Agresión contra a lingua galega

A Xunta de Feijóo tivo unha actitude belixerante contra a promoción do galego. A partida nos Orzamentos da Xunta pasaba de 21,5 millóns de euros en 2009 co goberno bipartito (PSdeG-BNG) a 6,7 millóns nos orzamentos da Xunta do PP para 2015. Por outra parte, a partida destinada a axudas para os equipos de normalización do galego dos centros de ensino público descendeu desde a chegada do PP á Xunta de Galiza, segundo a CIG. Nos cursos 2009-2010 e 2010-2011 a Consellería de Educación asignaba 800.000 euros, que se reducían a 500.000 euros en 2011-2012, que pasaba a 300.000 euros no curso 2014-2015.

As axudas aos concellos para normalizar o idioma propio de Galiza sufrían un importante recorte e os 520.000 euros de 2012, quedaron reducidos a 245.000 euros en 2015. O PP reducía tamén nun 80% a dotación para bibliotecas de libros en galego. Como contraste, a Xunta destinaba 300.000 euros para un polémico vídeo de promoción de Galiza do cantante Enrique Iglesias.

 

Rotura do consenso

O Decreto 79/2010 de 20 de maio para o plurilingüísmo no ensino universitario da Xunta de Feijóo, rompía o consenso existente entre todas forzas políticas de Galiza. O Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega, elaborado por 200 especialistas, era aprobado por unanimidade o 21 de setembro de 2004. Un decreto do goberno bipartito de 2007 estabelecía que no ensino o 50% das materias deberían impartirse en galego. O PP xa anunciaba no seu programa electoral para as eleccións autonómicas de 2009, que derrogaría esa norma se gañaba as eleccións, cousa que fixo, introducindo un terceiro idioma, o inglés, que reducía as materias impartidas en galego ao 33%, o mesmo que para o español ou inglés. Máis de 5.000 profesoras e profesores declaráronse en rebeldía contra ese decreto.

Esas medidas de Feijoo contra o galego provocaron unha importante mobilización cívica de rexeitamento ante a iniciativa da enquisa da Consellería de Educación para coñecer a opinión dos pais e nais sobre o uso do galego nos centros de ensino, así como a redución do uso galego para impartir as distintas áreas do currículo. Crítica unánime de todos os sindicatos, Federación de Nais e Pais de Centros Públicos, Colexio Oficial de Psicólogos de Galicia, Instituto da Lingua Galega, Coordinadora Galega de Equipos de Normalización e Dinamización Lingüística de toda Galiza, directores de centros de ensino, Mesa pola Normalización Lingüística, Real Academia Galega. Tamén os Departamentos de Filoloxía das tres universidades galegas criticaban duramente ao goberno de Feijóo: “O primeiro da historia da democracia que lexisla en contra da lingua do país e que goberna e actúa segundo intereses alleos a Galicia”.

 

Consello de Europa e Real Academia Galega denuncian a política da Xunta de Feijóo

Un grupo de expertos lingüísticos do Consello de Europa visitaban Galiza, entrevistándose con autoridades da Xunta e o informe elaborado sinalaba a súa preocupación pola redución gradual do galego no ensino e o efecto negativo de prohibir expresamente que determinadas áreas poidan impartirse en galego, engadindo que a educación infantil en galego só estaba presente no 6,57% nas sete cidades galegas. O informe, feito público en outubro de 2012, concluía que as medidas tomadas polo PP desde que Feijóo gobernaba, van en contra do acordado en 1992 polos Estados asinantes da Carta Europea das Linguas Minoritarias. Estes expertos lembraban o compromiso dos Estados de ofertar “educación enteiramente ou esencialmente en galego para aqueles alumnos cuxos pais así o desexen”. Ao mesmo tempo, rexeitaban a supresión das Galescolas.

