A publicación do novo Nomenclátor de Galicia, logo de anos de traballo e revisión por parte da Real Academia Galega (RAG), deu lugar ao cambio de denominación en máis de 2.500 topónimos en Galicia, así como á aparición de novos lugares ou a eliminación doutros no país.
A "nova realidade urbana das vilas e cidades" provoca a desaparición de topónimos; zonas rurais son absorbidas pola expansión urbanística, que leva tamén por diante nomes de lugares
Nestas mudanzas, como explican desde a RAG, ten moito que ver a "nova realidade urbana das vilas e cidades galegas" froito das transformacións urbanísticas que acontecen sobre todo desde as últimas décadas do pasado século XX. Moitas zonas rurais van sendo absorbidas pola expansión urbanística que leva por diante antigas entidades de poboación ou lugares dos que, en moitos casos, non queda nin o seu nome.
Desaparecen casas, lugares, fontes ou accidentes xeográficos que explican un pasado, pero tamén as súas antigas denominacións, topónimos que debullan a historia, características esenciais de cada zona, importantes moitas veces para o presente e o futuro. En moitos casos, os novos proxectos urbanísticos esquecen as antigas denominacións para apostar por novos —e extravagantes nalgún caso— nomes.
O crecemento das urbes galegas e dos concellos limítrofes provocou cambios que tamén influíron na súa toponimia, en paralelo á transformación do territorio: naceron novas entidades de poboación e outras desapareceron.
O Nomenclátor inclúe 130 lugares novos nas cidades, onde desapareceron 30; A Coruña non existía como parroquia e os lugares de Lugo e Vigo non constaban nas parroquias homónimas
Pero a renovación do Nomenclátor implica tamén corrixir erros, esquecementos ou dúbidas, o que dá como resultado que a nova edición inclúa, nas sete cidades, case 130 lugares novos que antes non aparecían e a desaparición duns 30 que xa non existen como tal. Tamén hai cambios de denominación en once parroquias das sete urbes, así como en case 170 lugares, un cento deles só en Vigo.
A nova edición supón tamén, por exemplo, que no concello da Coruña se inclúa a parroquia administrativa da Coruña, que non constaba, ou que en Lugo e Vigo se engadan á listaxe de lugares, precisamente, os de Lugo e Vigo en cadansúas parroquias homónimas.
Na Coruña, a construción do novo polígono de Visma implica a desaparición de dúas entidades de poboación, O Barral e O Coidal, agora suprimidas do Nomenclátor
Con todo, os cambios máis relevantes teñen que ver coa transformación urbana de zonas antes rurais nas urbes. O exemplo é claro no concello da Coruña: desenvolvementos como o recente Polígono de Visma, aínda en construción, implicaron a desaparición de dúas entidades de poboación, O Barral e O Coidal, que foron suprimidas nesta nova edición do Nomenclátor, ao igual que se prescindiu das Bouzas, A Eira Vella ou O Camiño do Pinar, que xa esvaeceran antes na mesma parroquia.
Outras entidades tamén eliminadas son O Corgo, desaparecida ao construírse o actual Parque de Oza, ou Carracedo e As Cernadas, no agora barrio de Mato Grande.
Entidades de nova creación
No lado oposto figuran entidades de nova creación que se engadiron ao novo Nomenclátor, como O Monte Alfeirán ou O Monte de Mero, onde se prevé o desenvolvemento de novos espazos urbanos, pero que reciben a denominación "que xa recibían hai tempo as casas que había pola zona", como explica Iván Méndez, filólogo e técnico do Seminario de Onomástica da RAG. Algo que non ocorrera no principio co actual barrio de Xuxán, que recuperou a antiga denominación dun lugar que durante anos fora coñecido como Parque Ofimático, malia que xa non tiña traza de ser nin parque, nin conxunto de oficinas nin ter relación coa informática.
No caso da Coruña, a renovación do Nomenclátor supón tamén a incorporación a el de ducias de lugares que nunca se incluíran por pertenceren á parroquia de Oza, que se considerou urbana malia que sobrevivían (e sobreviven en moitos casos) numerosos lugares. Así, na nova edición incorpóranse A Canteira, Casabranca, Casanova de Eirís, O Castaño de Eirís, Curramontes, Eirís de Abaixo, Eirís de Arriba, A Leira do Campo, O Monte de Mero, Montes, O Montiño, Monserrat, A Pasaxe, Pedra Furada, As Xuvias. Tamén A Lama de Oza, chamado erroneamente desde hai anos Lamadosa.
