A Cañiza xa é A Caniza: o novo Nomenclátor de Galicia ten doce concellos 'novos' e 43.000 topónimos

Algúns dos topónimos do novo Nomenclátor, canda unha imaxe do castelo do Castro de Caldelas CC-BY-SA Montaxe: Praza.gal | Foto: HombreDHojalata

Riós xa é O Riós, A Cañiza é A Caniza e Porto do Son pasa a ser O Porto do Son. O Consello da Xunta de Galicia aprobou este luns a proposta de revisión, corrección e actualización do Nomenclátor de Galicia (NG) presentado pola Comisión de Toponimia o pasado mes de xullo.

O novo Nomenclátor revisado e aprobado este luns contén case 43.000 topónimos: 313 concellos, 3.788 parroquias (unha menos que na anterior versión) e 38.808 lugares, uns 1.500 máis

A nova versión do Nomenclátor, ratificada hoxe por fin polo Goberno galego logo de ser anunciada en xullo de 2025 (hai oito meses), entrará en vigor axiña, así que se publique a través dun decreto no Diario Oficial de Galicia (DOG). Unha nova versión dos nomes das entidades de poboación en Galicia que substitúe a que leva vixente desde 2003 e que completa uns traballos que a Xunta encargou ao Seminario de Onomástica da Real Academia Galega (RAG) en 2012. 

A revisión, corrección e actualización levada a cabo polos especialistas en toponimia dá lugar a un novo Nomenclátor que inclúe 313 concellos (dous menos que no de 2003 tras a fusión de Cerdedo e Cotobade e mais os de Oza dos Ríos e Cesuras), 3.788 parroquias (unha menos que no anterior) e 38.808 lugares ou entidades de poboación, uns 1.500 máis que na anterior versión. Son, xa que logo, case 43.000 topónimos (42.909) os que compoñen esta nova listaxe. 

Malia que as mudanzas son numerosas, as máis salientables son as que levaron ao cambio de denominación dunha ducia de concellos do país: o municipio ourensán rexistrado como Riós pasa a se denominar O Riós, "en consonancia coas súas atestacións históricas e co uso que a poboación fai do artigo", tal e como explica a RAG;  o municipio coruñés Porto do Son incorpora o artigo e recoñécese como O Porto do Son, algo que tamén acontece con O Campo Lameiro, A Ribeira de Piquín e O Castro de Caldelas. No lado oposto, Pastoriza deixa atrás o artigo; Cangas engade o apelido Cangas de Morrazo; A Cañiza restitúe a forma tradicional "documentada desde antigo", A Caniza; e Alfoz recupera o seu nome histórico, Alfoz do Castrodouro. Por último, perden o guión Oza Cesuras, Cerdedo Cotobade e Mondariz Balneario para "adaptar as súas denominacións ás Normas ortográficas e morfolóxicas do idioma galego"

O traballo para a renovación do Nomenclátor foi inxente e realizouse sobre un total de 42.212 rexistros. Tal e como explican desde a Academia, o labor partiu da base de datos do anterior Nomenclátor oficial de 2003 e cruzouse coa base de datos toponímica do Instituto Nacional de Estatística (INE), engadindo os topónimos do INE de 2012 que non recollía o NG de 2003 para valorar a súa incorporación. 

Os dous tipos de revisións afrontados son as que teñen que ver con problemas de tipo lingüístico nos topónimos e as que presentaban incidencias de carácter xeográfico-administrativo. Para decidir se modificar ou manter a forma oficial, son catro os criterios xerais: malia que o primordial é a etimoloxía de cada unha das denominacións, "téñense en conta tamén as atestacións escritas na documentación histórica, especialmente cando a etimoloxía é escura"; tamén a tradición gráfica consolidada nos últimos dous séculos; e "por último e non menos importante, o uso oral e escrito que a veciñanza e as principais institucións fan do topónimo". 

Case o 60% dos 4.400 topónimos estudados por algún problema lingüístico foron modificados: 14 concellos, 182 parroquias e 2.335 lugares ou entidades de poboación

Ademais, o Seminario de Onomástica explica que se procurou "non realizar un novo ditame naqueles casos que presentaban dúbidas", ao entender que cada cambio "ten que estar suficientemente motivado, xustificado e documentado, xa que pode supor unha molestia para a cidadanía e as institucións". 

En total, estudáronse para a revisión case 4.400 topónimos (4.398) con algún problema de tipo lingüístico, dos que 2.531 foron obxecto dun novo ditame e modificados, case seis de cada dez (57,6%) dos topónimos sobre os que houbo reclamacións. 

Deses 2.531 novos ditames, 14 refírense a ese mesmo número de concellos que mudan no Nomenclátor (os doce que cambian de denominación mais os dous froitos de fusións e que tamén se modifican), 182 corresponden a nomes e/ou advocacións de parroquias, mentres que 2.335 a nomes de lugar ou entidades de poboación.

A maioría das mudanzas nos topónimos (máis de 1.500) teñen que ver coa inclusión do artigo na denominación oficial

Foron case 5.000 as incidencias revisadas en total (4.951, nalgúns casos topónimos revisados por máis dun motivo) e clasificadas en seis grupos xerais: morfosintácticas, léxicas, gráficas, fonéticas, compostas e advocacións de parroquias. 

A maioría destas revisións referíanse á ausencia ou presenza de artigo no nome que figuraba oficializado. Así, realizáronse 1.519 informes que respondían á necesidade de incluír o artigo na denominación oficial. Como exemplo, podemos citar os lugares do Barral, O Couto, O Curriño, O Torreiro, O Fixoi, O Ceán e As Pociñas do concello coruñés de Abegondo. No lado oposto, realizáronse 427 investigacións que ditaminaron eliminar o artigo no NG, como o lugar de Vilar no mesmo concello. 

