Se nos achegamos a Betanzos é recomendable deterse na aldea das Angustias. Alí, na parte alta que domina a vista dos meandros que conectan a cidade co mar, erguese o Pazo de Illobre, magnífico edificio do século XVI que foi fogar do rexedor betanceiro Vicente Antonio Roldán e de María Antonia Gil1. Un fillo deles, Francisco, enxeñeiro hidráulico e mariño, despediu a Alexander von Humboldt no porto da Coruña o 5 de xuño de 1799. Pero se hoxe traemos o seu nome é pola participación que tivo noutro salientable evento: un ano máis tarde ocuparía a presidencia efectiva do tribunal que outorgou a cátedra de Matemáticas da Universidade de Santiago de Compostela a Xosé Rodríguez. Feito parcialmente coñecido mais non así a identidade completa de Roldán e a súa estreita relación con xente ben próxima ao destacado científico.
Unha figura sobranceira da ciencia
Quen hoxe coñecemos como “o matemático Rodríguez” foi a figura científica máis destacada da súa xeración, mesmo o sobranceiro que deu Galicia na primeira metade do século XIX
Joseph Pedro Rodríguez González naceu en 1770 en Bermés, parroquia de Lalín, comarca do Deza. Quen hoxe coñecemos como “o matemático Rodríguez” foi a figura científica máis destacada da súa xeración, mesmo o sobranceiro que deu Galicia na primeira metade do século XIX, e está, polo tanto, entre os máis eminentes da nosa historia. De aí que sexa totalmente merecido que a Real Academia de Ciencias de Galicia o escollera como “científico galego” deste ano 2024. Sobre os seus grandes méritos xa falamos polo miúdo en anteriores artigos neste medio
A substitución na cátedra
O acceso de Rodríguez en 1800 á única cátedra de Matemáticas existente nese momento na Universidade de Santiago de Compostela supuxo un momento relevante na súa carreira profesional e tivo unha complicada primeira parte
O acceso de Rodríguez en 1800 á única cátedra de Matemáticas existente nese momento na Universidade de Santiago de Compostela supuxo un momento relevante na súa carreira profesional e tivo unha complicada primeira parte. Ao remate dos seus estudos de Bacharelato en Filosofía e Teoloxía (graos menores dos estudos universitarios daquel tempo) en 1797 desexaba encargarse da docencia das Matemáticas. Intentouno ben cedo, xa en outono dese mesmo ano, mais o candidato elixido foi Cristóbal Pecul, quen viña actuando de substituto desde o traslado en 1792 do titular, Luis Marcelino Pereira, unha situación que obrigaba a que cada novo curso fose nomeado un profesor provisorio para ese período.
Porén para o curso 1798-99 o novo e brillante bacharel foi elixido polo Claustro universitario celebrado o 17 de outubro como profesor substituto fronte ao outro candidato, Pecul. Este cuestionou xa nesa reunión a decisión, polos anos que levaba desempeñando o cargo e porque o proposto era só un bacharel e el un doutor. Pero a votación resultou favorable a Rodríguez: trinta e un votos fronte a vinte e un.
Pecul continuou presentando reclamacións en diversas instancias. As súas presións levaron a que o “Real Supremo Consejo de Castilla” instara ao Claustro compostelán a reintegralo ao posto, mais esa orde non se executou e, pola contra, a maioría do profesorado –por decisión do 11 decembro– aprobou enviar un escrito ao Rei: Representación a su majestad sobre la elección hecha por el Claustro para el sustituto de la catedra de matemáticas en el bachiller Rodríguez. Nel defendía a súa decisión de outorgar a substitución a Rodríguez, rexeitando os argumentos do reclamante.
Ao remate dos seus estudos de Bacharelato en Filosofía e Teoloxía en 1797 desexaba encargarse da docencia das Matemáticas. Intentouno ben cedo, xa en outono dese mesmo ano, mais o candidato elixido foi Cristóbal Pecul, quen viña actuando de substituto desde o traslado en 1792 do titular
Xosé Rodríguez gozaba dunha elevada consideración de –cando menos– unha parte notable do profesorado. No escrito que comentamos figura o texto repetido tantas veces, bastantes delas atribuído de xeito equivocado, sobre a valía do de Bermés: “Rodríguez, que a juicio de los Inteligentes a quienes merece los mas altos elogios es uno de aquellos genios que de raro en raro forma la Providencia para los conocimientos sublimes”. Nese escrito subliñábase que xa no curso anterior, no que o escollido foi Pecul, ese “xenio” chamara a atención de “varios graduados”, polo que o animaran a presentarse como candidato. En todo caso, o Claustro afirmaba que prefería “las públicas ventajas” de Rodríguez, a súa sólida formación, fronte á “veteranía” de Pecul.