Pola súa parte, a Real Academia Galega (RAG) consideraba que o chamado decreto de plurilingüísmo “perpetúa a situación de inferioridade da lingua galega” e que está “en aberta contradición coa Lei de Normalización Lingüística”. Presentaba un recurso contra o citado decreto ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG), que en 2012 anulaba dous dos artigos: o 5.2 sobre a consulta aos pais e nais do alumnado sobre a lingua que preferían para os seus fillos; e o artigo 12.3 que daba liberdade ao alumnado para utilizar galego ou castelán independentemente do idioma no que se impartise a materia.

Despois de que tanto o Tribunal Supremo como o Constitucional rexeitasen outros dous recursos, a RAG anunciaba en marzo de 2016 que presentaría un recurso contra o decreto de plurilingüísmo ante o Tribunal de Dereitos Humanos de Estrasburgo. O presidente da RAG, Xesús Alonso Montero, apuntaba que se precisa outro goberno para salvar o galego: “O Partido Popular non veu ao mundo para salvar a lingua galega”. Para que a situación do idioma cambie “sería preciso que algún día gobernen outras forzas”.

 

Mobilización cívica promovida por Queremos Galego

Coincidindo co Días das Letras Galegas de 2015, miles de persoas secundaban nunha manifestación en Compostela, convocada por Queremos Galego. O manifesto dicía, entre outras cousas:

A Xunta de Galicia ten que defender a lingua non só porque é a súa obriga, mais tamén porque é o principal factor de cohesión social e de unidade, e porque ningún pobo pode progresar de costas ao seu idioma.

O futuro do galego, o noso máis importante sinal de identidade colectiva, é unha demanda social, a da nosa existencia colectiva, que os gobernos deben ouvir e atender para actuar. A garantía de futuro do noso país é o galego.

Queremos galego, e activámonos como sociedade para telo e repolo nas rúas, nas escolas, nos parques, nos centros de traballo, nos medios de comunicación, na música, na literatura, na saúde, na xustiza e na administración. Queremos galego e precisamos pasos adiante, non retroceder sobre os acordos, para reverter por fin un proceso de substitución lingüística que nos debilita e nos limita como país.

Por iso estamos nas prazas e rúas de Galiza, para dicir ben alto: Queremos Galego. Queremos Galiza con futuro!

 

Enquisa do INE

Unha enquisa do Instituto Nacional de Estatística (INE) sobre o uso de do galego, realizado en 2021 e publicado en decembro de 2022, recollía o importante retroceso nos últimos anos, sobre toda na mocidade. Hai dez anos o Instituto Galego de Estatística (IGE) publicaba que o 43% da poboación era monolingüe en galego. En 2018, segundo o IGE, o galego era maioritario para algo máis de metade da poboación e o 21,5% era monolingüe. Unha nova enquisa do INE, que complementa a actualización do censo do 2021,situaba o galego por debaixo do castelán con 25.000 persoas menos no número de falantes.

As persoas galegofalantes son minoría en todos os segmentos de idade, excepto nos maiores de 60 anos. En menores de 20 anos hai 232.757 que se expresan a diario en castelán; 64.265 en galego e 76.193 empregan os dous idiomas indistintamente. En porcentaxe para menores de 20 anos o 59% teñen como primeira lingua o castelán, o 16,4% o galego e o 19,4 indistintamente. Para maiores de 60 anos, o 57% ten como primeira lingua o galego, o 26,6% o castelán e o 15% castelán ou galego. Nesta última franxa o galego conta con preto de medio millón de usuarios, máis do dobre que en castelán.

Marcos Maceiras, presidente da Mesa pola Normalización Lingüística de Galiza, considera que esta situación é “reversíbel” e insta á Xunta a impulsar unha política lingüística que “garanta a presenza e a posibilidade de usar o galego en todos os espazos”. E reclamaba que suspenda o chamado Decreto de Plurilingüísmo no ensino porque contribuíu á perda de galegofalantes.