Os problemas léxicos tamén foron motivo dun gran número de revisións, 927. Especialmente importantes, di a RAG, foron as investigacións que se levaron a cabo naqueles topónimos en que se detectou un nome total ou parcialmente distinto, 765; ou aquelas en que se restituíu a forma patrimonial galega de topónimos que figuraban castelanizados no NG 2003, como os varios A Rectoral que pasan a ser A Reitoral (Cabana de Bergantiños, Santiso, Xermade, Monforte de Lemos, Taboadela, Vilagarcía de Arousa, Ortigueira e Crecente).

Detectáronse tamén 128 problemas coa advocación da parroquia, 80 deles por teren a advocación errada, 45 castelanizada e tres por careceren de advocación no anterior Nomenclátor.

Por outra banda, a revisión do Nomenclátor atopou 13.788 topónimos con algún problema xeográfico- administrativo, que sumaban 16.752 incidencias. Malia que a cifra semella realmente alta, cómpre ter en conta que o 64 % das incidencias corresponde a discordancias co Nomenclátor do INE 2012. Por exemplo, existen 8.817 topónimos que non figuran neste Nomenclátor pero que si estaban no NG 2003. Neste caso, só se deixa constancia desta circunstancia, sen que sexa preciso o estudo e ditame do Seminario de Onomástica da RAG.

Novas parroquias e lugares

Pero este fondo traballo de revisión dá lugar tamén á aparición de novas parroquias e lugares. Así, incorporáronse sete parroquias novas que procedían do Nomenclátor do INE e que non formaban parte do NG 2003, como A Coruña; Xuvia (Santa Icía) e Xuvia (San Martiño), estas dúas no concello de Narón; Os Tilos (Teo); Santo Estevo e Teixeira (Baralla); e Sevane (Navia de Suarna). 

Pero é que, tal e como destaca a Academia, todo o labor realizado deu lugar a que se desen de alta 1.665 lugares novos. O concello que máis topónimos engade no nomenclátor é Foz, con 175, seguido de Lourenzá (56), Narón (53), Ourol (49) e Pontevedra (47).

Gran parte destas novas modificacións, unhas 1.123, non figuraban nin no Nomenclátor do INE nin no Nomenclátor de Galicia. Como exemplo, no concello de Foz incluíronse 168 entidades de poboación, 55 en Lourenzá, 38 en Cospeito e outras tantas en Amoeiro, e 36 no Porto do Son

O labor de revisión supuxo a inclusión de sete novas parroquias e de 1.665 lugares, pero tamén a desaparición de 155 entidades de poboación

Outro grupo importante, 382, eran lugares que estaban incluídos do Nomenclátor do INE pero non figuraban no NG 2003. Neste grupo salienta o caso do concello de Narón, xa que se engadiron 48 entidades de poboación.

Outros novos lugares foron engadidos por diversa casuística: 111 debido á existencia de núcleos de casas co mesmo nome pero diferenciados por adxectivos ou locucións adverbiais (de Arriba, de Abaixo...); 33 por cambiaren de parroquia ou de concello ao que estaban asignados; e por último, nove lugares compartidos entre dúas parroquias, cando no NG 2003 só figuraban incluídos nunha delas.

Como explica a RAG, o Nomenclátor tamén "tenta responder á nova realidade urbana das vilas e cidades galegas a respecto das transformacións que están a acontecer nelas desde as últimas décadas do século XX". O crecemento das urbes galegas e dos concellos limítrofes provocou cambios que tamén influíron na súa toponimia, en paralelo á transformación do territorio: naceron novas entidades de poboación e outras desapareceron. 

A RAG advirte que o Nomenclátor é "un traballo aberto e inacabado" e que hai un bo número de lugares que aínda non figuran

Un exemplo desta transformación é o concello da Coruña: desenvolvementos urbanos como o recente Polígono de Visma implicaron a desaparición de dúas entidades de poboación, O Barral e O Coidal, que foron suprimidas do Nomenclátor. Outras entidades tamén eliminadas son O Corgo, desaparecida ao construírse o actual Parque de Oza, ou Carracedo e As Cernadas, en Mato Grande. No lado oposto figuran entidades de poboación de nova creación que se engadiron ao novo Nomenclátor, como O Monte Alfeirán ou O Monte de Mero, onde se prevé o desenvolvemento de novos espazos urbanos. 

"Traballo aberto e inacabado"

Con todo, e tal e como advirte a RAG, a revisión do Nomenclátor de Galicia é "un traballo aberto, inacabado, pois tense constancia dun bo número de lugares das provincias de Ourense e Pontevedra que aínda non figuran no Nomenclátor e están pendentes de estudo". Ademais, destaca que as máis de 4.000 persoas colaboradoras do proxecto Galicia Nomeada "achegan decote novas incidencias sobre os topónimos oficiais ou informan da existencia de lugares non rexistrados na listaxe oficial". Hai casos de municipios onde son escasos os lugares rexistrados oficialmente cando son moitos máis os existentes. 

O Seminario de Onomástica da RAG asegura que o seu obxectivo agora é "ofrecer cada ano, ou cada dous anos, unha nova versión do Nomenclátor de Galicia máis completa, corrixida e actualizada". "A versión que agora se aproba está un paso máis preto da edición definitiva desta complexa e laboriosa obra", rematan. 

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.