Porén, no mesmo texto tamén se propoñía que –de cara a dilucidar o tema– ambos candidatos fosen examinados por dous destacados matemáticos que non eran profesores da universidade, o bieito Bernardo Foyo, profesor en Compostela (un dos seus alumnos fora o propio Rodríguez), e Cipriano Vimercati, destinado en Ferrol, que era Director das tres Academias de Gardas Mariñas de España. Existen dúbidas sobre se a proba comparativa tivo lugar, pero Rodríguez continuou como docente ese curso. Mais para o seguinte (1799-1800) Pecul volveu a ser nomeado como substituto polo Claustro (17 de outubro), previa nova orde do “Supremo Consejo de Castilla” (2 de setembro).
Convocatoria da oposición
Semellaba que o reivindicativo Pecul e os seus partidarios gañaran a batalla. Despois de diversas confrontacións ficaba claro que este profesor tiña moitas posibilidades de seguir como substituto nos cursos seguintes. Pero o tema non estaba rematado, pola contra pasou ao primeiro plano un asunto clave, que xa estaba en debate durante eses anos, cubrir a cátedra vacante, para deixar así de estar suxeita a substitucións. De feito, o propio “Consejo de Castilla”, ao pouco de apoiar a Pecul como substituto remitiu (18 de outubro) unha orde ao Reitor e Claustro para que a cátedra de Matemáticas saíra a concurso.
A Cristóbal Pecul non lle resultaba favorable unha proba na que se tivera que medir co brillante Rodríguez. Xa no escrito (Representación) do Claustro de decembro de 1799 se aludía a que Pecul tiña “embarazada” (sic), atrancada –coas súas manobras legais–a oposición. O tema fora tratado polo miúdo nun informe do Claustro de 10 de maio de 1797, en resposta a unha petición do “Consejo de Castilla” sobre o tema.
Fronte á solicitude de Pecul de que o acceso á cátedra non tivera lugar por oposición senón atendendo á antigüidade, graos, títulos e empregos (o que, obviamente, favorecía ao veterano profesor), a maioría do Claustro prefería medir os coñecementos dos candidatos
Fronte á solicitude de Pecul de que o acceso á cátedra non tivera lugar por oposición senón atendendo á antigüidade, graos, títulos e empregos (o que, obviamente, favorecía ao veterano profesor), a maioría do Claustro prefería medir os coñecementos dos candidatos, “el mérito intrínseco, cuyo verdadero contraste es la oposición, y juicio comparativo que en su consecuencia formen los Jueces”. Sobre quen deberían ser os opositores, o órgano do profesorado constataba unha realidade daquel tempo, a presenza de numerosos e competentes matemáticos fóra das universidades, que “estudian por genio”, fronte os profesores universitarios da materia que “profesan por obligación”. Por iso era partidario o Claustro que ás probas se puideran presentar “sin exigir en ellas Grado, Certificación ni otro admíniculo”. Por último, canto os integrantes do tribunal, aludían á normativa que permitía que na materia puideran formar tribunal profesorado universitario ou externo. De todas formas, consideraban que existindo “en este Cuerpo varios individuos muy instruidos en las Ciencias Mathematicas”, os integrantes do tribunal deberían ser “internos”. Esta opinión mudará en moi pouco tempo, como veremos. No mesmo escrito o profesorado introduciuse nun asunto polo que non lle era solicitada opinión, pero non menor, o tipo de probas a realizar na oposición, optando porque os opositores explicaran os teoremas matemáticos en si, no seu contido, e tamén na súa relación con outras ciencias, basicamente a Astronomía e a Física moderna (newtoniana).
A proba, o momento decisivo
Nese proceso resultou transcendente o acordo do profesorado do 27 de maio de 1800 para que se nomeasen xuíces da oposición a “sujetos de fuera del Claustro” poñendo como exemplo “los catedráticos de la Real Academia de Marina de Ferrol”
A oposición foi convocada por edicto de 8 de marzo de 1800. O panorama semellaba favorable a Rodríguez, pero nunha proba coma esa é ben sabido que a maior competencia técnica non supón, de xeito automático, o trunfo. A composición do tribunal, o seu perfil e relacións, sempre son moi relevantes.
