Noutra lección de real politik, o Partido Popular fixo pasar por embaixo do radar mediático e social a futura Lei de Comunicación Audiovisual publicando o anteproxecto no mes de xullo cun período de alegacións que remataba en pleno agosto.
Para alén do modus operandi, é certo que a alta velocidade á que viaxa este sector, dacabalo da dixitalización, a plataformización e a innovación tecnolóxica, así coma os cambios nas normativas europea e estatal facían necesario un retoque. Por outra banda, non é ningún segredo o clima de conflitividade laboral e de acusacións de manipulación e politización. Máis de cinco anos de mobilizacións e denuncias nos xulgados das e dos traballadores, incomodan en San Caetano. Aliás, as audiencias están en derrubo e, din os números, que os menores de 60 vemos menos a galega que ao cometa Halley. Cómpre aclarar, nun medio público hai medicións que deberían ser máis importantes que as audiencias, por exemplo a calidade e cumprimento do servizo público e a transparencia. Pero iso é outro tema.
Con todas estas premisas a reforma da lei, que xunto coa Paz Andrade debía ser a máis incumprida deste país, era necesaria.
A mala nova é que, como era de agardar, non soluciona ningunha das moitas frontes abertas: a irrelevancia e a desconexión social, a programación sen calidade, o servizo público deficiente e insuficiente; a manipulación e politización; a incompetencia da directiva; o curtopracismo, o escaso nivel de moitos colaboradores, a ausencia de control real; a visión e os valores obsoletos; a incapacidade de xerar valor engadido, a ineficacia como motor do audiovisual galego; as estruturas anticuadas, a ausencia de visión e plan de futuro, a pouca ou nula transparencia, etc.
Queda aberta a porta a unha externalización total dos servizos informativos (como xa sucede coa maioría de programas) e, en consecuencia, á privatización: quer nun sistema de concesión única, quer cun modelo de troceamento por áreas
En resumo, non vai deixar de ser só a gran ferramenta de propaganda que é.
A nova lei vén con sorpresas: levanta a obrigatoriedade do galego como lingua, pon a cero o contador de anos de exercicio para as persoas integrantes do Consello de Administración (existía un tope de dez anos); borra o Estatuto Profesional e o Consello de Informativos previstos na lei de 2011 (nunca foron creados) e dinamita a obriga do consenso parlamentario na escolla do Director Xeral, que poderá ser elixido con maioría simple (só cos votos do PP). E, finalmente, introduce a creación dun Consello Asesor de Participación Social e Profesional con 15 membros. Este último truco é moi bo, introducir órganos de control sen poder de control real e, polo que poida pasar, coas maiorías ben atadas. A mesma xogada que co Consello de Administración.
Axiña saíron, loxicamente, a oposición, a Mesa do Audiovisual, o Colexio Profesional de Xornalistas (CPXG) e outras institucións e axentes sociais a anunciar o rexeitamento. Houbo unha rara unanimidade no sector e só se botou en falta algunha institución importante que, evidentemente, non morde a man que lle dá de comer.
O hilarante rolling gag deste asunto foi escoitar dicir que o PP busca "facerse co control absoluto”. Polo que se ve, aínda non o tiñan.
Non obstante, dúas cousas pasaron desapercibidas deste novo marco legal: o texto restrinxe a misión de servizo público ao “televisivo lineal” e introduce a posibilidade de “ser de acceso condicionado aqueles servizos excluídos do ámbito do servizo público”. Por tanto, o que non é “televisivo lineal” pode ser de acceso condicionado, é dicir, pagando. Nese suposto estaría, hipoteticamente, a plataforma A Galega.
Pero, o máis importante e chamativo é a desaparición total neste anteproxecto do apartado 5 do artigo 5 da anterior lei: “A realización e a edición dos servizos informativos non poden ser cedidas a terceiros”. Esa é a condición que impide a privatización total da canle. Por tanto, queda aberta a porta a unha externalización total dos servizos informativos (como xa sucede coa maioría de programas) e, en consecuencia, á privatización: quer nun sistema de concesión única, quer cun modelo de troceamento por áreas.
Na traxicomedia que é a política galega na cuestión audiovisual, a traxedia vén de onde vén e a comedia pona a oposición –con moitos espaventos e pouca efectividade, na comisión de control–. Instalados no conformismo dos marcos do posíbel que impón o PP, incapaces de presentar unha análise seria e contundente, un plan de acción e transformación e unha fronte unida seguen encallados nunha idea do audiovisual case fraguista. Non hai ideas para a reforma real e total dos medios públicos, para alén do evidente de acabar coa manipulación. A súa idea, demasiado xornalista-centrista da televisión, remata no eido do informativo namentres Sánchez Izquierdo tourea a porta gayola.
O hilarante rolling gag deste asunto foi escoitar dicir que o PP busca "facerse co control absoluto”. Polo que se ve, aínda non o tiñan.