En total, no caso da Coruña incorporáronse 43 lugares novos, como A Silva, A Gouxa, O Currelo, Xuxán ou Mesoiro, e modificáronse os nomes oficiais de sete máis, como o de Lonzas —deturpado durante décadas— que pasa a denominarse Louzás. Por incluír, A Coruña é unha das sete novas parroquias incluídas no Nomenclátor, que figuraban no Nomenclátor do INE pero non no de Galicia. E dentro dela, aparece tamén o lugar do Peruleiro, erroneamente situado en Visma anteriormente.
A maioría de barrios das cidades non aparecen no Nomenclátor ao non seren considerados "entidades de poboación no sentido estrito", pero a RAG fará unha "revisión exhaustiva" para incluílos
Ademais, a revisión da toponimia nunha cidade como a coruñesa permite tamén reparar en curiosidades, como o feito de que As Rañas e O Campanario, dous poboados xitanos, sen incorporen á toponimia oficial de Galicia. "Até agora sempre pasaban desapercibidos para os nomenclátores porque eran temporais, pero claro, estes dous están asentados", di Iván Méndez, que explica que "non teñen traza de desaparecer", polo que cre que os dous "deben ser dos primeiros poboados espontáneos que acaban saltando así ao nomenclátor". A Penamoa, que era outro, mantén o seu nome tamén porque "as casas que quedaron xa se chaman así", engade.
O caso das cidades, e máis na Coruña ao ir quedando sen apenas zonas rurais ante a expansión urbana en tan pouca extensión, é moi particular, como aclara Méndez. "O concepto de barrio, como tal, non aparece no Nomenclátor", explica, pero algúns dos seus nomes mantéñense ao facer referencia a antigas entidades de poboación, como no caso de Labañou ou San Roque de Fóra. Outros, con características semellantes, como Os Castros ou O Castrillón, non aínda.
"É un tema complexo porque os barrios non se consideran entidades de poboación en sentido estrito", explica Méndez sobre unha cuestión na que a RAG xa decidiu traballar proximamente. "En vindeiras edicións do nomenclátor está previsto facer unha revisión exhaustiva dos topónimos referidos aos barrios urbanos das cidades e vilas para valorar a súa inclusión neste documento oficial coa toponimia maior de Galicia", explica a propia Academia.
Vigo, parroquia de Vigo
Moitos deles atópanse en Vigo, a maior urbe do país, que afronta varios cambios no novo Nomenclátor. A publicación cambia a denominación da parroquia de Oia, que pasa a ser San Miguel de Oia. Ademais, incorpóranse catro lugares novos que formaban parte do Nomenclátor do INE pero non no de Galicia: O Forte e A Garita na parroquia de Alcabre; A Pescadeira en Sárdoma; e o propio Vigo na parroquia de Vigo. Tamén se eliminan dúas entidades de poboación por "non seren realmente singulares e diferenciadas", como Pedra Longa (Candeán) e Maruxento (Matamá), e outras dúas máis das que daba conta o INE: Radio Costera e Carretera Cortada.
Por outra banda, o novo Nomenclátor muda o nome oficial dun cento de lugares de diferentes parroquias de Vigo, a maioría deles ao incluírlle o artigo e outros por corrixir ou completar a denominación que aparecía na versión de 2003, como A Fonte das Grilas, en Alcabre; A Coutada, que substitúe As Coutadas en Beade; Erminde en lugar de Ermide en Candeán; ou Desteriz en lugar de Esteriz en Oia.
O novo Nomenclátor muda o nome oficial de cen lugares de Vigo, a maioría ao engadirlles artigo e outros para corrixir ou completar a antiga denominación
No caso de Ourense, non houbo ningún cambio nas parroquias pero si cinco lugares que modificaron a súa denominación oficial para quedar definitivamente como A Grela, As Barxelas, As Eiroás, Astrés, Ludeirós e A Granxa. Ademais, inclúense dous lugares novos que non aparecían na anterior versión: Ramirás (Arrabaldo) e Os Coiñás (Cudeiro).
Onde si hai cambios máis importantes é en Santiago, onde unha parroquia modifica a súa denominación: Verdía pasa a ser Berdía. Segundo a RAG, "as atestacións máis antigas na documentación histórica apuntan que o B é a grafía etimolóxica". "A tradición gráfica dos últimos séculos é con B. Etimoloxicamente non ten que ver con verde, senón que é moi probable que teña unha orixe prerromana", explican.