Nese proceso resultou transcendente o acordo do profesorado do 27 de maio de 1800 para que se nomeasen xuíces da oposición a “sujetos de fuera del Claustro” poñendo como exemplo “los catedráticos de la Real Academia de Marina de Ferrol”. A decisión semellaba razoable, a Mariña e o Exército eran naquel momento os principais centros de formación matemática en España e alí estaban axeitados especialistas. Ademais, como indicamos, tiña un apoio legal que permitía nomear xuíces alleos só para tribunais de Música e Matemáticas, o que, por certo, amosaba carácter subalterno desa materia na universidade naquel tempo. Mais reparemos en que esa decisión era contraria á do mesmo Claustro de maio de 1797. Sorprende o cambio de criterio. En todo caso, obxectivamente, o acordo de botar man de matemáticos da Mariña de Ferrol favorecía –como veremos– a Rodríguez.
Os exercicios celebráronse no mes de xullo, Rodríguez demostrou a súa superioridade técnica e foi nomeado catedrático de Matemáticas o 2 de marzo de 1801
A decisión non contou co apoio unánime do Claustro, opuxéronse varios profesores, como José González Varela e Policarpo Rodríguez Correa, que mesmo presentaron un escrito; coidaban que se debían nomear a “sujetos que sean de adentro del Claustro”. En todo caso, o Reitor Manuel Barros Figueroa remitiu un oficio o 1 de xuño de 1800 ao Capitán Xeral do departamento de Ferrol, Francisco Javier Melgarejo Rojas, solicitándolle a elección e nomeamento entre os Mestres de matemáticas da Real Academia de Mariña dese departamento dos integrantes do tribunal. Tampouco resultou sinxelo ese trámite. De entrada a autoridade militar dixo (11 xuño de 1800) que non podía realizar o encargo, pois se atopaban enfermos o primeiro e segundo mestre e o terceiro, Alonso, estaba en comisión. Desde Compostela pedíronlle que autorizara a Alonso, porque se atopaba “en este pueblo”; coñecían –pois– dos seus pasos. Finalmente, as xestións acadaron éxito e o 28 de xuño o Capitán Xeral propuxo un tribunal formado por: Francisco Roldán, Francisco Yebra e José Alonso López.
As persoas que se presentaron á oposición foron Domingo José García Louzao, Joaquín Cordón Villadiego e José Rodríguez González. Cristóbal Pecul solicitou a suspensión do concurso queixándose da lexitimidade dos xuíces pero non tivo éxito. Os exercicios celebráronse no mes de xullo, Rodríguez demostrou a súa superioridade técnica e foi nomeado catedrático de Matemáticas o 2 de marzo de 1801.
O tribunal, o caso de Roldán
Os membros do tribunal, Francisco Roldán, Francisco Yebra e José Alonso López, aparecen identificadas na documentación conservada, respectivamente, como “ingeniero hidráulico”, “director de la Academia de Matemáticas y de hidrografía del Real Consulado de la ciudad de la Coruña” e “Maestro de Matemáticas de Guardias Marinas en dicho Departamento”, sen que ata agora foran obxecto de estudo as posibles conexións con Rodríguez e a súa contorna.
José Alonso López Nobal fora destinado en 1792 ao Observatorio Astronómico da Academia de Gardas Mariñas de Ferrol, na que tamén exerceu como profesor de matemáticas. Este alférez de fragata tíña unha moi boa relación con Cipriano Vimercati Benítez, o Director da Academia de Gardas Mariñas de Ferrol, quen o levaría a Santiago cando o seu valedor tomou posesión en marzo de 1799 dunha coenxía na catedral (nomeado en setembro de 1798). Francisco Esteban Yebra (non Zebra, nin Yedra), alférez de fragata (consta en 1800), era primeiro profesor de Matemáticas e director da Escola de Náutica do Consulado coruñés desde 1798. No seu paso pola institución (1793-1805) salientou polo seu dinamismo e un ensino práctico con exames públicos.
O mariño betanceiro Roldán (1763-1832) era tenente de navío e tiña o seu destino en Ferrol pero en 1798 fora nomeado axudante de Rafael Clavijo y Socas, director dos enxeñeiros da base naval e responsable dos importantes Correos Marítimos situados na Coruña. En Ferrol tamén estaba destinado o seu curmán José (quen sería o oitavo conde de Taboada) como enxeñeiro e capitán de fragata. Na documentación da oposición e en numerosas referencias posteriores figura como Francisco Roldán, pero realmente o seu nome completo era Francisco Roldán Gil Taboada, o que resulta importante para o tema que tratamos. Era fillo de María Antonia Gil Taboada Lemos, da e influente familia Taboada, orixinaria da da comarca do Deza, como Rodríguez, quen era irmá –nin máis nin menos– que de Benito e Francisco, os principais protectores e valedores do matemático de Bermés durante bastantes anos.
