A polémica entre a UE e británica AstraZeneca pola súa vacina contra a covid-19 está acrecentando a mala fama das empresas farmacéuticas no continente europeo, e acadando –por méritos propios- os niveis de impopularidade que xa teñen en EE.UU., onde son as segundas empresas mais odiadas despois das tabaqueiras.
A actual AstraZeneca é o resultado de sucesivos procesos de fusión e reestruturación. En 1926 nacería o conglomerado Imperial Chemical Industries (ICI) que se estendería polos cinco continentes, incluída España
A actual AstraZeneca, quinta no top mundial de vendas, é o resultado de sucesivos procesos de fusión e reestruturación. Pouca xente coñece nisto o papel de Alfred Nobel, o inventor da dinamita, que en 1870 fundou Nobel Industries, para á fabricación de explosivos; a filial escocesa da firma acometeu en 1926 -dando resposta á formación do cartel alemán IG Farben- unha fusión con outras empresas británicas: British Dyestuffs Corporation, United Alkali Co. e Brunner, Mond & Co., co que nacería o conglomerado Imperial Chemical Industries (ICI) que se estendería polos cinco continentes, incluída España.
En 1993 ICI, escindiuse en dúas partes: Zeneca (un nome inventado por unha axencia de marcas, que cobrou 50.000 libras) dedicada ao sector farmacéutico e agroquímico, e ICI, centrada na química industrial. Son anos de forte expansión da empresa, con fármacos superventas de investigación propia, que levarían en 1999 a adquirir a empresa sueca Astra AB, converténdose en AstraZeneca. Pero as vacas gordas non duran sempre, e en torno a 2010 as perspectivas eran malas pola falta de novidades terapéuticas de importancia; de feito, recibiron unha oferta de compra do xigante estadounidense Pfizer, rexeitada coa axuda –segundo se di- do goberno británico. Nese momento enfocou a súa investigación aos antitumorais, que lle permite encauzar os seus resultados.
A principio de 2020, o prestixioso Instituto Jenner da universidade de Oxford, en colaboración con Vaccitech, unha spin-out, consegue preparar unha vacina contra o SARS-Cov-2. Usa para isto a sua tecnoloxía de vector viral, con adenovirus de chimpancé (por certo, similar á rusa Sputnik V do Instituto Gamaleya moscovita). Pero, carentes de músculo financeiro e capacidade para desenvolver a vacina a nivel internacional, ofertan a AstraZeneca unirse para logralo. O premio gordo da lotería para AstraZeneca, que carecía de experiencia e actividade nesta área.
AstraZeneca en Galicia
Nos primeiros anos do séc. XXI, a nova AstraZeneca, ante as malas perspectivas, trata de desfacerse das súas instalacións fabrís en España, co que as fábricas porriñesas corren risco de peche. Finalmente, son adquiridas polo grupo galego Biofabri
En 1940 fundábase no Porriño unha fábrica do grupo Zeltia, constituída o ano anterior polos irmáns Fernández López, para a fabricación de produtos farmacéuticos, veterinarios e agroquímicos. Nos anos 50 Zeltia e a filial española de ICI comezan a colaborar, e en 1964 crean ao 50% dúas empresas: Zeltia Agraria (despois denominada ICI-Zeltia), dedicada aos agroquímicos, e ICI-Farma, dedicada ao sector farmacéutico. Nesta última fabricaríanse especialidades farmacéuticas moi coñecidas, como o popular Hibitane(R), un antiséptico bucofarínxeo envasado nun práctico tubo de aluminio que algúns aínda recordan.
En España ICI-Farma tiña dous centros de fabricación: un pequeno en Parets del Vallés (Barcelona), e o do Porriño, moito máis grande cuns 200 empregados. Iso si, coa sede social en Madrid, o consabido centralismo mercantil. En 1990, ICI-Farma compra a Zeltia a súa participación nas fábricas do Porriño, nas que a parte galega era xa só meramente accionarial. Ese ingreso de fondos en Zeltia coincide co pelotazo millonario de Mario Conde e Juan Abelló, que venden á italiana Montedison a fábrica de Antibióticos SA de León, na que tiña parte Zeltia. Con esas 2 entradas económicas Zeltia funda PharmaMar, dedicada á busca de antitumorais de orixe mariña; pero esta é outra historia.
Biofabri na actualidade está xa a fabricar a vacina do laboratorio estadounidense Novavax e é o socio industrial das dúas vacinas españolas do CSIC
Xa nos primeiros anos do séc. XXI, a nova AstraZeneca, ante as malas perspectivas relatadas, trata de desfacerse das súas instalacións fabrís en España, co que as fábricas porriñesas corren risco de peche. Finalmente, son adquiridas polo grupo galego Biofabri, nacido en 2008 e dedicado a vacinas veterinarias, pero con perspectivas a medio prazo de sacar unha vacina contra a tuberculose humana, unha eiva importante pola falta de eficacia da actual vacina BCG, que data de 1921.
Sobre o futuro de Biofabri, moi prometedor, falaremos noutra ocasión. En todo caso, e volvendo ás vacinas anti-covid19, apuntemos que Biofabri na actualidade está xa a fabricar a vacina do laboratorio estadounidense Novavax e é o socio industrial das 2 vacinas españolas do CSIC.