Tamén hai cambios en advocacións, polo que San Vicente de Marantes pasa a ser San Vicenzo, San Paio pasa a ser San Froitoso de Fóra e San Xoán de Vista Alegre, San Xoán de Fóra. Ademais, o Nomenclátor tamén modifica o nome oficial de 19 lugares, como Pardes, en Laraño, que agora é Paredes, ou As Pontes do Viso, na parroquia do Sar, que se denomina xa A Ponte do Viso, en singular.
'Verdía' pasa a ser Berdía en Santiago; e 'San Román' e 'Santa María de Alta' son agora San Romao e Santa María Alta en Lugo
O concello de Compostela engade, ademais, 20 lugares novos que non aparecían no Nomenclátor de 2003: A Lameira de Arriba (Marantes); O Casal de Arriba (O Castiñeiriño); Os Abetos, A Agra dos Campos e A Costa de Aríns (Aríns); A Lagoa (Bando); Albeanas (A Barciela); A Veiga (O Eixo); O Forte (A Enfesta); As Casas do Monte (Laraño); A Cañoteira de Marrozos e O Outeiro de Marrozos (Marrozos); O Monte da Vila e O Queiroal (A Peregrina); O Noval (Sabugueira); A Granxa de San Lázaro (San Lázaro).
Pola súa banda, en Lugo cambian o nome de dúas parroquias: San Román (Santa Cristina) será Santa Cristina de San Romao (Santa Cristina) e Santa María de Alta (Santa María) será Santa María Alta (Santa María). Tamén se modifica o nome de catro lugares (Xesús de Nazaré, As Abaelarias, San Romao e O Astariz) e inclúense ata 15 novos: O Pondelo na parroquia de Carballido; Bela Vista, O Camiño da Costa e O Fontao na parroquia de Esperante; Urbanización da Campiña en San Salvador de Muxa; O Tumbo na parroquia de Tirimol; Vilacendoi na parroquia de Bocamaos; O Fornelo, O Gorgoso e A Seara na parroquia de San Xoán do Alto; A Mera, O Mesón, O Regueiro e Os Roxás na parroquia do Veral.
Ademais, como no caso peculiar de Vigo, que engade o lugar á parroquia do mesmo nome na cidade, inclúese o lugar de Lugo na propia parroquia de Lugo
En Pontevedra, cambia a advocación de dúas parroquias: restitúese a advocación orixinal e histórica de Cerpozóns (San Vicente) para a Cerpozóns (San Vicenzo). Ademais, suprímense as advocacións que tiña Pontevedra (San Bartolomeu e Santa María) como no resto de freguesías pertencentes a núcleos urbanos.
O novo Nomenclátor aclara que en Pontevedra hai tres lugares compartidos entre dúas parroquias, as de Mourente e Marcón: O Albeiro, A Pedra do Lagarto e A Ría de Abaixo
Ademais, modifícase o nome oficial de 27 lugares, como Reariz, que pasa a ser Reiriz, Parda, que se converte en Parada de Abaixo; Liborei en lugar de Leborei ou A Laxe, que pasa a ser As Laxiñas. No caso da capital pontevedresa, hai dous lugares que cambian de parroquia (Monte Porreiro pasa da de Mourente á de Pontevedra e A Ponte do Couto da Virxe do Camiño á de Salcedo) e 41 lugares novos que inclúe o Nomenclátor renovado.
A nova edición tamén aclara que en Pontevedra hai tres lugares compartidos entre dúas parroquias, as de Mourente e Marcón: O Albeiro, A Pedra do Lagarto e A Ría de Abaixo. Ademais, foron eliminados 14 lugares que xa non son consideradas entidades de poboación singulares e diferenciadas: O Queimado (Cerponzóns); As Cernadas, A Laxiña e A Regueira (Lérez); e Pexegueiro (Lourizán), así como Médico Ballina, O Castañal, O Pazo, Campolongo, A Chamusca, Cobas (sic), As Estrigueiras, Mollavao e A Parda, que aparecían na base de datos do INE.
De 'Santa Cecilia' a Santa Icía
Por último, no concello de Ferrol cambia o nome e a advocación dunha parroquia: Santa Cecilia de Transancos (Santa Cecilia) pasa a ser Santa Icía de Trasancos (Santa Icía). Ademais, modifícase o nome oficial de cinco lugares que recuperar o artigo inicial: A Fonte da Tella (Covas); O Chá da Mariña (Esmelle); O Espiño e O Vinculero (Santa Icía de Trasancos); e O Bosque (Serantes).
No municipio ferrolán engádense dous lugares novos: un que non existía no Nomenclátor de 2003 pero si no Nomenclátor do INE, Rioxunto (Esmelle), e A Barca de Abaixo, na parroquia de Cabana.