O desacordo de varios concellos cos cambios propostos provocou a tardanza na aprobación do novo Nomenclátor, oficial dende este sábado; a Xunta quixo informar a todos os municipios das mudanzas
Dende este sábado é oficial a todos os efectos a nova versión do Nomenclátor de Galicia, que fora presentado pola Comisión de Toponimia o pasado mes de xullo logo de anos dun intenso traballo técnico levado a cabo polo Seminario de Onomástica da Real Academia Galega (RAG) que fora encargado polo Goberno galego á entidade xa en 2012. Quedou así ratificado o visto e prace outorgado polo Consello da Xunta o pasado 30 de marzo.
A corrección e actualización levada a cabo polos expertos en toponimia da RAG da edición vixente desde 2003 supuxo a modificación do nome dunha ducia de concellos, de 182 parroquias e de máis de 2.300 lugares ou entidades de poboación, a través dun traballo que continúa aínda hoxe en día e que fai do Nomenclátor unha publicación en continua revisión.
Xa o anuncio o pasado verán dos cambios nos nomes de doce municipios ergueu as primeiras polémicas e queixas, tamén por parte dalgún dos Concellos implicados que non estaban de acordo coas mudanzas aplicadas. Iso explica a tardanza (oito meses) na aprobación do Nomenclátor por parte da Xunta, que adiou varias veces o seu visto e prace no Consello malia que o documento levaba tempo listo e rematado.
293 Concellos, todos os afectados por cambios no nome do municipio, parroquias ou lugares, foron informado antes de aprobar as mudanzas
Así, o Goberno galego procurou aplacar ou adiantarse a calquera crítica "informando a todos os concellos implicados e resolvendo calquera tipo de dúbida técnica", tal e como explicou a Praza.gal a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a principios de ano.
Mesmo técnicos da RAG reuníronse cos concellos que así o solicitaron para "resolver dúbidas e aclarar os motivos dos cambios", como ocorreu no caso da Caniza. Outras cuestións foron resoltas tamén a través de chamadas (non poucas) de responsables municipais atendidas por membros do Seminario de Onomástica da entidade.
Non foi unicamente así coa ducia de municipios nos que se viu afectado o seu nome, senón con todos aqueles nos que houbo mudanzas nas denominacións dalgunha das súas parroquias ou lugares. "Os cambios foron coñecidos con anterioridade á súa aprobación por todos os municipios", recoñece a Consellería, que lembra que a proposta de Nomenclátor aprobada pola Xunta é froito "dun intenso traballo de revisión e actualización".
En total, 293 Concellos afectados por algún cambio e cos que a Xunta se puxo en contacto para advertirlles destes cambios toponímicos e da posibilidade de presentar alegacións. Menos de dez acabaron presentándoas malia que non faltaron críticas, máis ou menos veladas, desde diferentes localidades, así como comentarios e artigos desde outros ámbitos mesmo mofándose do traballo do persoal técnico da RAG.
A Xunta, en defensa dos cambios, lembra que a proposta presentada "é un traballo técnico feito polo Seminario Onomástica da Real Academia Galega e baseado na etimoloxía, documentación histórica, tradición gráfica, uso oral e escrito da veciñanza e no respecto pola forma dialectal de cada territorio".
Menos de dez concellos presentaron alegacións aos cambios propostos. O Concello de Cangas foi un deles, solicitando que se mantivese 'Cangas do Morrazo' ou 'Cangas' só
Ademais dos doce concellos afectados polos cambios na súa denominación, outros 132 fórono por mudanzas nos nomes dalgunha das súas parroquias e un total de 276 polos que afectan a algúns dos seus lugares. Ademais, en 182 municipios incluíuse algún dos case 1.700 novos lugares que aparecen na nova versión do Nomenclátor, segundo datos da RAG.
Un total de 293 concellos nos que houbo algún cambio, polo que só vinte non se viron afectados por mudanza ningunha na súa toponimia: Beade, Caldas de Reis, Cenlle, Corcubión, Larouco, Melón, Noia, Paderne de Allariza, Petín, Piñor, Ribadavia, Salceda de Caselas, Sarreaus, Soutomaior, Triacastela, Verín, Vilanova de Arousa, Vilar de Santos, Vilasantar e Xunqueira de Espadanedo.