Ademais, outro elemento de considerable importancia é que sendo un tribunal de composición militar, Roldán sería o principal integrante pois era o superior xerárquico xa que tiña a graduación de tenente de navío e os outros dous a de alférez de fragata. A iso debemos engadir outra circunstancia a considerar, o seu tío Francisco Gil Taboada era a máxima autoridade da Mariña española (Director Xeral da Armada), xefe –polo tanto– do Capitán Xeral de Ferrol. Sen dúbida, a decisión do sector maioritario do Claustro compostelá de deixar en mans da Mariña a elección do tribunal tiña unha evidente importancia. Os méritos incuestionables de Rodríguez estaban ben protexidos fronte a inesperadas sorpresas. Blindados, diríamos hoxe.
Os Taboada, principais protectores de Rodríguez
Xosé Rodríguez, de orixe humilde, tivo a fortuna de que á súa chegada a Compostela atopou entre os impulsores da “Sociedad Económica de Amigos del País” importantes protectores. Por outra banda, gozou do amparo dos poderosos Taboada
Xosé Rodríguez, de orixe humilde, tivo a fortuna de que á súa chegada a Compostela atopou entre os impulsores da “Sociedad Económica de Amigos del País” importantes protectores. Por unha banda a Pedro Antonio Sánchez Vaamonde, catedrático, cóengo e director do biblioteca arcebispal, de notable influencia na universidade e arcebispado, quen actuou como guía e director intelectual dun grupo de mozos inquietos no que salientaba o futuro matemático. Por outra banda, gozou do amparo dos poderosos Taboada. Sánchez Vaamonde morreu en 1806, polo que a súa protección rematou nesa data, mais a dos Taboada duraría toda a vida do noso científico.
Inicialmente o principal soporte para Rodríguez por parte desa familia foi Benito Gil Taboada Lemos, quinto conde de Taboada. Tamén do irmán deste irmán, Francisco, ex-virrei de Nova Granada e do Perú, que foi ministro de Mariña (Secretario na denominación da època) e a quen xa aludimos. Como ministro daría o visto bo para a participación de Rodríguez en 1806 na expedición do meridiano e formaba parte da “Junta Central Suprema” que lle encargou o “mapa exacto” de España. A relación e/ou protección– continuou cos fillos de Benito: Felipe, Jacoba, José e Vicente.
O condado de Taboada acabaría pasando aos Roldán por falta de sucesores varóns entre os irmáns. O fillo maior de María Antonia, Manuel (irmán de Francisco), sería o décimo conde; unha filla del, Francisca de Paula Roldán e Rioboo, condesa, casaría en segundas nupcias con Pedro de Agar Bustillo, fillo de coruñeses e educado na cidade herculina, quen sería Rexente do Reino (1811-12; 1813-14), pasando o condado de Taboada a Manuela Agar Roldán, filla destes.
Rodríguez nunca camiñou só
O progreso persoal adoita ir da man da competencia propia, máis tamén das axudas recibidas. Un influente padriño pode axudar moito na carreira dunha persoa mediocre, e se, como foi o caso de Rodríguez, o protexido é brillante, as posibilidades de éxito multiplícanse
O acontecido permítenos observar unha realidade bastante común no mundo profesional e académico, que moi poucas veces é exposta en público. O progreso persoal adoita ir da man da competencia propia, máis tamén das axudas recibidas. Un influente padriño pode axudar moito na carreira dunha persoa mediocre, e se, como foi o caso de Rodríguez, o protexido é brillante, as posibilidades de éxito multiplícanse. Na biografía científica, e política, do noso matemático converxeron sempre a súa destacada formación técnica e o feito de gozar de apoios relevantes. Os afeccionados do Liverpool FC e doutros equipos, cantan, “You'll never walk alone” (versión de Gerry e os Pacemakers) para transmitir un percorrido compartido. O xenial Rodríguez nunca camiñou só, sempre o fixo ben acompañado.
Notas
1 O edificio pertenece na actualidade á Fundación Condado de Taboada e, lamentablemente, non está accesible ao público.