arrastraron ao consumo e o aforro que son indispensables para o crecemento económico, creando así un grave problema. Problema que se intentou paliar acudindo ao endebedamento hipotecario quen se constituíu así nunha das principais fontes de ganancia dos bancos (xuros e comisións) pero que fixo medrar a débeda das familias como nunca o fixera (115% da renda dispoñible como media en España: ano 2007).
Se a caída dos salarios foi o motor que impulsou o endebedamento, a gasolina foi a política de moi baixos xuros posta en marcha polo BCE (Banco Central Europeo) segundo a senda marcada pola Reserva Federal dos USA. Unhas políticas de baixos xuros que se viu facilitada pola abondosa liquidez de que daba sinais o mercado financeiro mundial. Unha abondosa liquidez e unha política de baixos xuros que disparou o mercado interbancario, quen a súa vez provocou o grande endebedamento dos bancos como por caso os españois e galegos. Deste xeito si a débeda dos fogares e a das empresas medrou de xeito desmesurado a débeda dos bancos fíxoo tamén e en maior medida –a débeda bancaria española chegaría a multiplicarse por 10-. Unha situación que derivou, como xa sinalei, nun elevadísimo apalancamento dos mesmos que aguilloado polas múltiples titulacións das débedas crearon un enorme risco sistémico que rematou estourando nunha crise financeira sen precedentes (2008). Endebedamento bancario que, todo hai que dicilo, no caso das Caixas de Aforro fora estimulado en moitos casos por unhas autoridades rexionais e locais fortemente comprometidas con empresas construtoras que tamén apostaran polo crecemento en base ao endebedamento –crecemento especulativo- e que remataron así igualmente moi endebedadas.
Deste xeito o crecemento por endebedamento privado finou en España, e en Galicia, nun endebedamento xeral privado –bancos, empresas, familias- e público -administracións públicas- neste caso por mor de que os gobernos asumiron como propias as débedas privadas dos bancos e de moitas grandes empresas construtoras. Unha evidencia que viu a confirmar o repetidamente sinalado ao longo destes artigos: España, e con ela Galicia, tal e como sucedeu en outros estados occidentais, adoptou un modelo de crecemento económico sustentando no endebedamento privado que remataría nunha enorme crise financeira que deixaría ao descuberto un endebedamento xeral. Un endebedamento que impulsado polo capitalismo financeiro e protexido polos poderes públicos. supón unha enorme estafa as maiorías cidadáns.
Unha enorme estafa, xa que a crise financeira provocada por este modelo de crecemento que favorece ao capital financeiro foi aproveitada polas elites políticas para impoñer durísimas políticas de axuste fiscal e rebaixa salarial que castigan directamente as clases populares –desemprego, desigualdade, deterioro dos servizos e as transferencias públicos-. Políticas que, por outra parte, transformaron a crise financeira nunha longa recesión económica que disparou a débeda pública. Políticas que seguen vixentes, aínda cando a situación económica xa non é de recesión.
Políticas que, nembargante, non foron quen de estabilizar o sistema bancario. A pesar do segredo bancario hai fundadas sospeitas de que os niveis de apalancamento seguen sendo moi elevados. Por si isto non fora suficiente os bancos españois aínda contan cun elevado índice de morosidade e de activos danados pola crise financeira -100.000 millóns de euros en créditos morosos e inmobles-. Elementos todos eles que colocan a maioría da banca española nunha situación de clara vulnerabilidade que presaxia novas crises bancarias, novas débedas privadas e , xa que logo, novas estafas.
Publicidade