O Concello de Cangas —que pasa a ser de Morrazo en lugar de do Morrazo— amosou a súa desconformidade co cambio e foi un dos que presentou alegacións á mudanza a través do seu departamento de Normalización Lingüística, formulando dúas alternativas ao que agora será oficial, Cangas de Morrazo: deixar Cangas só, sen a referencia á comarca, ou manter Cangas do Morrazo, como até agora.
A RAG, que mantivo o cambio, explicou as razóns ao Concello, ademais de elaborar un completo informe (que é público) debullando as razóns da mudanza, ao igual que fixo no caso dos outros once municipios con nova denominación. Entre outras cousas, aclara que na documentación histórica Cangas "aparecía cun nome composto e tamén era usado con esta forma pola poboación da contorna" e que esta forma "é herdeira da denominación da antiga xurisdición á que pertencía o territorio, Terra de Morrazo, atestada en documentos da Idade Media sen artigo", ademais de en moitos posteriores.
Os cambios non gustan a todos. No Porto do Son —agora co artigo O tras o cambio— a mudanza non gustou ao seu alcalde, o popular Luís Oujo, que dixo preferir a forma anterior e que se queixou de ser consultado o Concello pero non poder participar no proceso que levou á modificación. Todo malia que a nova versión recibiu o visto e prace da Xunta do PP, que é quen acabou aprobando o novo Nomenclátor.
Alcaldes e concelleiros do PP critican cambios que foron aprobados pola Xunta ao dar visto e prace ao novo Nomenclátor, como no Porto do Son, A Caniza ou Pazos de Borbén
En Pazos de Borbén, a parroquia de Moscoso pasará a denominarse oficialmente Moscoxo. Veciñanza defende, como é habitual en todas as polémicas por mudanzas na toponimia, que "sempre" foi con s e non como define agora a RAG logo de anos de traballos e estudos por parte do seu persoal experto. A portavoz municipal do PP, Eloísa Nogueira, criticou que o Concello, tras ser informado pola Academia dos cambios, non amosase "ningunha oposición".
"Mesmo foi aplaudido polo alcalde Luciano Otero por cuestións vencelladas ao seu marcado nesgo ideolóxico, que deixa ben ás claras que está moi afastado do sentir maioritario da xente e que goberna de xeito sectario", dixo a concelleira, criticando o rexedor, de Alternativa Veciñal, e denunciando un cambio aprobado pola Xunta.
Na Cañiza —a partir de agora A Caniza— foi o ex-alcalde popular e actual concelleiro, Miguel Domínguez, quen criticou tamén o cambio da denominación da súa localidade. En Paderne, pola súa banda, o rexedor socialista Sergio Platas amosou o seu malestar polo cambio no nome da parroquia de San Pantaleón, que pasa a ser San Pantaión, e queixouse de que non fosen contestadas pola Secretaría Xeral de Lingua as alegacións presentadas polo Concello.
“Non podemos compartir parte das propostas de modificación de topónimos porque carecen de xustificación, xeran un profundo malestar e uns importantes inconvenientes nas notificación aos domicilios da veciñanza”, dixo o rexedor, que tampouco está a favor de que os lugares Porto de Abaixo e O Vintesete sexan agora O Porto e A Feira do Vintesete, tal e como ditaminou a RAG.
"Non é unha reforma arbitraria"
Ana Boullón, membro do Seminario de Onomástica e secretaria da Academia, lembra que as mudanzas propostas baséanse en "datos históricos, documentais e da lingua oral" e que "só despois dun estudo exhaustivo de cada forma" é cando se propón o cambio. "É dicir, non é unha reforma arbitraria, senón que está baseada nos
datos, e sempre nos criterios básicos da confección do nomenclátor, que é a forma galega e respectuosa coa forma local", explicou.
Pola súa banda, Antón Santamarina, coordinador do Seminario na RAG, advirte tamén que os cambios non son "ningún invento" da Comisión de Toponimia, senón "realidades".