A memoria do territorio

Construción do proxecto urbanístico en Visma, na Coruña CC-BY-SA Concello da Coruña

Hai uns meses, un grupo dunhas cincuenta persoas camiñaba por un parque da Coruña. Tratábase dun roteiro pola periferia da periferia urbana organizado pola Asociación de Veciños de Labañou, San Roque e a Cidade Escolar. Moitos dos participantes vivían neses barrios desde hai décadas; algúns mesmo naceran alí. Tamén os había de Riazor ou da Agra do Orzán. 

Nuns petoutos detivéronse para contemplaren o contorno: enfronte, o IES Rafael Dieste, os cracks de Aquí tamén se fala; ás costas, os berros duns partidos de fútbol nos novos campos de San Pedro de Visma. Eu, que actuaba de guía, preguntei: “Onde é que estamos?”. A resposta foi inmediata: “O parque Adolfo Suárez!”, dixo un. Si, estabamos no Parque Adolfo Suárez. As seguintes cuestións que lancei tiveron respostas menos efusivas: algúns dos participantes foron alumnos, coma min, do instituto que está a uns metros; menos lembraban as casas que até 2012 estaban xusto no punto en que nos detivemos. E ninguén soubo dicir o seu nome. Eu, que pasei un lustro diante delas, non son consciente de escoitalo até moitos anos despois de abandonar o instituto.

Contorna do IES Rafael Dieste, na Coruña CC-BY-SA Concello da Coruña

Pouco máis dunha década separa o día do roteiro da derruba da aldea das Bouzas, un lugariño visible e con acceso desde a Rolda de Outeiro onde viviu Henrique Ambite, o grande gaiteiro de Visma. Se ben As Bouzas é unha das moitas entidades de poboación coruñesas que naceron a comezos do século XX (como a propia Agra do Orzán), o seu nome ten séculos de existencia: estas terras que hoxe ocupa o Parque Adolfo Suárez xa están atestadas co nome das Bouzas desde o século XVIII, cando menos. Algúns, ao veren unha foto do lugar quixérono lembrar; outros, nin iso, a pesar de que posibelmente pasaron ao seu carón ducias e ducias de veces, andando ou en coche. Desapareceron as casas, morreu a súa memoria. Xa non queda rastro del, insistimos, en pouco máis dunha década. Séculos de transmisión borrados nuns anos. En consecuencia, xa non figura no nomenclátor de entidades de poboación que acaba de se aprobar.

O que non se nomea non deixa de existir pero vólvese un descoñecido. As Pardiñas ou A Costa son dous lugares da Coruña aínda que sexa a primeira vez que leas os seus nomes ou todo o mundo diga “O contorno da rotonda do Pavo Real”

Ao fío disto último, hai uns días mantiven unha conversa cun coñecido, xornalista el con varias décadas a exercer a profesión no ámbito local coruñés. Estaba ben recente a aprobación do novo nomenclátor e, claro, non puido conter a súa reflexión: “Non oín tal na vida”. Asentín e comprendín a súa meditación. Pero tampouco puiden conter eu inquirilo: "Saberías localizar no mapa a rotonda das Bouzas? Ou a rotonda das Pardiñas? Ou a rotonda da Costa?" Papo quedou cando lle dixen que calquera deses tres nomes era máis acaído que o de rotonda do Pavo Real, denominación que aparece decote nas informacións e nos medios e que todos na Coruña coñecemos pola difusión que tivo na prensa. Un adorno floral con dúas décadas de existencia substitúe aldeas e topónimos con séculos.

O que non se nomea non deixa de existir pero vólvese un descoñecido. As Pardiñas ou A Costa son dous lugares da Coruña aínda que sexa a primeira vez que leas os seus nomes ou todo o mundo diga “O contorno da rotonda do Pavo Real”. Vivimos un territorio que descoñecemos. E con eses ollos debemos miralo: sabemos o nome da rúa en que moramos, do noso barrio, do noso lugar e da parroquia. Mais é imposíbel coñecermos cada un dos nomes que forman parte do noso contorno. Nas cidades, aínda máis. 

O barrio, aínda que non naceu, xa está bautizado. Nuns anos será "Polígono de Visma de toda a vida" (...) Puido chamarse como calquera das aldeas desaparecidas na súa construción, pero houbo alguén, non sabemos quen, que lle puxo o nome que quixo

O roteiro comezou nun punto clave: un barrio está a xestarse diante dos nosos ollos e, aínda que non naceu, xa está bautizado. Nuns anos será “Polígono de Visma de toda a vida". Ninguén lle di doutro xeito. Poucos dos que ollaban para el aquel día sabían que desapareceron tres aldeas coa súa construción, A Gramela, O Coidal e O Barral. O novo barrio puido chamarse de calquera destas formas pero houbo alguén, non sabemos quen, que lle puxo o nome que quixo. E púxollo mal: boa parte do territorio non está na parroquia de Visma. Así nacen os nomes dun tempo a esta parte. Tentar mudar isto é intervencionismo, seica mais cómpre deixar constancia dun feito non menor: a toponimia é un patrimonio inmaterial recoñecido pola lexislación e as administracións teñen a obriga de que os instrumentos de planeamento urbanístico garantan a súa salvagarda e respecto. 

Como reaccionamos ante aquilo que descoñecemos define moito como somos. Recoñecérmonos ignorantes é o paso de mellorarmos como persoas. É o paso para coñecermos mellor o lugar que habitamos. Desprezarmos o que descoñecemos fainos peores. O territorio ten memoria; nós, infinitamente menos.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.