A administración provincial non só esixía amosar a documentación para certificar a identidade senón que tamén gardaba copia dela, prohibido pola normativa, e tras corrixir o procedemento libra dunha multa de ata 20 millóns de euros
A Axencia Española de Protección de Datos (AEPD) vén de declarar o incumprimento da normativa por parte da Deputación de Pontevedra por escanear e gardar copia da documentación de identidade das persoas que lle formulaban alegacións ou recursos. A administración provincial non se limitaba a pedir a exhibición da documentación para que o seu funcionariado confirmase a identidade da persoa que acudía ao seu rexistro senón que esixía tamén escanear esa documentación persoal ou entregar unha fotocopia da mesma. Un incumprimento da normativa que pode ser sancionado con multa de ata 20 millóns de euros e que a Deputación xa vén de corrixir.
A infracción foi detectada por Protección de Datos tras a denuncia dun cidadán que en xullo de 2024 acudiu ás oficinas da Deputación de Pontevedra para presentar un escrito de alegacións ante unha multa tributaria. Durante a investigación a propia Deputación admitiu que "pediron ao reclamante que aportase unha copia do seu DNI, fotocopiada ou escaneada" para rexistrar a reclamación. Porén, Protección de Datos considera que "existe unha medida menos gravosa para cumprir co propósito de identificación das persoas interesadas como é a dilixencia do funcionario da oficina". Isto é, que o funcionariado comprobe como está habilitado a correspondencia de identidade entre a persoa e a documentación que esgrime, sen gardar copia dela.
A Deputación xa mudou os seus procedementos e agora limítase a unha "comprobación visual do DNI" por parte do funcionariado
Ao abrirse a investigación a Deputación, ademais de recoñecer os feitos, procedeu a mudar os seus procedementos para "garantir a identificación sen conservar documentos". Así, desde finais do pasado ano "implantouse un sistema que permite a comprobación visual do DNI, a validación na aplicación e o rexistro da confirmación" de xeito que agora "se optimiza o tempo de atención e se cumpre co principio de minimización de datos".
Protección de Datos considera que coa súa actuación a Deputación "infrinxiu o disposto" no regulamento de protección de datos, pero ten en conta que a entidade incumpridora é unha administración e que xa corrixiu o seu procedemento e limítase a deixar constancia da infracción. Se fose unha empresa a multa por unha infracción similar podería chegar os 20 millóns de euros ou o 4% do volume de negocio anual.