O Parlamento galego padece a versión metafórica do coñecido principio de Arquímedes: "todo Parlamento somerxido nunha maioría absoluta recibe un impulso cara a irrelevancia mediática proporcional á duración temporal da mesma"
O Parlamento galego padece o que poderiamos denominar "síndrome da maioría absoluta cronificada". Ou tamén cabería afirmar que estamos ante o exemplo práctico dunha versión metafórica do coñecido principio de Arquímedes: "todo Parlamento somerxido nunha maioría absoluta recibe un impulso cara a irrelevancia mediática proporcional á duración temporal da mesma".
O recente debate sobre política xeral é a última demostración da vixencia dese singular "principio". Non hai datos precisos que permitan medir a correspondencia entre a importancia outorgada a este acto parlamentario anual e o seguimento efectivo por parte da cidadanía. A retransmisión directa realizada polos medios públicos audiovisuais galegos non aporta un coñecemento concreto sobre aspectos que resultarían pertinentes para delimitar a transcendencia pública do desenvolvido na Cámara do Hórreo: volume da audiencia rexistrada e características da mesma (por idades, por xénero, por ubicación xeográfica...). Fora das canles públicas, a cobertura non foi mais alá dos reducidos niveis habituais, sobre todo nun contexto informativo condicionado pola grave conxuntura asociada á intervención militar de Trump e de Netanyahu no Oriente Medio.
Semella que o actual presidente da Xunta xa ten establecida a folla de ruta ate o remate da lexislatura. O fío condutor da mesma consistiría en actuar como oposición activa ao goberno central, confiando nun resultado electoral que permita a chegada de Feijoo á Moncloa no verán de 2027, aproveitando esa resaca triunfal para adiantar uns meses os comicios galegos
A liña prioritaria seguida por Alfonso Rueda no debate resultou previsíbel, no contexto da estratexia que ven practicando dende a súa investidura no ano 2024. Tratase de concentrar as mensaxes no goberno de Pedro Sánchez: enumerar carencias da Administración central, formular demandas de novas actuacións ministeriais, sinalar hipotéticos agravios comparativos... Esta táctica ten dúas vantaxes indiscutíbeis: cohesiona ao electorado do PPdG detrás da pancarta do "antisanchismo" xenerosamente alimentado dende a dereita mediática (sobre todo a editada en Madrid) e coloca nun segundo plano os fracasos ou as eivas mais notorias da acción do goberno da Xunta. Os asuntos incómodos (a situación da sanidade pública, os déficits na atención á dependencia, as ridículas cifras de vivendas protexidas promovidas nos últimos anos, a impotencia negociadora en materia de financiamento público, a parálise na política lingüística, o control obsceno da CSAG...) foron colocados deliberadamente nun segundo plano mentres o foco discursivo do presidente proxectabase sobre o número de baixas laborais que se rexistra no País. Curiosamente, Rueda escolleu un tema sobre o que non existe consenso entre patronal e sindicatos: precisamente o contrario do que se invoca habitualmente na retórica do partido gobernante cando se alude á preocupación polos problemas que abranguen á grande maioría da sociedade e que suscitan amplas opinións compartidas.
A obsesión por controlar todas as instancias do poder político é, sen dúbida, un dos sinais identitarios do PPdG. Desprezar absolutamente os criterios éticos para acadar unha alcaldía cuxa vixencia caduca, legalmente, en 12 meses revela a dimensión da perigosa patoloxía que padecen os dirixentes deste partido político
Semella que o actual presidente da Xunta xa ten establecida a folla de ruta ate o remate da lexislatura. O fío condutor da mesma consistiría en actuar como oposición activa ao goberno central, confiando nun resultado electoral que permita a chegada de Feijoo á Moncloa no verán de 2027, aproveitando esa resaca triunfal para adiantar uns meses os comicios galegos, antes de que se comproben os primeiros efectos das novas políticas emanadas dende o goberno do Estado.
Poucos días despois do debate parlamentario transcendeu a nova da formalización dunha moción de censura no concello de Lugo promovida polo PP co apoio dunha concelleira tránsfuga do Partido Socialista. O resultado desta operación colocará na alcaldía a Elena Candia, actual vicepresidenta primeira da Cámara lexislativa galega. Aplicando a lóxica descarnada de que o "o fin xustifica os medios", o partido de Rueda contamina a todas as institucións nas que aplica esas singulares "regras do xogo democrático" ás que apelaba eufemisticamente o propio presidente no pazo do Hórreo.
A obsesión por controlar todas as instancias do poder político é, sen dúbida, un dos sinais identitarios do PPdG. Desprezar absolutamente os criterios éticos para acadar unha alcaldía cuxa vixencia caduca, legalmente, en 12 meses revela a dimensión da perigosa patoloxía que padecen os dirixentes deste partido político.