1.- Antecedentes
Este artigo é o cuarto e último da serie de artigos publicados en Praza.gal sobre o acordo da última asemblea de Modepén sobre as pensión públicas (i). Nos anteriores falei sobre como consideramos diferente a xustificación das pensión contributivas e a das pensións non contributivas, e como esta análise nos leva apoiar á Renda Básica Universal, Incondicional, Individual e Suficiente (RBUI). (ii)
Un apoio a RBUI que está en consonancia cos principios defendidos por aqueles que, desde posicións de esquerda, defendemos a Renda Básica. Como é sabido, a organización que no Estado Español defende esta postura é a Rede Renda Básica (en adiante RRB), á que pertenzo e na que, obviamente e sobre a base dun amplo acordo sobre o que importa, existen as normais diferencias nalgúns puntos concretos.
Unha destas diferencias está precisamente na consideración das pensións contributivas e polo tanto tamén no seu tratamento nas propostas de financiamento (anoto que tamén do desemprego, o que, non vou analizar neste escrito).
2.- Situando o debate
Para situar o debate referireime en concreto ao libro publicado en setembro de 2023 por Jordi Arcaróns, Julen Bollain, Daniel Raventós e Lluis Torrens (claramente persoas referentes na RRB) “En defensa de la Renta Básica”(iii). Antes de nada quero manifestar aos autores o meu agradecemento por este traballo e tamén polos seus traballos previos, en conxunto e/ou individualmente, de divulgación e defensa da Renda Básica.
Malia un acordo no fundamental da súa análise, discordo claramente cando os autores inclúen as pensións (e as prestacións de desemprego) contributivas dentro dun “caixón desastre” que chaman “Prestacións Públicas Monetarias”, xunto ás prestacións condicionadas como o IMV ou as Pensións Non Contributivas que, como teño manifestado nos textos mencionados (1 e 2) eu considero que derivan de lexitimacións diferentes (as contributivas dun dereito laboral e as non contributivas do dereito humano a unha vida material digna). Tampouco se trata dunha cantidade menor, xa que supón, segundo os propios autores, ao redor do 80% do total desas “Prestacións”.
Á raíz desa consideración defenden que non se lles sume a Renda Básica do mesmo xeito que non se lle suma ás prestacións condicionadas. Indicar que neste libro non se trata de “estudios de viabilidade”, como en textos anteriores, senón como “propostas de financiamento”, unha diferencia a ter en conta.
Coido que se ben parece un debate meramente teórico e colateral, sen embargo afecta ao cerne das reivindicacións do Movemento Pensionista (en adiante MP), pois é doado de entender que, na práctica, funcionaría como un aliciente para a privatización das pensións na liña, por exemplo do “modelo holandés”, ao que precisamente xa se teñen referido en termos eloxiosos tres destes autores no libro“Renta básica incondicional. Una propuesta de financiación racional y justa”, nas súas páxinas 85, 86 e 87 que reproduzo en (iv) (perdón polos sub-raiados, que son meus). Un libro que debemos pór en contexto xa que foi editado no ano 2017 e o MP na súa formulación actual, se considera que naceu “oficialmente” con posterioridade, no 2018, a raíz da famosa carta de Fátima Báñez co seu 0,25%.
Recoñezo que o texto paréceme algo confuso, pero é claro cando menciona como modelo de “país máis avanzado” o chamado “sistema holandés”, que é precisamente o que se quere impoñer pola Comisión Europea como modelo de privatización das pensións, e que coincide no fundamental co de outros países e co aprobado definitivamente neste reino de España na “Reforma Escrivá” (sobre a que recomendo esta análise do compañeiro de Modepén Xabier Pérez Davila (v)) No texto descríbese este modelo holandés dun xeito que creo confuso e breve. Está máis claro nesta páxina do BBVA (vi), especialistas, pola conta que lles ten, no sistema de pensións desde a perspectiva, evidentemente, dos que esperan obter grandes beneficios a costa da súa privatización. O BBVA, por certo, e permítaseme a ironía, non lle chama ao sistema holandés “un dos sistemas máis avanzados”, senón directamente “o mellor sistema do mundo”.
Os propios autores din no texto do 2023 citado que sería posíbel o financiamento dunha RBUI excluíndo do aforro ás prestacións contributivas (pensións e desemprego). Polo tanto entendo que o debate se debería centrar en se este apartado da proposta de financiamento (o aforro da RB nas prestacións contributivas) é, desde a perspectiva da RRB, mellor ou peor en relación aos nosos fins.
Para responder a esta cuestión analizarei tres puntos: Primeiro, En que consiste a loita do MP. Segundo ter en conta a onde nos leva, en política económica, o aforro ou non da RBUI nas pensións contributivas. E terceiro, ter en conta a modificación adoptada no congreso de BIEN no ano 2016 en Seul (ratificado pola RRB en Barcelona no 2017) “... Opoñémonos á substitución de servizos sociais ou dereitos, se devandita substitución empeora a situación da xente relativamente desfavorecida, vulnerábel ou de menor renda”.
