Amor de cole de barrio

Exterior do CEIP Apóstolo Santiago, nome que a ANPA do centro propuxo mudar por CEIP da Almáciga, unha proposta aprobada por unanimidade polo Consello Escolar © Alicia Losada

Fíxose un proceso coidado na comunidade educativa, cumprindo todas as normas e os tempos que determina a Consellería de Educación. Neste proceso non só participou o centro se non tamén o barrio. É unha loita que comezou hai moitos anos e que precisou de moito esforzo de varios equipos directivos da ANPA para chegar ata hoxe.

Escollín a escola da miña filla no ano 2021, cando aínda non se abrían as portas ás familias e todo o que podías facer era axexar os patios desde fóra ou asomarte a unha xanela dunha aula. A decisión foi doada. Unha escola que estivera a piques de pechar e pola que as veciñas do barrio decidiran apostar. Tiña asociación de familias moi potente e profesorado comprometido. O paraíso, diríase.

A realidade foi aínda mellor. Abraiada polo traballo de todas as que viñeron antes ca min e as que me rodeaban, era doado atopar a motivación para seguir mellorando esta etapa escolar das nosas crianzas. E iso fixeron e facemos.

Estes días dixéronse cousas radicalmente falsas, unha delas é que o cambio de nome do noso centro é un capricho temporal. Unha moda de hoxe, que nos dou por usar a toponimia desta tempada primavera-verán 2026. Pois non, é unha loita que comezou hai moitos anos e que precisou de moito esforzo de varios equipos directivos da ANPA para chegar ata hoxe.

Hai uns días descubrimos que nos meteran na lameira política. Comezaron a chover entrevistas, artigos, titulares incendiarios, a radio na porta da escola e ata recollidas de firmas para deter o asunto

Fíxose un proceso coidado na comunidade educativa, cumprindo todas as normas e os tempos que determina a Consellería de Educación. Neste proceso non só participou o centro se non tamén o barrio. Escoitáronse as voces discrepantes, houbo debates, chegamos a acordos, votouse e naceu a proposta en firme. Levouse ó Consello Escolar e aprobouse por unanimidade. Marabilla.

Hai uns días descubrimos que nos meteran na lameira política. Comezaron a chover entrevistas, artigos, titulares incendiarios, a radio na porta da escola e ata recollidas de firmas para deter o asunto. Acusaron á nosa ANPA de promover a igualdade de xénero, de posicionarnos fronte ó xenocidio en Gaza, de facer actos reivindicativos para garantir os dereitos do colectivo LGTBIQ+ e de fomentar o uso do galego na escola. Delitos todos dos que estou moi orgullosa.

O interese pola nosa escola medrou porque algún pensaba que ía rabuñar algún voto, non porque lles interesase nada máis. Nin o estado do centro, nin a sobrecarga das docentes, nin as ratios, nin se se cobren as demandas das familias con crianzas con NEAE. Non, o nome

O interese pola nosa escola medrou porque algún pensaba que ía rabuñar algún voto, non porque lles interesase nada máis. Nin o estado do centro, nin a sobrecarga das docentes, nin as ratios, nin se se cobren as demandas das familias con crianzas con NEAE. Non, o nome. Dixeron que a proposta era anticompostelanista, que queriamos borrar a identidade de Santiago de Compostela (canto poder teñen unhas nais fóra de si) e incluso que estabamos manipuladas polo BNG. Insultar deste xeito a todas as compañeiras que traballan sen descanso por esta escola. Tratar de persoas sen criterio a todas as familias e ó profesorado, non escoitar a unha comunidade educativa nin a un barrio iso si que é anticompostelanismo.

O que debera ser un trámite administrativo converteuse nun vodevil encabezado polo Partido Popular de Santiago rachando a camisa por defender a honra dunha cidade en perigo de extinción por un cambio de denominación dun centro de educación infantil e primaria. Sumáronse ó delirio os non adscritos, eles saberán os motivos, que coas súas abstencións acabaron mandando a proposta ó lixo.

Eu estou orgullosa de vós, da escola pública, das profesoras, das monitoras de comedor e do noso barrio. E como nos gusta dicir nos días de festa: Viva o amor de cole do barrio da Almáciga!

O topónimo Almáciga vén polo depósito de auga da cidade pero tamén pode significar un alcouve ou sementeiro. Eu sei que as sementes, se as coidamos entre todas, agroman fortes e decididas.

Eu estou orgullosa de vós, da escola pública, das profesoras, das monitoras de comedor e do noso barrio. E como nos gusta dicir nos días de festa: Viva o amor de cole do barrio da Almáciga!

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.