Para Ana Pontón, portavoz nacional do BNG, “estes datos demostran que a política lingüística do PP supón un ataque directo para o presente e o futuro do galego”. Denuncia que ese Decreto vulnera a Lei de Normalización Lingüística e propicia as queixas de pais que ven como “os seus fillos e fillas entran pola porta da escola falando galego e saen falando castelán”. Acusaba a Feijóo de “rachar desde 2007 o consenso para regular o uso da lingua propia nas aulas” e propuña “devolverlle ao galego o seu papel protagonista no ensino, acabar coa nefasta realidade de ter unha escola pública desgaleguizadora e usar os medios públicos para xerar contidos para a infancia e a adolescencia”.

O Presidente Rueda, que non mostraba preocupación por estes datos do INE, manifestaba que a Xunta ten que “facilitar” a “cordialidade lingüística” que hai na Galiza. O reto para o idioma propio pasa para Rueda por “incorporar o galego ás novas tecnoloxías”.

Reducíase a partida dedicada á promoción da lingua, e o Consello de Europa reprendía o Estado español en marzo de 2022 cun documento que urxía a actuar para suprimir as limitacións ao ensino en galego. Advertía que a distribución das linguas entre as materias escolares “non é equitativa” e que o galego está presente “só nunha parte dos centros de educación infantil”. Tamén alertou da necesidade de incrementar o material didáctico na lingua propia.

Como contraste, os orzamentos do Goberno Vasco para 2023 dedicaban 148,5 millóns de euros para a promoción do euskera: 72,5 para normalización lingüística, 10,8 para normalización da Administración Pública e 64,2 millóns de euros para a euscaldunización do sistema educativo.

 

O PP contra o uso do galego

O PP rexeitaba no Parlamento Galego as iniciativas parar frear a perda de galegofalantes e votaba en contra dunha proposición non de lei presentada en decembro de 2022 por Mercedes Queixas, deputada do BNG, que demandaba da Xunta “deseñar, desde o consenso”, un plan para reverter a actual situación e “conseguir que a cidadanía teña garantida a posibilidade de vivir en galego en todos os ámbitos, se o desexar”. Queixas emprazaba o PP a “traballar en positivo” a favor do idioma propio da Galiza e criticaba a actitude dunha Xunta “que se nega a escoitar” as institucións –“como a Real Academia Galega, o Consello da Cultura Galega e o Consello de Europa– e que exerce como “partido da imposición da ignorancia lingüística”. A iniciativa tivo o apoio do PSdeG, pero o PP cargaba contra BNG por estar “sempre coa mesma matraca” a respecto da lingua galega. Moisés Rodríguez, deputado do PP, manifestaba que “estamos en España” e acusaba a BNG e PSdeG de “atacar as persoas que deciden ser plurilingües e non sucumbir ao nacionalismo galego”.

Rueda sempre tivo unha posición política contra o galego e as políticas de normalización lingüística e estaba en primeira liña na manifestación en Compostela en febreiro de 2009, semanas antes das eleccións, convocada por Galicia Bilingüe contra a “Imposición del gallego”. Xa como presidente da Xunta, manifestábase o 14 de setembro de 2023 en contra do uso da lingua galega no Congreso: “En España hai unha lingua común que é o castelán e non é necesario usar un pinganillo para entenderse”. Ana Pontón acusaba a Rueda e Feijóo de “desprezo e traizón ao noso idioma”. Finalmente, o Congresso aprobaba o 21 de setembro de 2023 a modificación do regulamento da Cámara Baixa para poder usar as linguas cooficiais (catalán, galego e euskera) en toda a actividade parlamentaria co voto en contra de PP, Vox e UPN.

Por outra parte, sobre cincuenta personalidades de Galiza difundían o manifesto “Queremos galego, tamén no Congreso”, que criticaba a actuación do PP. Entre as asinantes estaban: Víctor Freixanes, presidente da Real Academia Galega; Henrique Alvarellos, presidente da Asociación Galega de Editoriais; escritoras/es como Manuel Rivas, Ledicia Costas, María Reimúndez e Suso de Toro; o grupo musical Tanxugueiras, o director teatral Quico Cadaval, o actor Xosé A. Touriñán, a actriz Paula Carballeira e o músico Xabier Díaz, entre outras.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.