Protección de Datos sanciona a Consellería do Mar por revelar a mariscadores multados información protexida doutros infractores

A ex-conselleira do Mar Rosa Quintana nunha visita a Cabo de Cruz, onde ocorreron os feitos agora sancionados por Protección de Datos CC-BY-SA Xunta de Galicia

A Xunta atribúe a "un lamentable erro humano no momento de fotocopiar os documentos" o feito de que se incluísen datos doutras persoas sancionadas nos envíos postais a cando menos dous dos multados

A Axencia Española de Protección de Datos (AEPD) vén de facer pública unha sanción á Consellería do Mar por revelar datos protexidos de mariscadores sancionados a outras persoas tamén multadas polos mesmos feitos. A propia consellería atribúe a "un lamentable erro humano no momento de fotocopiar os documentos" o feito de que se incluísen datos doutros infractores nos envíos postais a cando menos dous dos multados. 

Protección de Datos constata o incumprimento da Consellería do Mar pero deixa a sanción nun apercibimento logo de que o Goberno galego amosase a súa disposición a mellorar os seus procedementos internos. A Xunta vén sendo sancionada ou apercibida por feitos similares nos últimos anos en diversos departamentos.

Mariscadoras a pé en Cabo de Cruz (Boiro) © Asociación de Mulleres do Mar de Arousa

Segundo o expediente agora feito público por Protección de Datos, a Consellería do Mar incumpriu as súas obrigas na materia ao comunicar diversas sancións a mariscadores da Confraría de Cabo de Cruz, en Boiro. O expediente constata que cando menos dous dos 18 mariscadores multados recibiron xunto coas súas propias notificacións información persoal protexida doutros compañeiros.

Nun dos casos un afectado recibiu unha listaxe dos nomes e apelidos dos outros 17 mariscadores multados e o seu correspondente número de acta de infracción. Noutro caso outro mariscador mesmo recibiu unha copia da primeira páxina da acta de denuncia correspondente a outro compañeiro "na que se inclúen os datos identificativos do interesado e da embarcación".

A Consellería do Mar tamén admite "algún erro" ao "'ensobrar' a documentación" que levou a incluír un listado de actas de infracción que era de uso interno

Aberto o expediente, Protección de Datos pediu explicacións á Consellería do Mar e a resposta desta foi atribuír o sucedido a "un lamentable erro humano no momento de fotocopiar os documentos que debían acompañarse ás notificacións do acordo de inicio dos diferentes procedementos sancionadores", de xeito que na parte de atrás da notificación a un dos afectados foi fotocopiada a primeira páxina da acta doutro. A Xunta tamén admite que ao "ensobrar a documentación" volveu haber "algún erro que deu lugar a que dito envío se incluíse, nun caso, un listado de actas, que en realidade se trata de parte dun Oficio remitido por Gardapescas á Xefatura Territorial da Coruña da propia Consellería e que non debera incluírse na documentación remitida".

Expediente sancionador contra a Consellería do Mar da Axencia Española de Protección de Datos (AEPD) CC-BY-SA Praza Pública

Ante estes feitos a Consellería do Mar asegurou a Protección de Datos que decidiu "dirixirse a todas as unidades desta consellería, involucradas ou non nos feitos obxecto da reclamación, a fin de reiterar expresamente" cuestións como "a obriga de revisar previamente calquera documentación que se prevea remitir por correo postal ou entregar persoalmente aos afectados" ou extremar o coidado en materia de protección de datos.

En xeral, a Xunta comunicou a Protección de Datos que tanto a Consellería do Mar como ela en xeral están "plenamente concienciadas coa necesidade de respectar o dereito fundamental á protección de datos e son conscientes da especial sensibilidade dos datos persoais tratados por parte dalgúns dos seus servizos, e en especial, os relacionados cos colectivos máis vulnerables".

Estas explicacións da Xunta levaron a Protección de Datos a deixar a sanción nun apercibimento. Porén, non é a primeira vez que a Xunta incumpre coas súas obrigas de protección de datos, mesmo dos "colectivos máis vulnerables", como ela mesma di. En 2016 a Consellería de Política Social revelou abertos en internet os nomes de menores de idade aos que paga tratamentos médicos, cuestión da que foi alertada por Praza.gal, que só publicou a información cando a Xunta rectificou o seu incumprimento.

Un curso de protección de datos celebrado en setembro na Escola Galega de Administración Pública CC-BY-SA Xunta de Galicia

A Xunta di que reiterou ao seu persoal a obriga de cumprir a lei e asegura estar "plenamente concienciada coa necesidade de respectar o dereito fundamental á protección de datos" malia que nos últimos anos incumpriuno en diversas ocasións

Dous anos máis tarde era a Consellería de Educación a que publicaba datos persoais de alumnado menor de idade no exterior dunha escola, un caso que chegou a ser condenado pola Audiencia Nacional, que ratificou unha sanción previa de Protección de Datos.

Outros dous anos máis tarde foi a Consellería de Economía quen revelou a unha empresa eólica datos persoais dun xornalista de Praza.gal que formulara unha petición de transparencia á propia Xunta. Un caso no que o Goberno galego evitou ser sancionado por Protección de Datos ao asegurarlle que non volvería cometer a mesma infracción. O mesmo que agora lle di a Consellería do Mar.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.