3.- En que consiste a loita do Movemento Pensionista (MP)
Na miña opinión e en último término a razón de ser do MP é a loita contra a privatización das pensións. Unha loita que ten evidentes e non casuais similitudes cos demais intentos de privatizacións, sexan na sanidade, na educación, etc. No caso das pensións estamos a falar do sistema público de reparto, máis igualitario na súa filosofía e na súa práctica que a alternativa que nos queren impoñer, os sistemas privados de capitalización (que, á parte de contribuír á financiarización da economía, cobraríase teoricamente segundo o que achegues... salvo, claro está, que o mercado diga -e adoita facelo- outra cousa). Vexamos brevemente, como digo, as similitudes coas outras privatizacións:
a) Depreciación do público: Exemplos no noso caso: aumento da idade da xubilación, crecemento das pensións por baixo do IPC, menor cobertura da pensión respecto ao último salario, etc.
b) Relato sobre a imposibilidade do público: Exemplos no noso caso: polo cambio demográfico, menores ingresos polo aumento do paro e da precariedade, existencia dun inaceptábel déficit da Caixa da seguridade social -que sabemos que non é certo á vista da débeda histórica do Estado coa Caixa da SS, pero que se mantén como mantra oficial ao non facerse a obrigatoria auditoría da SS, o que permite os “informes” (o relato) alarmados e alarmistas dos coñecidos “expertos” do BBVA dos que falaba.
c) E a institucionalización legal dos instrumentos de privatización, no noso caso potenciando desde a Comisión Europea o sistema das “tres patas”, o xa mencionado sistema holandés, é dicir: I) Unha pensión pública, contributiva ou non, a depreciar progresivamente. A súa substitución por unha Renda Básica meramente suficiente cumpriría este papel (e certamente sería mellor que unha pensión mínima ou unha non contributiva actual), II) unhas prestacións cubertas polos beneficios dun fondo de pensións colectivo privado (ou, cando menos, de xestión privada, que, na práctica, vén ser o mesmo) e III) unhas prestacións cubertas polos beneficios de fondos privados individuais de pensións (aquelas escasas persoas que teñan capacidade para investir neles e prefiran esta opción de investimento a outro calquera).
Uns instrumentos de privatización que, evidentemente e como tamén sucede coa sanidade e a educación, van recibir apoios económicos do Estado, no noso caso vía desgravacións fiscais, ou desgravacións nas cotizacións á Caixa da seguridade social (depreciando de paso o sistema público de reparto).
Estes tres eixos de actuación do poder con vistas á privatización das pensións definen realmente, na miña opinión, a actual loita do MP. Unha loita na que, pese a vitorias parciais significativas como a revalorización das pensión co IPC ou o compromiso legal de realizar a Auditoría (compromiso xa incumprido nos prazos marcados pola lei), estamos nunha situación de “derrota estratéxica” pola aprobación dos Plans de Pensións de Empresa, a segunda pata (os fondos privados colectivos) que faltaba no Estado Español para dotarnos do noso propio “sistema holandés”. O pistoletazo de saída da privatización e capitalización das pensións está dado. O MP ímonos opoñer, evidentemente.
4.- Consecuencias esperábeis do aforro ou non da RBUI nas pensións públicas
Creo que é evidente como actuaría neste esquema unha Renda Básica financiada en parte cos aforros definidos como se fai no texto do que estamos a falar: A Renda Básica non se sumaría á pensión pública de reparto que sobrepase á contía desta, mais si o faría coas pensións derivadas dos fondos privados colectivos (de empresa) e individuais. Estariamos apoiando os instrumentos de capitalización e privatización das pensións.
Un apoio ao “mellor sistema de pensións do mundo” que seguramente os expertos do BBVA non esperaban.
5.- En relación á definición de Renda Básica
Como xa adiantei, no congreso de Seul de 2016 adoptouse o seguinte engadido á definición de Renda Básica: “Opoñémonos á substitución de servizos sociais ou dereitos, se devandita substitución empeora a situación da xente relativamente desfavorecida, vulnerábel ou de menor renda”.
Á vista do texto entendo que os partidarios da RBUI non podemos apoiar políticas que favorezan a substitución do dereito a unha pensión pública para favorecer a súa privatización e a financiarización da economía, situación que empeoraría a situación dos pensionistas (xente que encaixamos como colectivo como “relativamente desfavorecida, vulnerábel ou de menor renda”).
Creo, realmente, que tal e como está a proposta de financiamento definida no libro“En defensa de la Renta Básica”, imos cara a un choque de trens: Os partidarios da Renda Básica contra o Movemento Pensionista. Estamos a tempo de cambiar o rumbo.
NOTAS
i- Ver na web oficial de Modepén, https://www.modepen.org/wp-content/uploads/2025/07/AS-IDEAS-QUE-NOS-UNEN-2024-02.pdf (Páxina 8): TÁBOA REIVINDICATIVA. Bloque Legal 1., 2 e 3
ii- A defensa das pensións públicas como un dereito adquirido de carácter salarial (https://praza.gal/opinion/a-defensa-das-pensions-publicas-como-un-dereito-adquirido-de-caracter-salarial)
- A defensa das pensións non contributivas como derivadas do dereito humano a unha vida material digna (https://praza.gal/opinion/a-defensa-das-pensions-non-contributivas-como-derivadas-do-dereito-humano-a-unha-vida-material-digna)
- Por que Modepén defende a Renda Básica Universal? (https://praza.gal/opinion/por-que-modepen-defende-a-renda-basica-universal)
iii- https://www.redrentabasica.org/rb/libro_en_defensa_de_la_renta_basica/
iv- https://afonsobieito.fala.gal/libro-renta-basica-incondicional-portada-e-paxinas-85-86-e-87/
vi- https://www.bbvamijubilacion.es/blog/el-sistema-de-pensiones-de-holanda-el-mejor-sistema-del-mundo/